Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Santa Lucía en tres parroquias de Rodeiro

En Negrelos, Fafián e Asperelo houbo misas e todas oficiadas por Alvito García Fente

A Santa Lucía en tres parroquias de Rodeiro

A xornada comezámola en San Martiño de Asperelo, na igrexa que é unha das poucas que conserva integramente a traza románica na nosa comarca, con escasa asistencia de devotos, xa que a chuvia que case era neve nos cumes do Faro, non convidaba a botarse fóra da casa. Non houbo procesión, polo que aproveitamos para botar un ollo ao interior da igrexa, da que se ten escrito moito, na que destacan os seus ben labrados capiteis do dobre arco triunfal con gravados zoomorfos e xeométricos. Aquí a Santa Lucía ten unha antiga imaxe na parte superior dun retablo lateral de estilo neoclásico dedicado á Virxe María. O retablo principal, da mesma época co lateral, está presidido por unha imaxe do Sagrado Corazón de nova factura, flanqueado por San Antonio e o patrón San Martiño, que ten festa en novembro, e na parte superior polo San Roque, centenarias as tres. Tamén se garda no interior a pía bautismal do século XIII, e a sancristía construída en tempos recentes oculta varios canzorros sen decoración.

Interesantes imaxes en Fafián

Na compaña do párroco amigo, fomos logo á parroquia de Santiago de Fafián, onde celebrou unha misa ofrecida por unha familia moi devota da santa avogosa das enfermidades da vista. A asistencia foi semellante á de Asperelo e tampouco houbo procesión, xa que neste templo a Santa Lucía non ten imaxe. A igrexa, orixinalmente románica, foi moi reformada ao ser ampliada, sendo reutilizadas as doelas do arco triunfal, os canzorros, un tímpano pentagonal liso da porta lateral e a pía bautismal primitiva que agora está no cemiterio. No interior destacan os dous altares laterais barrocos con decoración de acios. O da esquerda, na actualidade dedicado á Virxe María, ten na parte superior unha pintura do San Antonio e a cada lado antigas imaxes de Santa Bárbara e Santa Eufemia, esta última, segundo contan os veciños, vida da capela que a Santa tivo o carón dunha fonte milagreira na aba do Faro. O altar da dereita, está presidido por un antigo Cristo Crucificado e na parte superior por un San Benito, por diante do que puido ser unha pintura sobre madeira. O altar principal, neoclásico e máis recente que os anteriores, oculta unhas pinturas que semellan do século XVI que medio puidemos ollar por unha regaña lateral. Está presidido por unha imaxe do patrón Santiago Matamouros, Cristo Resucitado, a Virxe María e San Xosé, imaxes todas elas novas e as máis antigas de San Antonio e San Roque.

Moitos devotos en Negrelos

En San Cibrao de Negrelos remataron as celebracións desta xornada nas terras de Camba, con misa solemne que encheu a igrexa de devotos, dos que algúns xa asistiran á novena en días anteriores. Non houbo procesión pola chuvia e ao remate parámonos a conversar co devandito párroco e un par de fregueses, sobre a igrexa e as festas da parroquia. A igrexa foi traslada dende máis abaixo do lugar e da antiga quedaron un par de sepulcros de pedra onda a Casa do Arco e para a nova trouxéronse a pía bautismal e as canterías. A igrexa actual é dunha soa nave, ten ao fondo a sancristía coa vivenda do cura enriba. A imaxe da Santa Lucía non chega os cen anos de antigüidade. A vella ardeu xunto co retablo lateral que presidía, coas candeas que os devotos lle poñían pola festividade. Non é esta, malia a notable concorrencia e devoción que ten, a festa principal da parroquia, senón a do patrón, a que xa nos temos referido nunha anterior reportaxe.

Compartir el artículo

stats