Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

A Mostra de Teatro de Cangas. MITCF (II)

Ademais das actuacións en sala, o certame ofrece un amplo abano de teatro na rúa como "O Revoltallo en pedra"

Segundo Torneo de Dramaturxia na 35 edición da MITCF. // Arquivo do autor

Teatro na Rúa.

Para a MITCFC, desde a súa primeira edición en setembro de 1984, programar teatro na rúa foi un eixo, unha trabe fundamental no deseño da súa arquitectura.

E isto por varias razóns. Porque Cangas ten unha tradición festiva e é, xa o temos comentado, unha vila que gusta de vivir na rúa e participa dos acontecementos que nela se desenvolven. Na memoria permanece aquela actuación -inaugural deste tipo de teatro- da Compañía de Teatro Estudio de Bilbao con "Los Pololos de Amama" no que o público "dialogaba" cos actores que ou tentaban lanzarse desde un balcón ou ofrecían na rúa unha mazá aos paseantes ? Polo demais o teatro na rúa ofrece a posibilidade de gozar e beneficiarse gratuitamente desta arte a todo tipo de público, mesmo a aquel que non ten intención de ir ao teatro mais queda sorprendido pola acción teatral cando vai camiño de outros mesteres ou preocupacións. E certamente a Comisión Organizadora da Mostra ven ofrecendo en todas as edicións un amplo e variado abano desta modalidade teatral: pallasos, títeres, teatro de actor, malabares, danza, circo, maxia, pasa rúas? Só para refrescar algunha lembranza pois non é posible nomear a todas as compañías citamos, entre as galegas, os pasa rúas de Os Quinquilláns, Trécola,Troula Animación e Cia. Fantoches Boj con "Velocíclopes". De títeres a Tanxarina co seu "inmortal" Titiricircus e outros espectáculos, a Cachirulo, a Teatro Kaos, a Viravolta? Se falamos de teatro de actor aquí estiveron os portugueses de Circolando con "Charanga" ou os cataláns de La Baldufa e de teatro infantil Gorakada con "Robin y Hood" que foi Premio Fetén en 2006. Rúas, prazas e xardíns en Cangas e arredores- Hio, Aldán e noutros lugares ..- foron transformados en escenarios abertos para toda a cidadanía.

Mención especial neste apartado merecen o "Revoltallo en Pedra" e o "Desembarco dos Turcos"

Se a memoria non falla o Revoltallo en Pedra comezou en 2007 na XXIV Mostra. O proxecto consistiu en dedicarlle un día, dentro da programación da Mostra, a facer visible o traballo artístico de persoas e colectivos do Morrazo tentando ao mesmo tempo que estas iniciativas fosen mostradas preferentemente dentro do Casco Vello. É responsabilidade da organización da Mostra cubrir as necesidades de infraestrutura. Unha iniciativa singular que implica a participación de grupos de teatro amador, de escolas de danza, músicos, artistas plásticos e da fotografía coma o Colectivo Fotográfico Abrenoite?Tentando ademais a recuperación dos cabezudos en pasa rúas acentuando o carácter festivo da Mostra.

Foi en 2009 na 26 Mostra, cando se realizou por vez primeira - baixo a dirección organizativa e artística de Teatro de Ningures- o "Desembarco dos turcos. María Soliño". Un evento soñado hai anos que se fixo realidade nesta ocasión. Foi un exemplo de participación das xentes do teatro afeccionado e profesional e un éxito de público que encheu as rúas seguindo as diferentes escenas desde o desembarco turco no porto até o xuízo de María Soliño na praza Eirado do Sinal. A súa recuperación foi e segue a ser necesaria.

Fóra do teatro de rúa tamén houbo e hai teatro ao longo de cada edición da MITCF en outros espazos, chamémoslle non convencionais, como pubs ou cafetarías, salas de exposicións, escaparates de comercios, mercado, etc. tentando crear durante oito días un "ambiente teatral" na vida cotiá de propios e visitantes.

Actividades paralelas

Arredor do menú de teatro, sexa servido en sala, na rúa ou en espazos alternativos, sempre é habitual na Mostra o abundante postre e o café "con cheirinho"- como din en Portugal- das actividades paralelas: obradoiros e cursos, presentación de libros e revistas, encontros e debates, exposicións, xornadas da muller, torneos de dramaturxia, lecturas dramatizadas, premios Xiria ao labor teatral, pregóns? Axiña damos breve conta de semellante sobre mesa.

Houbo obradoiros de fabricación de máscaras e cabezudos impartido por César Lombera e Asun Rivero; de sombras chinescas (Tanxarina), de Expresión Corporal e Acrobacia (Selma Sorhegui); Cursos de Danza e Teatro (Adriana Beutel); sobre o actor creador (Víctor Duplá) ou sobre interpretación actoral (André Lima). Persona, personalidad e personaxe" (Alberto Rivero) e cursos de Dramaturxia de recoñecidos autores galegos como Manuel Lourenzo, Afonso Becerra ou Santiago Cortegoso. Na presentación de libros e revistas poderiamos citar: "El tiempo inmóvil" de Etelvino Vázquez; "Confio.te o meu corpo" de Afonso Becerra ou " Soft power" de Asunción Bernárdez" e revistas como "Luzes" ou a "Erregueté" Revista Galega de Teatro presentada en moitas ocasións.

Nos encontros e debates sinalamos os que houbo sobre " O teatro galego hoxe", "O teatro afeccionado" "Diálogo d@s axentes teatrais","O estatuto das artistas traballadoras" "Encontro coa escena galega", "Teatro e sociedade: un compromiso coa cidadanía" "Encontro dos festivais de Galicia" ou o "Encontro ibérico de revistas de teatro" no que estiveron presentes diferentes revistas do estado español e Portugal que, entre outros obxectivos, propiciou a difusión da MITCFC en diferentes revistas especializadas e serviu tamén para dar a coñecer o Fondo Teatral María Casares da Biblioteca Pública de Cangas (FTMC) que é, quizais, a biblioteca municipal mellor dotada en libros e revistas de teatro en toda Galicia. Pero o encontro máis salientable foi, sen dúbida, o "Teatragal. Encontro de Reflexión do Teatro Galicia e Portugal" que celebrou a súa primeira edición en 1996 na XIII Mostra e a segunda en 1998 na XV Mostra tendo a súa correspondencia en Viana do Castelo. O Teatragal foi un espazo de reflexión común para promover o coñecemento e comunicación entre os axentes teatrais e culturais de Galiza e o Norte de Portugal. Durante seis días- tres en Cangas e outros tres na cidade portuguesa- varias decenas de actores e actrices, directoras e directores de escena, investigadores, críticos e dramaturgos que constrúen o teatro galego e portugués estiveron xuntos para debater temas como a xénese do teatro portugués e o teatro galego, as tendencias do teatro actual, a problemática do exercicio profesional, os recursos económicos, os espazos para a exhibición, os modelos para a itinerancia e para a residencia e o futuro do teatro. Todas estas consideracións foron logo editadas en dous volumes en "Ensaio" revista de teatro de Galicia e do Norte de Portugal, que por certo pode consultarse no FTMC da Biblioteca de Cangas.

Hai pouco celebrouse no Auditorio de Cangas o evento dos 20 anos do primeiro Teatragal coa presenza dalgúns dos seus protagonistas e confeso que o acto, por falta dunha boa organización, resultou protocolario e banal. Foi unha mágoa pois o asunto merecía moita máis preparación. Ao fío deste acontecemento, matino que hai dabondo materiais teóricos para reflexionar e avanzar sobre o feito teatral en Galicia e en Portugal o que acontece é que ou o ignoramos ou perdemos a memoria do xa falado e debatido condenándonos a repetir os mesmos erros. Aínda que, claro é, algo avanzouse nestas relacións e o Teatragal ten moito que ver con estes avances. Outro debate, suxerido pola "Asociación Cultural Entre bambalinas" dentro do marco da Mostra, que coido foi interesante e que habería que retomar pois quedou varado foi o titulado: "Na procura de estratexias creativas para o desenvolvemento das artes escénicas no Morrazo"que tivo lugar en 2014 na XXXI MITCFC. Participaron nel todos os axentes do teatro en Cangas: profesionais, teatro afeccionado e escolar e o seu obxectivo era acordar e argallar un plan estratéxico para presentar aos partidos políticos que se presentaban as eleccións municipais de 2015. Como xa dixen non houbo continuidade no traballo e foi unha pena pois a Mostra ten o prestixio e un poder de convocatoria que posibilita o desenvolvemento de proxectos en común entre as xentes do teatro. Unha iniciativa semellante aconteceu para reivindicar a Escola Municipal de Teatro e acadouse o seu obxectivo?

Xornadas Mulleres en Acción

Desde o ano 2000 a MITCF celebra estas xornadas que son un punto de encontro para a reflexión e a análise da situación das mulleres nas artes escénicas e noutras disciplinas. Mulleres en Acción é tamén un espazo no que celebrar charlas e obradoiros dirixidos por mulleres e homes con conciencia de xénero, nun intento de utilizar o enorme valor pedagóxico do teatro na coeducación desde unha perspectiva de xénero.

Neste senso en 2012 creouse o Premio Mulleres en Acción co obxectivo de recoñecer o labor de mulleres ou colectivos que traballen pola igualdade e a visibilidade das mulleres dentro e fora das Artes Escénicas. Mulleres en Acción é pois un proxecto integrador que servíndose do traballo creativo, teatral e pedagóxico favorece unha visión do mundo máis igualitaria.

Apenas existen Festivais, Feiras ou Mostras en Galicia ou outras Autonomías que promovan como a MITCF de Cangas, o traballo escénico das mulleres. Incluso aqueles festivais que celebran xornadas similares ás nosas, como é o FIT de Cádiz, pioneiro cos seus Encontros de Mulleres nas Artes Escénicas catro anos antes que esta Mostra, non ten vocación paritaria na súa programación. Na MITCF si.

Son anos de MITCF e o espazo para "cronicar" non da para máis. Quedan por reseñar outras actividades paralelas como os Premios Xiria ao Labor Teatral ( tamén houbo ao "Deslabor"?) os Pregóns, os Torneos de Dramaturxia, O Premio do Público, as Tertulias teatrais, as críticas publicadas na prensa, o Voluntariado que colabora na MITCFC? Para completar algunha destas cuestións remito á web: mostrateatrocangas.gal Algún día haberá que a Mostra sexa estudada como se merece por alumnado do Morrazo na ESADG como traballo académico?

Non quero rematar sen citar o traballo de investigación en prensa que realizou Mónica Molanes sobre a Mostra e a todas esas persoas, amigas tamén da MITCFC que deseñaron o cartel e o programa en épocas menos propicias como Camilo Camaño, Nuria Guardiola, J. Alfaro, María Fe Quesada, M. Harguindey, Manuel L Ballesteros, Ricardo Vilariño, Sonia Rúa, Xabier Rios, Andrés Otero? Mª X FE & Valle, A.Bastón e outr@s.

Longa vida ao becho fantástico da MITCF agora tamén tinxid@ de cor lila.

Agradecemento a Comisión Organizadora da Mostra pola información recibida.

Compartir el artículo

stats