Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Óscar Ibáñez: "Ricardo Portela ten un discurso de defensa a ultranza do amor profundo a Galicia"

O pontevedrés publica novo disco en homenaxe ao gaiteiro de Viascón, falecido hai 25 anos

Óscar Ibáñez toca unha gaita de Ricardo Portela. // FdV

En agosto de 2016 o pontevedrés Óscar Ibáñez comezaba a traballar na creación dun disco en homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela (Viascón, 1920-Pontevedra, 1992) co gallo do 25 aniversario do seu pasamento. A gravación porase á venda nas tendas a partir do vindeiro luns, 27 de marzo. Antes, este venres, terá lugar unha homenaxe ao músico en Pontevedra e Cerdedo-Cotobade, que inclúe o descubrimento dunha placa conmemorativa na rúa Laranxo de Pontevedra, ás 18.30 horas, e unha gala ás 21 horas no Teatro Principal, na que se presentará o CD.

"Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela" conta coa colaboración de artistas como José Luis Calle, Francisco Estévez "Chuco", Gonzalo Caride, Wenceslado Cabezas "Polo", Antón López "Toniño", Xosé V. Ferreirós, Manuel Solla, Alberto Costas e Jesús Corral, entre outros.

-Que significou Ricardo Portela para o mundo da música?

-É un dos referentes fundamentais da nosa gaita e o nexo fundamental entre a gaita tradicional e o que hoxe entendemos como gaita moderna. Case todas as figuras artísticas gaiteiras do noso país desenvolveron a súa técnica. Vinculado con Pontevedra, ou no que ten que ver coa tradición pontevedresa, Ricardo Portela recolle a tradición gaiteira, desde os vellos gaiteiros como Manuel Villanueva ou Xan de Campañó, do que el se autoproclamaba discípulo ou seguidor, desa técnica do toque pechado. El coñeceu a Xan de Campañó sendo neno. Víao percorrer as rúas de Pontevedra e dese repertorio pasaron ao seu algúns dos temas clásicos, como "O fandango da vella" ou o que lle da título a este disco e que é un dos grandes himnos da música galega fóra do noso territorio, como é "Aires de Pontevedra". Este tema contén os motivos melódicos daquela alborada que Manuel Villanueva de Poio lle trasladou a Perfecto Feijoo ou Xan de Campañó. Artistas como Milladoiro, Carlos Núñez ou o bretón Patrick Molard o coñecerán no Festival Intercéltico de Moaña. Molard visitarao na súa casa de Viascón e levará o tema para Bretaña e convertirase nun dos grandes impulsores da música galega fóra a través de "Aires de Pontevedra".

-Ricardo Portela estivo moitos anos sen tocar porque lle roubaron a gaita. Que tiña de especial?

-El aprende a tocar moi de neno en Viascón, nun entorno familiar con músicos. A súa infancia pasa entre Viascón e Pontevedra. En Vigo recibe o maxisterio do gaiteiro Xosé Oliveira Blanco. En primeira instancia toca cunha gaita do gaiteiro "O Marreco", de Xinzo, Ponteareas. Dalgunha maneira era especial, polo que cando lla rouban e non a recupera, decide deixar de tocar ata ter unha que sonara igual, porque era un home muy íntegro e non quería facelo sen as garantías e sen facer honra ao instrumento e a música. Ao volver da emigración, fálanlle do obradoiro de gaitas de Deputación de Lugo, onde estaba o taller de Paulino Pérez, creado arredor da figura de Faustino Santalices. Aí se fai cunha serie de punteiros que é cos que grava o seu disco co seu irmán Xesús. Xa nos anos 80 coñece a Xosé Seivane, o avó de Susana, e ve nos seus punteiros algo que lle lembra a aquela gaita que lle roubaran. Non é casualidade, porque cando Xosé Seivane estivo facendo a mili por Pontevedra coñeceu o obradoiro de Ponteareas e se inspirou nesa maneira de facer as gaitas. Con ese primeiro punteiro que lle fai Seivane é co que eu gravei este disco, coa súa gaita.

-Como tivo acceso a ela?

-A través da súa familia, coa que teño unha estreita relación, que comezou en 2008 cando impulsamos aquel doble disco con discípulos de Portela na súa homenaxe. Agora lles propuxen que un dos proxectos que me gustaría levar a cabo co gallo do 25 aniversario do seu pasamento sería a gravación con todo o respecto e admiración, e achegándome o máximo posible, ao xeito tan peculiar e singular de tocar do mestre de Viascón co toque semipechado que usaba. Era un gaiteiro tradicional cunha visión da gaita moi actual. El sistematiza, canoniza as pezas. Eso é o que o diferencia de todos os gaiteiros do seu tempo.

-Tocar a súa gaita sería toda unha honra...

-Toda unha honra e toda unha responsabilidade. Este traballo é de continuidade ao de Filgueira Valverde con Xan de Campañó porque estamos falando de que Ricardo Portela se proclamaba discípulo de Xan, polo que gravamos con ese toque diferencial del. De quen máis pezas recolle Portela era de Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo de Montes. Non deixan de ser figuras moi vencelladas tamén á comarca de Pontevedra. Ricardo Portela, ademais, é un gaiteiro que ten un discurso de defensa a ultranza do amor profundo a Galicia, ao idioma, á música galega primeiro e á gaita despois. É comprometido, reivindicador, unha persoa con sacrificio. Por exemplo, non participaba dos grupos vinculados á Sección Femenina por ser coros potenciados dende o réxime franquista. Era un orador magnífico.

-A figura de Ricardo Portela ten sido suficientemente recoñecida?

-Penso que, como en todo, hai momentos nos que case sempre son as persoas as que fan máis que as institucións ou as cores. Aquí en Pontevedra faise o memorial Ricardo Portela dende hai anos, dá nome a unha rúa, ao igual que en Vigo, e en Carballedo hai un busto na súa homenaxe. A súa arte e o seu xeito distintivo de tocar merecerían unha liña de potenciación concreta.

Compartir el artículo

stats