18 de marzo de 2014
18.03.2014
AREGENSES LITTERAE

O médico de Maluenda

18.03.2014 | 02:37

Alá pola comarca de Calatayud, na provincia de Zaragoza, cunha poboación que apenas avantaxa o milleiro de habitantes, atópase o Concello de Maluenda.

Son estas terras un dos lugares polos que pasou Afonso Primeiro o Batallador, nos tempos da reconquista de Aragón, da cal aínda se conservan algúns monumentos daquela época como son a Cruz Blanca, a Torre Albarrana ou o Castelo, amén de igrexas góticas, barrocas e ermidas a fartar. - por alí tamén cabalgou Abderramán Terceiro, pelexando contra os cristiáns, do cal os seus herdeiros mudéxares impregnaron de arte tamén moitos outros monumentos, o cal di moito historicamente sobre este municipio tan pequeniño.

Ata acá chegou un médico ourensán nos anos vinte do pasado século. Neste recuncho exerceu como médico durante apenas cinco anos, en plena ditadura do xeneral Primo de Rivera. Era xa todo un señor doutor, cincuentón, cando chegou a estas terras, anegadas polas gravísimas circunstancias sanitarias motivadas por unha epidemia de gripe, a tristemente coñecida como "gripe española". Formárase na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela uns anos atrás, coma moitos outros da súa xeración. De feito, todo hai que dicilo, nos seus escritos perviven recordos imborrables acerca da súa predilección por aquela cidade e a morriña daquelas datas de vida universitaria na que chegaría a coñecer sen dúbida a novela La casa de la Troya de Pérez Lugín.

Polo que sabemos, era fillo dun xurisconsulto, e hai que facer constar que a súa actividade médica non a emprendeu, non obstante, en Maluenda, senón na vella Auria, no seu Ourense natal, na actual Praciña de Saco e Arce, cara a 1891, malia que posteriormente exerceu uns anos en Compostela, mentres descansaba en Ames escribindo, no pazo que a súa muller posuía por aló.

Precisamente nese mesmo ano foi don Valentín Lamas Carvajal quen editou un dos seus primeiros libros, que se titulaba Contos, Leendas e Tradiciós, alén dunha novela por capítulos, titulada Predicción, que acadara anos antes (1887) un accésit nun certame de Betanzos. Poucos anos despois contribuíu á fundación da Asociación Provincial da Cruz Vermella, da que formou parte. Escribe habitualmente en xornais como o Diario de Orense, ao cal dirixe. Despregou un amplo labor literario -a súa obra poética andou espallada pola prensa galega da época- e foi considerado un dos narradores máis importantes do seu tempo. Foi nomeado membro académico correspondente da Real Academia Galega apenas creada esta.

Mais con todo, cara á segunda metade da súa vida foi encamiñando os pasos como médico, quizais canso de loitar politicamente contra o seu vello amigo Valentín Lamas Carvajal, quizais farto dalgúns outros preitos que se lle viñeron encima, pasou a residir en terras do Río Jiloca, ou como viñamos falando ao principio, no concello de Maluenda.

Algún veciño de por alá aínda se lembra dos enfrontamentos que este médico mantivo no casino da localidade co alcalde e o boticario, molestos estes pola súa teima en procurar o xeito de conseguir medicamentos gratuítos a pacientes que cría necesitados. Poucos anos máis lle quedaron da súa vida, dado que morreu no 1926, polo que coliximos que esta localidade foi crucial para coñecer a contorna na que pasou os seus postremeiros días.

En resumidas contas, estamos a falar de don Heraclio Pérez Placer, ourensán, escritor, xornalista e editor galego.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores