Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A voltas coas Cíes (I)

A corporación viguesa solicitou en 1839 a agregación das illas ao Concello ao estar baixo protección militar e civil da plaza olívica

Almacén de artillería onde se ubicaba o cenobio de Santistevo, hoxe centro de información. // Arquivo do autor

Quizáis pensando só no aspecto crematístico e como todos sabemos, o Concello de Vigo e máis a Xunta de Galicia, cadanseu de distinto signo político, en vez de poñerlle orde ao descontrol do turismo nas mesmas, andan á greña, entre outras cousas, por esta declaración universal que xa abrangue case milleiro e medio de lugares e monumentos de todo o planeta. A razón deste rifirrafe reside en que a administración viguesa, xa con moitos apoios locais de importancia, restrinxe esta petición exclusivamente ás Cies mentres que a Xunta veu propoñer que a declaración se estendese a todas as terras peláxicas que compoñen o chamado Parque das Illas Atlánticas. Ademáis deste rudo encono entre administracións, tamén aparecen de cando en vez, voces discordantes que ainda seguen a reclamar que as Cies son de Cangas en base a que na denominación eclesiástica local aparece designada a parroquia o como de Santiago de Cangas e Islas Cíes... Non é esta a primeira vez que se recorre a este argumento para facer este tipo de reclamacións pois xa un polémico alcalde de Cangas, impulsaría esta mesma demanda, aducindo que o seu homólogo de Vigo, tamén socialista, as tiña en total abandono. Nesta ocasión e despois no 1992 cando o Centro de Iniciativas Turísticas de Cangas volve insistir no tema, foron moitos os que concluiron que isto non era máis que cortinas de fume para desviar a atención en momentos de crispación social por asuntos de todos coñecidos.

Cremos que, nin daquela nin desta, vai mudar o estatus de pertenza territorial e xurídica a Vigo pois esta dirimiuse con Baiona hai case cento oitenta anos, segundo recolle a misiva que o xefe político da provincia de Pontevedra lle dirixe á Casa Real: "He dado cuenta a Su Majestad la Reina Gobernadora de las comunicaciones documentadas de Vuestra Señoría de 23 de noviembre del año anterior (1839), y 9 de mayo último (1940) relativas a las Islas Síes o de Bayona cuya pensión jurisdiccional reclaman los ayuntamientos de Vigo y de Bayona". Como se pode deducir, Cangas non participou nesta reclamación das illas Cies que xa desde comezos do XIX e grazas a construción dalgunhas obras de defensa e ao establecemento dun posto dos carabineiros do Rei con cárcere, propiciaron unha seguranza que permitiría a sua repoboación. Ainda que a gornición das illas proviña dos reximentos instalados en Vigo, non foron razóns militares as que levaron á sua adscripción a esta cidade, senón a polémica xurdida en xuño de 1837 ao establecer o influinte fomentador Ramón Buch unha fábrica de salga e un almacén de avituallamento de barcos na illa sur. Ao tempo, na illa norte e tamén con autorización do goberno da provincia, establecería outra fábrica o fomentador Francisco Gil que tamén contaba cunha salga establecida en Temperáns - Hio. Mais, estes fomentadores non só eludiron o pago do arrendo (29 e 27 reais anuais) á Deputación provincial senón que o señor Buch pretendía librarse do pago dos consumos e industria (entre 4 e 5 mil reais) en Baiona e Vigo polo que este concello decide emprender accións legais o 9 de abril de 1839. Coas illas ainda tuteladas pola Deputación provincial, a corporación viguesa comeza a dar os primeiros pasos para evitar situacións como as comentadas e o 7 de maio do ano antedito, solicitan do Goberno de Madrid a sua agregación ao concello, argumentando que "Las Yslas de Síes, yermas en otro tiempo, hace ya muchos años que se hallan bajo la protección y dependencia de las autoridades civiles y militares de esta plaza; por disposición de estos se han construido almacenes y labrado fortificaciones en ellas, de aquí iban los destacamentos; de aquí salieron los primeros pobladores; a este ayuntamiento se recurrió por ellos para que se le diese permiso para edificar y tomar terrenos; el mismo fue quien los demarcó y les puso en posesión de ellos y el señor gefe político de la provincia está bien orientado de que las islas Síes no se hallan en el día en el abandono que se supone y ha motivado el acuerdo de la Excelentísima Diputación de ponerlas bajo la dependencia y administración de estas autoridades". Xa que logo, o 23 de xuño de 1840 unha Real Orde, asinada pola raíña Isabel II, baixo a rexencia da sua nai, e os secretarios de Estado e da Gobernación, decretaba que "las islas Síes o de Bayona estaban comprendidas en la jurisdicción y términos del Ayuntamiento de Vigo", cuestión que ratificaría o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o 30 de xunio deste mesmo ano.

Polos achados arqueolóxicos nas illas, estas mostran un asentamento humano desde o palolítico que continuaría logo cunha ocupación galaico-castrexa e romana. A mitoloxía creada arredor das Cies, proviñente de fontes clásicas e cronicóns medievais, aluden a feitos históricos lendarios imposibles de contrastar. Xulio César, Craso, os Herminios, Erizana, Viriato... forman parte destes relatos ao igual que o seu nome de Siccas (secas), illas dos deuses ou as illas do estaño (Casitérides) chamadas Lancia e Albiano, nome que igual que o de Scilly nos levan ás illas Británicas, unha destas Albión, a pérfida...

Aparte do atractivo mítico-relixioso que as insulae (San Brandán, Thule, Ávalon...) despertaban no medievo, non conseguimos encaixar o motivo da fundación por San Frutuoso dun pequeno mosteiro ou eremitorio nunha illa perto de Erizana que pola sua advocación debeu ser a de San Martiño. Mais, o interese fundamental das Illas Cies (Sias), ainda que documentación é escasa, debeu ser a abundante pesca nas mesmas e con tal proveito llas ratifica (con Ons, Sálvora, Framio, Tambo...) Ordoño II á igrexa de Santiago en 911 en cumprimento do testamento do seu pai Afonso III O Magno. No ano 929, baixo Afonso IV, o bispo iriense Hermenexildo funda o mosteiro de San Xián na illa de Arousa pero como os frades pasaban necesidade deulle pro victu atque vestitu (mantenza e vestimenta) esta illa e as antes mencionadas, entre elas as Sias. Porén, xa na altura do ano 1115, baixo o mandado de Xelmírez, a Compostelana xa non menciona as illas Sias como pertencentes ao territorio xacobeo, pasando estas, quizáis, ao bispado de Tui con motivo de se restaurar o mesmo no ano 915.

(*) Mestre en Cangas e historiador

Compartir el artículo

stats