O BNG da Merca rexistrou unha moción para que o Concello da Merca non cobre a taxa de auga correspondente ao período no que o servizo careceu de subministro de auga potable, un tempo que vai de maio até setembro, con previsión de que a situación se manteña tamén cando menos este outubro. O BNG, que este verán denunciou diante do Seprona a situación da rede de abastecemento e solicitou a intervención da Valedora do Pobo polo problema de saúde pública, expresa "o malestar da veciñanza" pola intención do alcalde, segundo o Bloque, de non rebaixar as taxas porque insiste en que son inferiores ás doutros concellos. "O que é moi baixa, moi moi baixa, en comparación con outros concellos é a calidade do servizo na Merca", di a concelleira nacionalista Teresa Garrido, que defenderá a suspensión de cobro das taxas e devolucións e rebaixas. Mostrou a súa disposición a reunirse cos veciños para "levar as súas queixas e demandas ás institucións locais, provinciais e galegas".