Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Natalia Campos Ferro: "Normalmente, no urbanismo non se lle dedican espazos públicos ás mulleres"

"Hai moi poucas mulleres, ás que lles debemos moito, representadas nos rueiros"

Natalia Campos, onte, no Casino de Lalín. // Bernabé/Javier Lalín

O Círculo de Recreo Casino de Lalín clausurou onte a programación de actividades de novembro. O broche final púxoo a arquitecta Natalia Campos coa charla-coloquio A danza urbana: unha aproximación ao urbanismo feminista.

-Que é o urbanismo feminista?

-A definición típica de urbanismo sería como a ponderación dos intereses da cidadanía, pero vendo que non sempre se escoitan todos os intereses cando se planifican os espazos urbanos, pois intentamos poñer énfase nesta situación. Por un lado, das necesidades dos colectivos vulnerables, que poderían ser os nenos, os maiores, as mulleres e as persoas con necesidades especiais e tamén daquelas que coidan desta xente vulnerable, que normalmente son as mulleres. E para iso centrámonos nunha serie de indicadores, que nos indican se un espazo está ben deseñado dende esta visión inclusiva do urbanismo.

-E cales son eses indicadores?

-Serían a diversidade, entendendo que na realidade urbana hai situacións moi diversas; a proximidade, porque é moi importante que una persoa, independentemente de cal sexa a súa condición, poida acceder aos servizos, a unha zona verde, que do seu traballo a súa vivenda non haxa unhas distancias inmensas...; que poidan usar tamén o transporte público, que todas as persoas poidan ser autónomas no uso e desfrute dos espazos urbanos e que os espazos sexan vitais porque consideramos que así serán moito máis seguros e atractivos. E outra parte moi importante é a representatividade. É preciso que todos se sintan representados no espazo público e isto ten moito que ver co tema da memoria, cos nomes das rúas, das prazas... Hai estudos que analizan os rueiros que demostran que a gran maioría están dedicadas a homes que fixeron cousas importantes e hai moi poucas a mulleres, ás que lles debemos moito. Normalmente, non se lle dedican espazos públicos. Tamén aquí entra a sinaléctica da rúa. Por exemplo, o mítico muñequiño dos pasos de cebra que ao final sempre se asocia cunha silueta masculina. Ademais, a presenza da publicidade nos espazos públicos moitas veces vemos que tratan ás mulleres un pouco como se fosen obxectos. Tamén temos en conta a mobilidade, moi relacionada co xénero, e normalmente a masculina é máis directa e vinculada ao eido privado, pero a da muller, sobre todo cando teñen persoas ao seu cargo, e máis poligonal. E por suposto, traballamos a seguridade das rúas.

-Que zonas pouco seguras destacaría da comarca?

-Por exemplo, a zona dos xulgados de Lalín ou o parque das Pedrosas, de Silleda, que moita xente non se atreve a ir por alí soa, e incluso, pais non deixan ir aos fillos sos.

-Por que a danza urbana é unha aproximación a este tipo de urbanismo do que fala?

-A danza urbana é un concepto dunha muller que fixo unhas contribucións incribles ao urbanismo no século pasado, Jane Jacobs, que ten un libro que se chama Vida e morte das grandes cidades. Ela dicía que a vida urbana era máis parecida a un ballet no que as diferentes persoas ían aparecendo e desaparecendo e improvisando, que non a un mecanismo como nolo venden os urbanistas, como se fose unha máquina.

Compartir el artículo

stats