Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Carros e carreteiros polos camiños de Cangas

Neste concello chegaron a contabilizarse 34 carros de bois no ano 1930, para seren usados para o transporte

Pedreiros e canteiros portugueses que traballaron na construción dos dique do porto de Vigo.

"O meu carro é cerna dura:/ sábese carballo e freixo./ ¡Que fermosa a súa feitura!/

¡ Que lixeireza a do eixo! (Manuel María). Foi grazas ao invento da roda como os humanos chegamos a construír carros. Un vehículo tirado por vacas, bois ou cabalos, xunguidos á cabezalla que arrastran o chedeiro, unha plataforma de madeira onde se deita a carga. E se esta se ciscallaba, cumpría armarlle unhas canizas ou poñerlle uns fungueiros ou estadullos para amarrala.

A uniformidade da estrutura dos carros permitiu empregalos como referencia para establecer medidas para o transporte e para cuantificar a produción agraria. No catastro do Marqués da Ensenada, mediados do século XVIII, a estimación da produción de leña ou de herba dunha superficie calcúlase por carros.

Nas feiras do gando as vacas e os bois eran o centro. As feiras de gando fortes eran en Bueu e en Moaña. As de Cangas eran máis cativas. Unha vaca podía custar 500 pesetas (100 pesos) e un boi estaba nas 700 pesetas (140 pesos). Bois de máis de 300 quilos, acostumados a terreos ásperos, bos para os labores máis duros.

As parellas de bois que carretan terras nos litorais fálannos dos estreitos vencellos da aldea co mar. Camiños xabreiros, de area de praia ou de pedras rozadas polo seu andar paseniño e lento. Con aquelas rodas robustas e protexidas con pezas de ferro, deixaron a súa pegada polos areais de Cangas.

Na Galicia costeira o carro permitía o traslado de embarcacións de baixura, mover pesados aparellos e demais artes para ser reparadas e asoalladas nas tendedeiras. O convenio para os barcos de motor do 1931 establece que: "unha vez no porto, o aparello será levado e recollido polos mariñeiros agás naqueles casos de moito peso que será transportado en carros, deducíndose o seu custe do monte maior"

Carros guiados por carreteiros dedicados todo ano ao transporte coas parellas ou "xuntas" de vedraños e fornecidos bois. E alá andaban o Cabano de cornos baixos e o Gallardo de cornos altos, o Vermello e o Marelo, cargando cos aparellos no carro do Cazador ou no de Sr. José, (O do Boi do Posto) en Pinténs, os de Avelino (O Roxo) e no de Cándido, (O dos Bois), e da súa muller Carmen (A Bichuca).

E Manuel de Alfaia, Manuel de García, Xosé de Fermina (Compadre), Belarmino (O Raviso), Xosé de Farino, Pepito de Hermelo, Serafín (O Mariñán), Serafín (O Caeiro), Manolo de Bastián, Manolo Dafonte, O Fermina de Herbello, e Albino (Dareina). Profesionais do carreto na parroquia de Aldán. Xunto ao Sr. Manuel de Gago, carreteiro do Piñeiro naqueles anos corenta , cincoenta e sesenta.

Fumadores empedernidos que pasaron dos Ideales, a picadura de lear, aos Celtas curtos ou aos Peninsulares que xa eran cigarros feitos, acendidos co chisqueiro ou co acendedor de bencina.

Homes de augardente e pan de broa de almorzo diario, con descoloridas gorras e desgastadas vestimentas, sempre dun lado para outro, moitas veces acompañados das súas colaboradoras donas.

Os carreteiros tiñan paradas fixas nas tabernas sempre coa presenza dun bo xerro de viño de tinta femia e os seus fumeantes cigarros. Ademais de repouso, aquí tiñan os seus contactos e mesmo cobraban traballos e servizos anteriores ou apalabraban outros novos.

Estes puntos de parada tamén eran coñecidos polos seus bois e non facía falta mandalos parar, xa o facían por costume. Era moi habitual que o carreteiro quedara falando con alguén e os bois so continuaban si o amo llo facía saber cunha oportuna orde que eles ben coñecían.

Eran guiados dende os seus cabezallos cando o camiño era moi complicado ou en certas manobras puntuais. Se ían baleiros, dirixíanos desde dentro do carro e se ían cargados, andando por detrás, con voces ou berros acentuados polo efecto de afiado e frío aguillón da longa vara compañeira inseparable.

Curtidos pola intemperie dos camiños e corredoiras, polas praias cargando cos aparellos, transportando pedra ou area para a construción, troncos de madeira para os serradoiros , nas distintas funcións para todo o heteroxéneo mundo da labranza e procesionando co santo Isidro Labrador no traslado da imaxe dende a igrexa de San Pedro deica a capela do Hospital.

En Cangas chegaron a contabilizarse 34 carros de bois, no ano 1930, para seren usados no transporte. Desprazar desde as canteiras, máis ou menos próximas, a pedra para levantar os muros dos peiraos, unha corte ou unha vivenda non resultaba tarefa doada. Para as máis grandes e pesadas era necesario empregar as mellores xugadas ou xunguir dúas parellas no vesadoiro.

Cóntase unha historia que arrinca no dous de outubro de 1952 cando o mercante Cabo la Plata cargado con tabaco, viño Sansón, xabóns e aceite embarranca nos baixos Capeludos no sur de cabo Home. Ao ser imposible de reflotar, mandan mergulladores para despezar o barco con pequenas voaduras controladas e recuperar o que se poida da carga. Os mariñeiros, apostados na zona, recollían axiña o peixe aboiado e pola costa poideron verse algúns carros de bois recollendo mercadorías que chegaban á praia de Melide.

Nos anos setenta o uso dos carros foi moi estendido e os concellos empezaron a ver neles unha maneira de recadación, coma hoxe teñen polo imposto de rodaxe dos vehículos a motor ou as viñetas da ITV. E os carros empezaron a lucir unha chapa a xeito de matrícula que os identificaba e obrigaba ao propietario a pagar anualmente as taxas para poder circular.

Co andar dos anos, a aparición dos motocultores mecanizados, o uso de tractores e de chimpíns, provocaron que oficio de carreteiro fora indo a menos e o carro tivo os días contados camiño do abandono e do lume. Os que quedan forman parte dos museos ou adornan os xardíns das nosas casas no rural.

Os nostálxicos sentimos mágoa polos costumes perdidos, mais sempre nos quedará o recordo para aqueles homes que pasaron á historia das nosas vivencias. E chegan á memoria aqueles versos de Ramón Cabanillas "¡Meu amor de carreteiro!/ ¡Meu carriño! / ¡O do eixo de ameneiro/ e os canizos de sanguiño!"

(*) Membros da Cepa e Lume de karoso

BIBLIOGRAFÍA

http://www.tecnoloxia.com/carro/carro_gal/as_funcins_do_carro.html

O carro galego en Tecnoloxía.com e Na Galipedia, a Wikipedia en galego

O carro e o home. Documental de Antonio Roman e Xoaquín Lorenzo (1941)

Xerardo Dasairas: Memorias da II República. Do Castro. Páx. 93.

Artigo do xornal sobre a afundimento do Cabo la Plata en Donón..

Compartir el artículo

stats