Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1975-1985 (IV)

Riobó crea en 1983 Teatro Aurin como actividade extraescolar da extensión moañesa do Instituto de Bacharelato de Cangas

A obra "Dos Arquivos do Trasno", con Antonio Pena, Salvador del Río e Urano Riobó. // Arquivo do autor

Dicir que Teatro Aurin é o resultado dunha serie de situacións anómalas sería como non dicir nada nunha sociedade como a nosa na que as anomalías son a normalidade. Por iso convén explicarse. En 1983, no meu primeiro destino como profesor no Instituto de Bacharelato de Cangas compaxinaba as miñas aulas no vello edificio de Rodeira con outras que impartía na extensión que o centro tiña no Instituto de Formación Profesional de Moaña (actual IES A Paralaia). Como en Cangas non había sitio para todos, nesta extensión recibía clase o alumnado de Moaña de 1º, 2º e 3º de BUP nunha situación moi precaria: 130 rapaces e rapazas atendidos por un grupo duns dez profesores e profesoras, que iamos e viñamos de Cangas para Moaña e de Moaña para Cangas, en catro aulas sen máis dotación que encerados e xiz, sen biblioteca nin ximnasio, sen laboratorios nin seminarios, sen profesor nin aulas de educación física, sen actividades extraescolares e sen posibilidade de ser usado fóra do horario escolar... en fin, sen o máis elemental. Non foi un bo curso. Ante esta situación pensei en facer algunha cousa. Lembro que falei con varios compañeiros sobre a necesidade de buscar algunha actividade que lle dese un pouco de vida a aquilo. Pensei no teatro e convoquei unha xuntanza para todos os alumnos que quixesen apuntarse. O máis curioso é que aos meus 23 anos eu apenas sabía nada de teatro e mesmo non era unha actividade que me atraese. Mais pensei que era, polo seu carácter grupal, multidisciplinar e creativo, unha das poucas actividades que poderían provocar unha resposta ilusionada entre aquela mocidade desatendida. Hei de recoñecer que a resposta á convocatoria foi sorprendente e de seguido me vin embarcado con vinte e tantos adolescentes ansiosos nun proxecto de obra de teatro para fin de curso, ensaiando primeiro durante os recreos nunha aula do centro na que tiñamos que retirar os pupitres e ao acabar volver a colocalos, logo na vella Aula de Cultura ou na Casa da Mocidade da rúa Ramón Cabanillas, onde unha tarde si e outra tamén á mesma hora do noso ensaio nos atopabamos cunha sorpresa: un vendedor de libros co amplo mostrario á vista, un grupo de danza tradicional que non daba rematado o ensaio, os da asociación tal, os daqueloutra, os do futbito... que foron ampliando o noso abano de locais de ensaio a lugares tan insólitos como o Salón de Plenos do Concello ou á propia praza de abastos. Sentiámonos como uns verdadeiros bichicomas ensaiando no aterrado, na praia da Xunqueira, ou baixo o cuberto dos patios de Reibón ou de Seara cando chovía, cada vez que o local, que tiñamos correctamente solicitado e administrativamente concedido para ensaiar os días e horas convidos, nos era inxustamente arrebatado.

Barallei varias posibilidades e decidín traballar cun texto non teatral. Na miña inxenuidade ou ignorancia, quixen facer unha cousa distinta ao que naquela época se estilaba no país e adaptei para o teatro varios contos de "Dos Arquivos do Trasno", de Rafael Dieste. A peza presentábanos ao escritor como personaxe dos seus relatos, como autor-testemuña dos mesmos, escribindo e anotando á beira dos seus personaxes. A partir dun encontro en terras americanas, un quiosqueiro introducía ao espectador no seu mundo rico e imaxinativo. Así os contos ficaban enfiados pola mera presenza de Dieste e o seu principal personaxe: o trasno, co-autor, en sentido fantástico, de cada lance da obra. Os contos Na ponte de ferro, O vello moreno, O neno suicida, Un conto de reis, O drama do cabalo de xadrez, Historia dun xoguete e De como veu a Rianxo unha balea compoñían a peza teatral, xunto con algúns engadidos desenvolvidos a partir dos personaxes do quiosqueiro e do trasno. Emigración, desamor, picaresca, tempos e mundos perdidos, revolta contra os roles que nos impón a vida, naufraxios e traxedias, loita ecoloxista eran os temas dun espectáculo que transitaba no gume que separa a realidade da fantasía. Como ocorre nos contos de Rafael Dieste, na posta en escena confluían comedia e drama, realismo e idealismo, contención e exceso nunha especie de danza a contrapunto na que a música xogaba un papel moi importante. A banda sonora non escapaba a esta mestura de xéneros e estéticas: Rapasodia en azul de Gershwin abría o espectáculo na ponte americana, West side story de Bernstein estaba presente en moitos momentos da función (a destacar a coreografía do trasno co tema América) e un dos seus temas representaba musicalmente ao trasno, Así falou Zaratrusta de R. Strauss abría a partida de xadrez, os temas Ila vai o mar de Rodrigo Romaní e Alalá, incluídos ambos naquel extraordinario disco de Milladoiro A Galicia de Maeloc, achegaban o ton máis harmónico ás escenas mariñas de Historia dun xoguete. Carlos Salgueiro e mais eu compuxemos Apoteose para o final da función:

"O trasno procurou un ceo

remexendo no baúl dos seus arquivos

e teimoso chegou a ver

un claro de estrelas no neboeiro".

Non quero esquecer a colaboración de Radio Popular de Vigo que desinteresadamente nos axudou a gravar e montar as secuencias sonoras de ambientes e voces que, con outros temas musicais, completaban a complexa banda sonora do espectáculo.

A grande dificultade do espectáculo para uns mozos e mozas daquela idade residía, como axiña nos fomos decatando, na "artificiosidade" do estilo literario que conservamos no texto. Mais algunhas desas frases, difíciles e "reviradas", forman parte do encanto do texto e tamén do acervo de Aurin:

"Alá na mesma proa, ergueita garbosa, onde o lío de cordas e de panos era máis revesgado, Bastián (nunca esquecerán o seu nome na vila mariñeira que xa non o agarda) ía sacando virutas, coa súa navalla arrichada como peixe na malla, a un cacho de piñeiro, branco e dócil."

Entre as secuencias mellor conseguidas, ao meu ver, estaban O drama do cabalo de axedrez, escrita por Dieste como unha peza de teatro breve e que, seguramente, pola súa espectacularidade foi unha das mellor acollidas tanto naquel espectáculo como noutros que teño feito co mesmo texto anos despois; e Historia dun xoguete, na que María Salgueiro facía de viúva dun mariñeiro, papel que, brincadeiras do destino, faría dela unha actriz coñecida en Galicia na serie de televisión "A vida por diante".

Da secuencia que máis insatisfeitos ficamos e, no entanto, na que eu máis confiaba foi a do conto, especialmente narrativo, De como veu a Rianxo unha balea. A dramaturxia marcaba tres escenas nas que os actores, todo o elenco, reaccionaban desde o proscenio e frontalmente, como se estivesen nunha praia, ao que pasaba alén do público, un intento dos habitantes de Rianxo de aproveitarse dunha balea que ficara varada na Punta da Fincheira. Cun contido fortemente ecoloxista, a posta en escena desafortunadamente non conseguía facer partícipes aos espectadores, carentes de toda outra imaxe, daquela visión.

Cinco meses duraron os ensaios e dezaoito foron os que finalmente se subiron ao escenario. Xa formaban parte desta primeira fornada de Aurin algúns dos que habían ser durante toda a década os seus principais protagonistas: Salva del Río, Coral Ríos, María Salgueiro e Belén Santomé. Con el e elas compartían escena Antonio Ogando, Gloria Suárez, Chus Romero, Marisa Pazos, Urano Riobó, Antonio Pena, Pablo Bermúdez, Patricia Moreira, Chui Blanco, María Brea, Alexia Juncal, Lolo Táboas, Xesús Collazo e Xoán R.Salgueiro.

"Destacar que todo se fixo da nada, da nada xurdiu Aurin, sen Atreyu e sen princesa, tan só cuns amigos que fan teatro e contan con facer, algún día, algo semellante a estes arquivos da imaxinación, pero con maior experiencia", escribía Marisa Pazos no comentario que conservo da obra.

Eramos moi novos, sobre todo elas e eles, e o proxecto sumamente complicado. A maioría non superaba os dezaseis anos e encarou papeis de todas as idades e condicións, case ningún deles e delas tiña experiencia teatral, era a primeira vez que subían a un escenario, que poñían roupa estraña, que se maquillaban, que aprendían un texto, que construían a escenografía e a tremoia, que cosían o vestiario, que pintaban os decorados... en fin, que participaban nunha función de teatro.

A primeira corporación democrática do Concello de Moaña destináranos unha xenerosa axuda económica á que sumamos outra da APA do IB de Cangas. Con ese diñeiro compramos 3 focos, unha lámpada e cables, construímos unha precaria estrutura de tubos galvanizados, cortinas, panos, fixemos os decorados, unha torreta para os focos... e todo foi posible grazas a axuda desinteresada de moita xente, especialmente María Santiago (que nos confeccionou como logo moitas outras veces as teas), Rafael Álvarez (que, coa axuda dun amigo, nos construíu a nosa primeira mesa de luces). Gena (que argallou a coreografía e ensaiou ao corpo de baile), Carlos Salgueiro (que, ademais de compoñela, xestionou a gravación da canción que pechaba o espectáculo). Coma sucede tantas veces, vímonos envoltos nunha vertixe tal que até uns minutos antes da estrea non demos rematados os preparativos. Lémbrome acabando de preparar as conexións eléctricas mentres Celso Parada e Isabel Dávila se encargaban da maquillaxe dos actores e das actrices.

Estreamos o 3 de Xuño de 1983 no Colexio de Reibón. O seu salón de actos-comedor estaba cheo, coa presenza de moitos compañeiros e compañeiras do instituto. Había un ambiente moi especial, expectante e curioso á vez, divertido e pletórico de cariño. A estrea estivo chea de anécdotas, desde a palmada na fronte que se deu un actor ao confundirse no texto até os movementos inquietantes que a estrutura escénica sufría cada vez que alguén pisaba unha cortina ou tropezaba con algo. Eu pelexaba co radiocasete para que os cortes entrasen en tempo e, sen decatarme como logo me contaron, movía os labios recitando todo o texto desde principio a fin. Ante a nosa sorpresa e a pesar das malas condicións acústicas e de que a función case acaba en desastre, o espectáculo tivo unha acollida extraordinaria. Algo, como un deses vermes parasitos, aniñou dentro duns poucos dos protagonistas daquel evento que permanecería con eles para sempre: o virus do teatro.

O remate é unha imaxe que fai estoupa-lo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente... (Rafael Dieste: Dos Arquivos do Trasno)

Aínda fixemos algunhas funcións máis: no Cine Avenida de Cangas, o 27 de xuño, e ao ano seguinte, con cambios no elenco, nunha panadería de Camos (Nigrán) o 8 de decembro e no Cine Prado de Moaña o 29 do mesmo mes. Foi entón cando se incorporaron ao grupo Marcos Viéitez, Gladys Santomé, Teté Salgueiro, Bel Iglesias e Ricardo Soaxe, algúns do cales xa participaran nos seguintes espectáculos do grupo.

Compartir el artículo

stats