26 de julio de 2012
26.07.2012
40 Años

Peregrinaxe campestre para honrar ao patrón

Centos de morracenses festexaron con oficios relixiosos, música e xogos tradicionais o día de Santiago

26.07.2012 | 03:02
Ducias de fieis acompañaron ás cinco imaxes ao redor do adro da Igrexa de Santiago de Ermelo . // Gonzalo Núñez

Son de tambores e gaitas para honrar o día do Apóstolo. A tradición envolveu unha xornada chea de ledicia, na que centos de persoas participaron nos actos de celebración que se desenvolveron en distintos puntos da comarca. A tradicional romaría e as comidas de campo voltaron un ano máis á aldea de Santiago de Ermelo, mentres que na parroquia de O Hío os máis maiores festexaron o día do patrón cunha xuntanza. O sol permitiu que a festa se prolongase durante todo o día, sen que faltase á cita a boa gastronomía galega e os xogos populares.

Aínda que a néboa ameazaba á primeira hora da mañá de onte, o sol foi asomando a medida que avanzaba o día para acoller unha das festividades máis importantes no calendario galego, o Día do Apóstolo Santiago. O Morrazo vestiu onte as súas mellores galas para acoller aos centos de persoas que gozaron da xornada espalladas polos municipios da comarca. As bombas de palenque anunciaron o inicio dunha destacada cita, marcada pola devoción e a boa gastronomía.
O bo ambiente e os sons tradicionais galegos reinaron onte en lugares coma Cangas, O Hío,Donón e Santiago de Ermelo, onde se concentrou unha gran multitude de persoas. A pesares de que houbo xente dende o amencer ata a noitiña, a hora máis concurrida foi o momento das procesións, que tiveron boa acollida en puntos de gran tradición coma Donón. Alí, mozos e maiores acompañaron á imaxe de Santiago durante a tradicional ruta.
Os veciños de Cangas tamén homenaxearon ao seu patrón con actos relixiosos na excolexiata. Alí acudiron as autoridades locales e moitos veciños, que para honrar a Santaigo no seu día grande. Ao rematar a misa, houbo un concerto a cargo da sección xuvenil da banda de música Belas Artes, que tocou varios temas baixo un sol de xustiza.
Na aldea de Ermelo, en Bueu, centos de fieis se achegaron ata este entorno clave na historia da comarca e onde se asentaba un monasterio benedictino. Un ano máis foron centos de persoas as que fixeron este camiño, moitos devotos e outros moitos non tan devotos. A pé, a cabalo ou incluso en bicicleta. Calquera medio era válido. A maioría deles repiten experiencia tras varios anos acudindo á cita, mentras gozan dunha marabillosa ruta a través das sendas da comarca. "Levamos toda a vida subindo a andar ata a Cruz e iso non vai cambiar", comenta unha asistente.
Non faltaron ao evento as familias que se achegaron en coche nin tampouco os turistas. Ducias de vehículos serviron entón coma improvisados almacéns para gardar comida e xogos tradicionais, grandes protagonistas da xornada despois da procesión. Ás dúas da tarde, cinco imaxes, entre as que destacaba a de Santiago Apóstolo, fixeron o percorrido seguidos por decenas de fieis que acompañaron á comitiva. Aínda que moitos asistentes botaron en falta o son dunha banda, algún afeccionado decidiu dar un toque musical ao evento grazas ao son dun dos instrumentos máis caracterísiticos de Galicia, a gaita. O sol non freou a participación dos asistentes, que non dubidaron en dar unha volta ao redor do templo.
A falta de recursos económicos fíxose notar un ano máis en Santiago de Ermelo. A diferenza doutras citas anteriores, a crise imposibilitou a contratación dunha banda que amenizase a festividade. Porén, a gran tradición de pasar o 25 de xullo en Ermelo fixo que se achegaran ao lugar centos de familias morracenses equipadas cos enseres precisos para pasar unha xornada no campo.
Non faltaron as tortillas, as empanadas e o bo viño. Os máis veteranos foron os primeiros en chegar ao alto de Ermelo, dispostos a ocupar os mellores sitios ao fresco das árbores. Outros optaron por buscar un lugar accesible co coche, para facer do maleteiro unha improvisada mesa. Os máis innovadores decidiron encargar a comida nas bocaterías cercanas para evitar o traballo de facela e poder así pasar un bo rato na romaría. Maiores e mozos compartiron xuntos momentos de ledicia e incluso algunha que outra sesta coa que reposar a comida e o viño.
Coa chegada da tarde moitos decidiron marchar á praia, mentres que outros seguiron a festa acompañados de xogos tradicionais, coma o aro, ao son da música.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Comeza un ano máis o Concurso Illas Cíes no que os nenos e nenas de Vigo nos contan como ven eles as Illas Cíes

FaroEduca