Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro en Cangas 1975-1985 (IV)

O Grupo Matamoura consolídase como unha formación estable e comeza a incorporar xente de fóra de Coiro

Silda Alfaro, en "Laídos para despois dunha guerra", como a nai mostrando a dor pola morte do fillo. // Arquivo autor

A peza "Laídos para despois dunha guerra"- un discurso contra a guerra- foi estreada en xullo 1979 na Carballeira de Bronlle en Meira, un espazo aberto que durante os meses de finais de xullo e principios de agosto, coincidindo coa romaría que alí se celebra, foi moi usado nesta época para diferentes actuacións teatrais e doutro tipo. A vontade dos seus organizadores e dos propios grupos, a pesar de non contar cun escenario axeitado, sempre atopaban o xeito de ofrecer á xente os seus espectáculos da mellor forma posible.

O reparto nesta obra foi o seguinte: Fito Abraldes, Casilda Alfaro, Manuel Barreiro, Emilio Camaño ( no personaxe de Alcalde), Xaquín Camaño, Manuel Castelo, Eduardo Docío, Mari Cruz González, Sol Martínez, Antonio Pazos e Xosé Manuel Pazos.

"O derradeiro berro de Randulfo"- un profeta rebélase contra a ditadura do emperador mais o mesmo profeta rematará sendo tamén outro ditador- foi estreada en xullo de 1980 no Eirado do Costal en Cangas polas festas de San Cristobo. Os seus intérpretes foron: Fito Abraldes, Casilda Alfaro, Ismael Bernárdez, Emilio Camaño, Xaquín Camaño, Eduardo Docío, Mari Cruz González, Antonio Pazos, Xosé Manuel Pazos, Mari Sol Fernández Soage e Carlos Soliño.

O personaxe de Randulfo que interpretaba Xosé Manuel Pazos deixou pegada pois durante algún tempo certas persoas nomeábano polo seu personaxe.

Un grupo estable

Nestes anos o grupo ben se ve que é o máis parecido a un grupo estable. Desde o 79 empézase a incorporar xente de fóra de Coiro: Fito, Sol, Carlos Soliño.

Despois das eleccións municipais de 1979, con Henrique Harguindey na concellaría de Cultura, o Eirado do Costal converteuse no escenario teatral de Cangas, para o grupo local e para outros varios que viñeron de fóra naquela época. Lémbrase que a representación de "O Velorio" de Francisco Taxes pola compañía Troula supuxo no seu día, nun escenario ao aire libre e con entrada de balde, un verdadeiro escándalo entre un sector máis vello do público ao non ter en conta a advertencia de que non era un espectáculo infantil.

Unha fábula infantil

Paralelamente ao espectáculo para adultos -"O derradeiro berro?"-o Grupo de Teatro Matamoura montou unha peza infantil: "Viaxe ao país de Ningures" de Manuel Lorenzo que fora premiada en 1975 no segundo Concurso Infantil O Facho. A dirección fora de Xosé Manuel Pazos.

Trátase dunha fábula sobre a desfeita dunha fermosa vila para que nela medre unha cidade chea de automóbiles, fábricas e contaminación; pero as nenas e nenos, ao ritmo dunha cantiga e coa colaboración dunha pomba e os adultos, poranse a desfacela para construír outra cidade onde o sol pete no lombo dos tellados, nas portas, nas rúas e nas xentes.

Os personaxes: O home triste, O Director da Compañía, O Vento, A Pomba, Os nenos arrichados e Os nenos animaliños foron interpretados por Casilda Alfaro, Moisés Camaño, Tomás Camaño, Xosé Xaquín Paredes, Antonio Pazos, Xosé Manuel Pazos, Margarita Rodas, Roberto Rodas, Castor Soage e Carlos Soliño.

Ao reparto máis habitual do grupo uníronse, nesta ocasión, un grupo de 5 rapaces e unha rapaza familiares dos actores para este espectáculo infantil nun intento de ampliar, xa daquela, o repertorio.

A súa estrea aconteceu en xuño de 1980 en Cangas no Polideportivo de Romarigo.

Compartir el artículo

stats