Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crítica invisible

Vallés non busca ao público, senón ao espectador: ao que, coa súa mirada, dota de sentido o que ocorre sobre o escenario

Representación de "Teatro Invisible" en Cangas. // Gonzalo N.

A crítica consiste fundamentalmente en afiar a mirada, en ver algo máis do que se percibe a primeira vista. O crítico debe ser ante todo un observador atinado que escrute o que ocorre máis alá das aparencias. Logo vén a fase da teoría, do comentario. Curiosamente, 'teoría' e 'teatro' teñen na mirada o punto de intersección que as une: etimoloxicamente, 'teoría' procede das palabras gregas thea (vista) e horan (ver); e 'teatro' procede de theatron (o sitio dende o que se observa). Igualmente theoros é, en grego clásico, o espectador, 'o que observa'.

O teatro e a teoría dependen, xa que logo, dunha ollada que pode ver máis ou menos dependendo, fundamentalmente, das condicións da iluminación. Pero tamén da capacidade de observación de quen mira. En certo sentido, cando algo non se ve é, en termos operativos, inexistente. Ata a invención do microscopio, por exemplo, "non existía" todo un universo de microorganismos que agora coñecemos con certa amplitude. Daquela, podemos afirmar que o microscopio propiciou unha ampliación da mirada que, ao tempo, ampliaba o mundo do existente.

Pode parecer que con toda esta etimoloxía estamos especulando, pero 'especular' relaciónase a través do latín specio (mirar) con 'espectador', con 'espectáculo' e tamén con 'espello'.

Ana Vallés especula no seu espectáculo e pon ao espectador diante dun espello. Ou mellor, ponse ela no espello e descobre que o reflexo reside na mirada do espectador, que o que se mostra non é sempre o que se ve. Nese cruzamento de miradas está o corazón do espectáculo, pero tamén a cerna da nosa concepción do mundo.

Unha mirada que se fixa nas mans de Kazuo Ohno ou nas unllas de Deleuze é a que nos guía a través do espectáculo: a través dunha longa traxectoria con Matarile Teatro, que se invoca aquí como exemplo do que se ve e do que non se deixa ver. Invocando a Didi-Huberman, fala da subexposición e da sobreexposición, do que non se ve por falta de luz e o que non se ve por exceso de brillo. O interrogante ponse na mirada que a sociedade deita sobre o teatro, sobre a súa utilidade, sobre a razón de insistir nunha actividade que semella innecesaria.

En certo sentido, observar é sempre teorizar, pero a mirada distraída ignora que posúe ese poder sobre a ordenación do mundo. Teatro invisible é unha apoloxía da mirada afiada, da que propicia o descubrimento de novos universos, da que nos resitúa no mundo. Vallés non busca ao público, senón ao espectador: ao que, coa súa mirada, dota de sentido o que ocorre sobre o escenario. A súa reflexión é, ao mesmo tempo, dúbida e reafirmación: observación e teoría. Non é teatro de ideas, senón idea transformada en teatro.

Facer crítica teatral sobre un espectáculo que en si mesmo pretende especular (observar e teorizar) tamén semella superfluo. E, non obstante, insistiremos: no teatro e na teoría.

Compartir el artículo

stats