O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) abrirá, finalmente, de balde, durante a súa primeira semana de funcionamento. Así o decidiu a tenente de alcalde e concelleira delegada do Centro Histórico, Teresa Casal, “diante das numerosas peticións que ten recibido nos últimos días”.

Teresa Casal entende que, diante da expectación suscitada e despois de valorar tamén algunhas queixas pola escaseza da xornada de portas abertas celebrada o pasado mes de agosto, resulta axeitado ofrecer o acceso temporal de balde “como homenaxe aos pontevedreses e como xeito de facelos copartícipes dos esforzos realizados para a posta en valor e a musealización do patrimonio arqueolóxico relacionado cos vestixios do pazo-fortaleza arcebispal”.

Reservas

As persoas interesadas deben reservar igualmente a súa praza no teléfono 986 090 677, que empeza a funcionar hoxe. O Centro de Interpretación abrirá as súas portas, tal e como estaba previsto, na xornada do sábado, no horario de mañá e tarde, é dicir, de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas.

O domingo e o luns (xornada festiva) o CITA abrirá só en horario de mañá. O martes, estará pechado por descanso, e a partir do mércores continuará abrindo as súas portas de xeito gratuíto ata o remate da semana. A partir de entón será preciso adquirir unha entrada cun custo de dous euros para o público en xeral. Haberá unha entrada reducida, de un euro, que se aplicará aos maiores de 65 anos, estudantes, menores de entre 8 e 16 anos, grupos familiares a partir de catro membros e desempregados. Finalmente, o acceso será gratuíto para os nenos menores de oito anos.

O aforo do CITA está restrinxido a 20 persoas por quenda. As visitas comezan ás horas en punto e só no caso de que o aforo non estea completo permitirase a entrada sen cita previa. A duración da sesión é de media hora, sen prexuízo de que os participantes podan permanecer no recinto ata a seguinte entrada.

Coa apertura a partir deste sábado, o Centro incluirá xa toda a súa dotación definitiva, pois nestes últimos días vén de rematarse a maqueta táctil que reconstrúe fisicamente o pazo-fortaleza das Torres Arcebispais (incluíndo tamén rotulación en Braille), completouse o software das pantallas táctiles que inclúen datos e xogos interactivos concibidos dun xeito pedagóxico e divertido e, finalmente, terminouse de perfilar o audiovisual en 3D.

Toda a información está dispoñible en galego, español e inglés e, no caso da proxección, conta tamén con versión subtitulada para xordos.