Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As orixes das danzas ancestrais

Metidos en danza (I)

Ante a inminencia da danza de San Sebastián, Xerardo Dasairas reflexiona sobre estes bailes ancestrais

Un danzante en Darbo con vincos nas orellas. // Arquivo

Cada vez que se reproducen as danzas relixiosas de Cangas en honor a un santo ou advocación parroquial, reitéranse as preguntas entorno á vestimenta e aditamentos femininos, vincos e colares, que portan os danzantes masculinos. Temos escoitado e lido nos medios de comunicación, explicacións populares emitidas por organizadores ou danzantes que din que o levalos forma parte dunha promesa ou ofrenda dos homes participantes na coreografía. Porén, a realidade é que estes aditamentos femininos non son máis que unha lembranza de cando nestas danzas só bailaban homes, uns de Galáns e outros de Madamas ou Damas, vestidos con roupas femininas.

Hai que ter en conta que a danza de Darbo había recuperarse bastantes anos despois de desaparecer, e isto faise consonte a memoria existente de que os homes levaban vincos nas orellas pois algúns facían tamén o papel de Damas. Na recuperación da danza, un tanto deslavazada naquel intre, e apesar das referencias documentais existentes, tamén se elimina a antiga vestimenta dos Galáns que pasan a vestir o traxe típico galego. Posteriormente, os homes voltarían a vestir de pantalón longo e colete sobre camisa branca mentres no Hío e Aldán levan chaqueta e garavata sobre a que estes últimos exhiben unha banda cruzada lisa.

As Damas, en Aldán e Darbo, conservan basicamente a vestimenta antiga, igual que o Guía desta última que loce banda de tafetán e o plumacho do sombreiro como vemos en antigos gravados e fotos da danza de Lavadores e San Roque de Vigo.

As danzas de Aldán e do Hío non se interromperon desde que hai memoria, constatándose en imaxes e lembranzas das mesmas, o seren mozos os que cubrían o papel de Damas. Este feito con reminiscencias en Darbo e constatado graficamente en Aldán, ainda pervive na danza do Hio ao se modificar a vestimenta das Damas, sustituíndoa pola esclavina e bordón que loce a efixie de San Roque.

Nesta mudanza de vestimenta no Hio, en principio, os mozos chegarían a vestir por enriba das enaguas antigas, este novo traxe. Como isto duplicaba o peso a soportar, facendo máis penosa e menos áxil a danza, acabaríanse por suprimir as enaguas, elemento considerado anacrónico e xa indesexado polos mozos participantes nesta e en calquera das outras.

Mais, despois de todo isto, segue no ar a pregunta de cales foron as causas que obrigaron aos homes a travestirse e se xa se viña facendo así desde antigo ou co establecemento destas danzas como ofrenda, case sempre a través dunha confraría. Tamén pode constatarse que son numerosas as danzas de Galicia e do territorio español e portugués nas que os danzantes, só homes, visten saias, visos ou enaguas, aparecendo estes elementos nas de arcos, fitas e paus basicamente.

Unha posible orixe pagana

Sobre estas danzas, que non gardan relación coas nosas, Caro Baroja intúe un orixe pagano, adaptado logo ao cristianismo polas xentes, pois esta era a forma en que o pobo adoitaba facer as honras e celebracións, segundo a tradición social e non dogmática. E engade que, os elementos femeniles como saias, enaguas, medias e encaixes repétense na indumentaria desde tempo inmemorial e desde antes de que fosen adaptadas e adoptadas para os ritos cristianos. Só nas de espadas, tamén masculinas, os danzantes aparecen vestindo calzóns ou pantalóns brancos e na das penlas, moi ligadas ao gremio de forneiros, panadeiras e regateiras, adoitan ser mulleres e nenas as que bailan, ainda que no Corpus de Pontevedra e durante un tempo, foron homes e nenos os que sustituiron ás mulleres, ao alegaren estas estar doentes, cansas ou ter outras obrigas prioritarias.

Con todo, esta danza, igual que outras presentes nas celebracións do Corpus como xitanos, indios, salvaxes, portugueses... (incluso recollimos fóra de Galicia unha danza de galegos), foron prohibidas, ainda que sen éxito, polas autoridades eclesiásticas en base a que contiñan elementos profanos de carácter popular e carnavalesco. As mulleres e os homes sempre participaron nas danzas pero xa nos primeiros anos de expansión do cristianismo aparecen reticencias á participación das féminas nos actos lúdicos e festivos pois a Igrexa, através delas, comeza a magnificar o concepto de virtude, reflectido na Virxe, comezando a proscribir todo aquelo que puidese levar á perda da mesma.

Apoiando as teses eclesiásticas, tamén houbo reis como Filipe III que en 1603 promulgaron pragmáticas prohibindo as representacións de danzas en todo o territorio español, agás algunhas excepcións como unha danza de mulleres denominada das Gitalianas (Xitanas) que traemos aquí por pertencer tamén á confraría da Virxe do Rosario, igual que en Darbo. Mais sería en 1772 cando o rei Carlos III, en plena época da Ilustración, prohibise os xigantes, cabezudos e tarascas, tocándolle no 1777 aos actuantes na Semana Santa (empalados, picaos, disciplinantes...) e aos bailes en igrexas, adros e cemiterios.

Estas cédulas reais, polo escaso eco que tiveran, volveron a ser edictadas en xullo de 1780, conseguindo a desaparición de moitos rituais e as modificacións e deturpacións que nos ocupan neste tema. Entre estes destacan as tarascas, dragóns ou serpes (coca, demachiño ou boi) que representan ao demo vencido por San Xurxo ou outro personaxe; os bailes grotescos de xigantes e ananos cabezudos que representaban forzas malignas e outros personaxes disfrazados -o centulo- que imitaban demos (Centulos, Rabelos...) e incordiaban aos danzantes e as xentes, igual que fai a Coca de Redondela ou o Demachiño (camelo) betanceiro coa representación de Xan Infante no lombo e que en Allariz é un touro, que sustitúe á Tarasca ou dragón, cabalgado polo boneco de Xan de Arzúa.

Ordes de prohibición

Nun comezo, cando a festa do Corpo de Deus comeza a desenvolverse en Galicia son os poderes eclesiásticos os que demandan dos gremios a sua presenza nas procesións con danzas e outras figuras e invencións, pero cando algunhas destas representacións comezan a dexenerar a ollos dos prelados, estes comezan a ditar nas suas dióceses ordes de prohibición sobre algunhas delas.

Nin que dicir tén que poucas veces se lle fixo caso a isto e nalgures só algunhas modificacións complacentes, xerándose máis ben conflitos entre o poder eclesiástico e os rexedores das cidades, que eran quen organizaban a procesión a través dos gremios nos que só había oficios masculinos, agás o das forneiras. Mais os gremios galegos tiñan unha particularidade con respecto aos doutras partes como era a sua imbricación nunha confraría baixo unha advocacion relixiosa, debido a que o poder de bispos e arcebispo sustituían en Galicia ao dos nobres doutras partes.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats