Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Cangas 1975-1985 (I)

O primero grupo de teatro afeccionado pero estable do concello naceu no seo da Asocaición "Entrudio" e a peza "A revolta"

"A revolta"

Unha das primeiras mostras da nova situación foi, sen dúbida, o desafío lanzado polo Partido Comunista de España cara a súa legalización. O PCE, que sempre fora unha das bestas negras do franquismo, xuntara o 28 de xullo de 1976 ao Comité Central en Roma no teatro Delle Arti. "Estivemos na clandestinidade case corenta anos. A partir de hoxe saímos á luz" manifestou Santiago Carrillo na súa inauguración. Alí estaban, xunto a Dolores Ibarruri "A Pasionaria", presentándose en público e a cara descuberta: Marcelino Camacho, Ramón Tamames, Pilar Bravo, Gregorio López Raymundo? quen até entón ocultaran teimudamente a súa militancia comunista?.

Aquí, segundo me comentou Tucho Perete, meses despois militantes da célula comunista de Cangas presentáronse, no Cuartel da Garda Civil para identificarse. Un xefe exclamou: "que cojones tenéis!".

O 9 de abril de 1977 - un Sábado Santo Vermello- aconteceu a legalización do Partido Comunista de España.

Foron tempos de ilusión e risco por lograr a democracia. Nun local parroquial social que había na Fonte do Galo había intensos debates, charlas sobre a situación política. Nestes debates participaban xoves de diferentes partidos políticos sobre todo do PCE e da AN-PG. Por alí pasaron Xosé Humberto Baena- quen sería fusilado o 27 de setembro de 1975- Méndez Ferrín e outras destacadas figuras políticas.

No Centro Recreativo e Cultural de Cangas situado fronte ao Mercado de Abastos durante os anos 70 houbo unha intensa actividade cultural. Pola súa xunta directiva pasaron, entre outros, Alfonso Marcos, Manuel Lemos, Xosé Luís Carballo, Antonio Graña?Organizáronse moitas actividade artísticas, festivais de música?. María del Mar Bonet deu algún recital no Cine Calvar que encheu; tamén Torrente Ballester foi un dos convidados e mesmo estivo programada unha actuación de Violeta Parra que ao remate non chegou celebrarse.

Nestas circunstancias históricas, un nutrido grupo de adolescentes e xoves de Coiro, instalado na órbita do nacionalismo galego, fundamentalmente a través do incipiente sindicalismo estudantil (ERGA) e da Asemblea Nacional Popular Galega (ANPG) decide crear unha Asociación Cultural para ofrecer algo e mover culturalmente á esta parroquia canguesa.

A maioría desta xente, mozas e mozos, era moi nova de 13/14 anos aínda que había outros maiores e máis concienciados politicamente que organizaban o movemento. Todo era vontade para levar adiante ese proxecto de animación sociocultural entre a veciñanza.

Aínda que había, claro está, outras persoas en Coiro ás que non lles gustaba este activismo e asustaban comentando que andaba por alí o lobo?

De calquera xeito, convencid@s da necesidade de ter un espazo propio para xuntarse e organizar as actividades, esta mocidade inqueda coa colaboración de adultos, armouse de martelos, picañas, paletas ou llanas co obxectivo de recuperar á Escola Vella da parroquia para convertela en local social e en Centro Cultural. Desde mediados ata finais da década dos setenta pasarían por alí os Grupos de Teatro afeccionado, os Cantautores e os Grupos de Música que naquel momento se movían polo país.

Houbo alí unha representación de "Os vellos non deben de namorarse" de Castelao dirixida por Sito Parada que causou impacto e que semella foi a semente para que a "Asociación Cultural Entrudio de Coiro" crease o seu Grupo de Teatro.

Un Grupo de Teatro que transcendeu e sobreviviu á propia Asociación que lle deu alento e se mantivo no tempo, coas imprescindibles transformacións, ata ser o xermolo do que anos despois foi e segue a ser o Teatro Profesional e o movemento teatral en Cangas.

O primeiro Grupo de Teatro Afeccionado pero estable do Concello naceu,pois, no seo da Asociación "Entrudio" a mediados da década dos setenta.

A primeira peza que se quixo levar á escena foi " A revolta" de Genaro Marinhas del Valle (1908-1999). Este texto fora o texto gañador do Premio Castelao de Teatro Galego en 1965 e nese mesmo ano o editara Galaxia. Algúns dos temas que toca son o da emigración como oportunidade de mellorar as condicións de vida fuxindo da miseria ou pola contra permanecer aquí na terra nai; a derrota e a desesperanza; a loita armada se tirarse ao monte vale para algo?

Discrepancias sobre a mensaxe do texto, nun grupo moi politizado naquel momento, supuxeron o abandono do mesmo e o achegamento a Xosé Vázquez Pintor, creador que comezaba a despuntar no panorama literario galego e que exercía de mestre no Colexio Público de Coiro.

Estrease así o nome do Grupo- Grupo Matamoura de Coiro- e a súa primeira montaxe en 1976 foi "A lingoa" , un poema dramatizado de Vázquez Pintor en defensa do galego, que el mesmo estreara xa un tempo antes co alumnado do seu Centro. Ver fotos.

A estrea de Matamoura foi en xullo de 1976 en Melide (A Coruña) coa dirección de Pintor e o seguinte reparto: Manuel Barreiro, Emilio Camaño, Manolo Castelo, Eduardo Docío, Mari Cruz González (A lingua), Antonio Pazos ( O labrego), Manuel Boubeta (O estranxeiro), Xaquín Camaño, Margarita Castelo (A lingua) Casilda García, Gonzalo Malvido, Xavier Rial.

Ademais da estrea en Melide, fixéronse actuacións en A Golada, Portodemouros e na Escola Vella de A Retirosa.

(Bibliografía:

Para os capítulos: A escena política e social 1975-1985 (Faro de Vigo 23 e 30 de outubro 2016)/ Castañuela 70. Tábano y Las Madres del Cordero. Edición de Santiago Tarancón. Edita:Rama Lama Music.Madrid 2006./ Manuel Vázquez Montalbán:"Crónica sentimental de la transición"Edit. Planeta.1985./Victoria Prego: "Así se hizo la transición". Plaza&Janés. 1966.Xosé Alfeirán, Ana Romero, Ana Brea: "Historia de España" Edit. Bahía 2016/

Para os capítulos: A escena teatral en Galicia 1975-1985 ( Faro de Vigo 6,13 e 20 de novembro 2016)/Inmaculada López Silva: "Resistir no escenario" Xunta de Galicia. Universidade de Santiago.2015./Manuel Lourenzo/F. Pillado Mayor: "O teatro galego" Ediciós do Castro. Coruña 1979./ Manuel Lourenzo/F.Pillado Mayor: "Diccionario do teatro galego" (1671-1985) Ed. Sotelo Branco 1987./ Carlos C.Biscaínho"A Escola Dramática Galega na configuración do sistema teatral" Edic. Laiovento.2007./VVAA"Cento vinte e cinco anos de teatro galego" Coordinador Manuel F. Vieites. Edit:Galaxia 2007.

Roi Vidal Ponte: "Fóra de portas" Edit. Positivas 2013.

Pedro P.Riobó: "O teatro galego contemporáneo (1936-1996) Biblioteca Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor. Universidade de A Coruña 1999. )

Compartir el artículo

stats