A Asociación Queremos Galego Marín continua co seu ciclo de actos "O galego máis alá da literatura" cunha charla sobre os alcumes de Marín nos anos 50. Será hoxe, ás 20 horas, no Museo Manuel Torres.

Os alcumes ou alcuños son os nomes que se lle dá coloquialmente a unha persoa ou familia, xurdido polas razóns máis diversas, con ou sen o beneplácito de quen o porta, e que pode tomar como base as características físicas ou morais, reais ou inventadas deste.

Na Galiza hai unha longa tradición de alcumes, e poucas deben ser as familias que non teñen ou tiveron un. O alcuño desempeña dúas funcións fundamentais como é saber a que persoa ou familia nos referimos cando falamos por unha banda, e situalos nun espazo xeográfico pola outra. Un dos exemplos máis claros disto, son as notas necrolóxicas onde é habitual poñer xunto co nome e apelidos da persoa falecida, o seu alcume, se o tiver, para así facilitarlle á veciñanza a súa identificación.

Con todo, na actualidade o uso dos alcumes por distintos motivos está en franca regresión, sobre todo en áreas urbanas, podendo incluso chegar a perderse moitos dos alcumes tan pronto desaparezan as persoas maiores que os ostentan, desaparecendo así un aspecto moi interesante da cultura galega.

A través dos alcumes tamén podemos coñecer a capacidade de enxeño popular, a variedade e diversidade léxica, as variantes dialectais e a evolución dunha lingua das persoas que nos precederon no tempo.

Para nos falar dos alcumes de Marín nos anos 50 a Asociación Queremos Galego Marín contará coa presenza do veciño, profesor de FP, filólogo e lingüista Anxo Soto García.

Entre finais dos anos 90 e comezos do novo século o grupo Xarángallo Mángallo recolleu nos seus libriños centos de alcumes de Marín. Na actualidade Anxo Soto García con estes alcumes, con outros moitos recollidos tamén pola marinense Enriqueta Otero e por el mesmo está a facer un estudo da orixe e do significado dos alcumes de Marín nos anos 50.

A Asociación Queremos Galego Marín convida a toda a veciñanza a asistir a esta charla para coñecer unha parte importante da cultura e historia da vila.