Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fina Casalderrey: "A medida que cumpres anos, o que máis che importa é o afecto "

A autora vén de gañar o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras

A escritora Fina Casalderrey no xardín da súa casa. // Rafa Vázquez

Dicir Fina Casalderrey é dicir un dos nomes imprescindibles da literatura infantil e xuvenil (LIX) galega. A pontevedresa (Xeve, 1951) vén de se anotar un tanto máis no seu currículo ao ser galardoada co Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras.

- Un Premio da Cultura Galega... Estas xa son palabras maiores, non?

-Tan maiores que, cando mo comunicaron, non souben reaccionar. Aínda agora, pasadas unhas horas, continúo a sentir unha sorte de vertixe só con pensar nunhas cantas ducias de nomes que deberían estar diante de min. Pero se penso na LIX (onde sigo a atopar moitos nomes que terían que me preceder), necesito crer que algo aportei a esta nosa cultura para non arrubiarme tanto.

-Despois de Luz Pozo, é a segunda muller en ser recoñecida na categoría de Letras. Ese tamén será outro logro?

-Estar, aínda que sexa brevemente, a carón de Luz Pozo é unha honra que debo, en moi boa medida, a todas as galegas que deixaron, e deixan, parte da súa pel na loita polas conquistas que as xeracións máis novas, quizais pensen que xa estaban aí? Conste que, talvez, o logro máis grande para esas mentes xenerosas, entregadas á causa dos dereitos da muller, quizais sexa precisamente ese: que as novas xeracións sexan quen de pensar máis grande, anulados xa moitos dos prexuízos de xénero cos que nos educaron a nós. A conquista será total cando a este tipo de novas deixe de ser necesario unirse o matiz de xénero.

-O seu nome figura ao lado de grandes escritores como Agustín Fernández Paz ou Neira Vilas. Que sinte que ten en común con eles?

-Con eles e con outras e outros moitos (non os nomeo por medo de deixar alguén atrás), a parte da miña admiración e afecto persoal, úneme o amor á lingua, ás palabras de noso, á nosa cultura, ao noso pobo, á nosa terra, a preocupación común, a tristeza, cada vez que botamos un paso atrás, a ledicia polas conquistas do pobo galego no seu conxunto e polas persoais dos demais, as conversas?; o agradecemento ás nenas e nenos que nos len, ás mestras e mestres que exercen de pontes imprescindibles e aos que tanto debe a LIX galega.

-Cre que lle puido axudar o feito de pertencer á RAG?

-Non lle teño nin idea. Coido que pertencer á RAG non ten por que me prexudicar, mais tampouco non é un mérito en si mesmo, en todo caso, quero crer que influirían os mesmos motivos que me levaron a estar aí. Claro que, calquera recoñecemento deste tipo é unha porta, unha chamada de atención que provoca un "ruído" humano que quizais doutro xeito pasase máis desapercibido do que debese. Pensemos, por poñer un exemplo, en Paco Martín o pai de Lamote, ese de quen, con moito tino, Manuel Bragado tomou o nome para referirse a todas e a todos os escritores da miña xeración? Ou no pai de "O misterio das badaladas", ou?

-Pode unha nalgún momento da súa vida agardar un premio así?

-Seguramente as novas xeracións, si. Por sorte non é estraño chegar a un centro, poño por caso, e que unha nena de dez ou doce aniños se achegue e che diga. "estou rematando a miña segunda novela" ou, "cando eu vaia recoller o meu Nobel de Física voullo dedicar a miña avoa e mais a ti", soñan con esas cousas? e soñar é pensar máis grande. Eu tiña soños, claro que si, pero entre eles non estaban, nin sequera o propio martes pola mañá, o de que un día me ían conceder o Premio de Cultura das Letras. É máis, cando o día vinte e dous mo comunicaron, xa digo, sentinme bloqueada e nin sequera souben dar as grazas a quen mo comunicou, como esixe un mínimo de cortesía.

-Que foi o primeiro que dixo ?

-Pois moitas grazas e pouco máis?

-Que supón para a traxectoria dun escritor cada un dos galardóns que vai recibindo na súa vida?

-Que supoñen para min? Un peso, un peso agradable de levar, pero que che esixe unha responsabilidade, como pouco a de intentar demostrarlles que non se trabucaron moito. Polo demais, cada vez relativizas máis todo isto e queres velos coma un aloumiño, talvez porque a medida que cumpres anos, que ves que amigos teus daríano todo por recuperar a saúde física (e ti daríalo por que así fose), o que máis che importa é o mundo dos afectos. E polo menos os membros do xurado, de tantos estamentos diferentes, non me debían querer mal de todo.

-Non se corre o risco de que se suban á cabeza?

-Se poñemos demasiado peso na cabeza, xa sabemos que corremos o risco de encoller de estatura máis de présa e eu xa son tan baixiña?

-Este, que ten un carácter tan institucional, ten o regusto do recoñecemento do público tamén?

-A min paréceme que este tipo de premios institucionalizados, nos que interveñen a Universidade, as Academias, o Consello da Cultura, a Xunta? teñen o recoñecemento do público, se o público xa llo tiña ao premiado, doutro xeito poden provocar o efecto contrario. Quero crer que aínda que só sexa por nomes coma Méndez Ferrín, Agustín Fernández Paz, Luz Pozo, Neira Vilas, Miguelanxo Prado... o pobo non os pase por alto.

-Significa tamén que se lle dá á literatura infantil o lugar que merece?

-Significa que a literatura infantil comeza a ser considerada literatura. Por fin un autor de LIX foi recoñecido como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, son banzos? chamadas de atención que fan que moitos adultos a descubran por primeira vez, como tal, e se sorprendan de atopar verdadeiras xoias literarias. Contan que dunha volta lle dicían a Galileo porque non ideaba máquinas mais grandes e el respondeulle que porque as quería facer fortes, que o pequeno é sempre, proporcionalmente máis forte. Se tiras unha cabra dun sexto piso é probable que se mate, se tiras unha formiga é probable que se salve.

-Que momento vive a literatura galega en xeral?

-Pois en xeral? o que precisa a literatura galega é de lectores e lectoras que se acheguen a ela sen prexuízos, que non teñamos que agardar a que os recoñecementos cheguen de fóra para comezar a valorala nós.

-Como van as ventas de "Historia da bicicleta dun home lagarto"?

-Diría que moi ben, pero non podo concretar datos, diso saben na editorial. O contacto que tiven ata agora con lectores e lectoras foi moi grato, incluso adultos. Eu sigo aprendendo, é dos últimos libros? Encantaríame que ante todo gocen coa historia e se emocionen e queiran cambiar o mundo para que o que está pasando en Siria, por exemplo, non se repita cando sexan maiores e teñan cargos de responsabilidade, pois a decisión máis acertada diante dunha guerra é evitala. Evitala, non a costa de que haxa sempre uns perdedores, claro.

-Vai participar no Congreso de Escritores da AELG que se celebra este sábado en Pontevedra?

-Encantaríame. Pontevedra é ademais unha cidade moi literaria? Pero outra obriga adquirida con anterioridade fai que teña que ir a Madrid.

Compartir el artículo

stats