Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A antiga historia da devoción en San Miguel de Arca

As festas en honor da Virxe dos Desamparados, da Virxe das Dores e de San Miguel Arcanxo celebraranse ata o vindeiro domingo

Imaxe da Virxe das Dores da igrexa da parroquia de Arca.

Os días 27, 28 e 29 celébranse en Arca as festas en honor da Virxe dos Desamparados, da Virxe das Dores e San Miguel Arcanxo. Pregón, pasarrúas, coros, orquestras, concertos, xantar popular, misas, atraccións para os rapaces e moitas cousas máis, van facer ferver esta parroquia con xentes chegadas de toda a contorna.

A devoción á Virxe das Dores nesta parroquia xa ten séculos de historia, pero a devoción a San Miguel nace coa creación in illo tempore da parroquia. Agora ben, chama a atención que se celebre a festa a un santo que non foi santo. Todos os santos foron homes ou mulleres que viviron neste mundo e que polas súas virtudes foron considerados exemplos a imitar. Pero san Miguel é un arcanxo, un espírito puro.

Hai, segundo a tradición católica, anxos, arcanxos, querubíns, tronos e dominacións. Un anxo chamado Lucifer, "o que leva a luz", dixo: Serei como Deus. Non o quero servir. Saíulle en contra un arcanxo que dixo: Quen como Deus?, dito en hebreo: Mi-ka-El. E así mentres Lucifer caeu aos Infernos, Micael/Miguel subiu á capitanía de todos os anxos.

É por iso que se representa revestido de casco, coiraza e escudo, empuñando unha espada -ou lanza-, para loitar contra Lucifer, pois é un militante e guerreiro. E así o podemos ver na igrexa de Arca, cos estes atributos e coas iniciais Q C D no escudo de "Quen como Deus", é dicir, co seu nome.

A devoción a San Miguel nace xa nos primeiros tempos da Igrexa, construíndo unha basílica en Roma na vía Salaria. No ano 611 o papa Adriano VI construíu un oratorio sobre o Castel di Santangelo, dedicado a san Miguel, selando así a tradición de que se aparecera alí, librando ás xentes romanas dunha peste.

Por iso, tense a San Miguel como avogado que nos defende nos casos de peste, pero tamén en todas as incursións de Lucifer contra nós ao longo da nosa vida. E non nos abandona trala morte pois está presente no xuízo en que se pesan as almas, atento ás acusacións do demo, por iso se representa ás veces cunha -balanza- romana nas mans. E así, deste xeito, temos no presbiterio da igrexa de Arca unha imaxe de san Miguel en pedra coa cabeza cuberta dun casco, co brazo dereito levantado e cunha romana na esquerda, procedente da igrexa anterior á actual, polo que a datariamos nos séculos XV-XVI.

Desde tempo inmemorial ten Arca a san Miguel como patrón. O P. Hoyo no ano 1605 fálanos da Confraría de San Miguel que había en Arca. Constituída para que, entre outras cousas " nos defienda de enfermedades contagiosas", dise nas "Hordenanzas". Nelas se establece a reunión de confrades e irmáns o 1º domingo de setembro, con misa a véspera polos confrades vivos e defuntos, procesión o día de festa e responso. Tamén unha misa mensual polos confrades. E "que en esta santa cofradía aya siempre una tumba para enterrar los difuntos, y un manto de pano negro, para cubrirla".

Hai outras disposicións para a morte dalgún membro, con cera dabondo. Tamén unha comida o día da celebración, e "por quanto despues de aberse dado la comida a los Cofrades queda y sobra muchas veces carne, vino, pan y menudos de la vaca y carneros que se matan, hordenamos y mandamos que todo se venda en pública Almoneda".

En 1864-65 fíxose a actual igrexa de Arca, por ruína da anterior, que presenta dúas imaxes de San Miguel nos retablos neoclásicos do altar maior e dun lateral. As dúas imaxes representan a san Miguel con casco, coiraza, espada e escudo coas iniciais Q C D, identificativas do seu nome.

Máis modernas son as devocións á Virxe dos Desamparados e a das Dores, pois non é ata mediados do século XIX, cando se fai a igrexa, cando a Virxe das Dores ten o seu propio retablo do lado do evanxeo e a súa imaxe.

Felicitémonos pois de seguir preservando as tradicións dos nosos maiores e non esquezamos quen somos e de onde vimos.

Compartir el artículo

stats