Aínda que rematase a carreira universitaria de Tradución na Universidade de Vigo, Natalia Fondevila estaba convencida de que esa non era a profesión que quería desempeñar. Os seus gustos pola respostería e máis a cociña plásmanse na nova cafetería que acaba de abrir en Silleda. Cuppedia, termo que ten á súa orixe no latín , é o nome que recibe este local e que destaca pola súa decoración, os seus produtos caseiros e o café ecolóxico.

-Como xorde a idea de crear esta cafetería? Contou con axuda?

-Principalmente porque eu estudiei Tradución, e non me facía ilusión traballar diso. Realmente, a min o que me gusta é cociñar, sobre todo, a repostería. Ademais, considero que se me dá bastante ben, ou polo menos é o que me din. Pouco a pouco comecei a ter encargos da familia e amigos, polo que decidín crear esta cafetería. Tamén me encanta o café, entón buscaba unir ambas cousas. Aquí, en Silleda, creo que non hai nada parecido, quería crear un local distinto, xa que bares hai moitos e que, ao mesmo tempo, a xente valorase a repostería caseira e o café ecolóxico. No tocante ás axudas, a idea principal da repostería e o café foi miña e inspireime noutras cafeterías das grandes cidades como Santiago, Madrid ou Barcelona, nas cales podías tomar un café e pedir un trozo de tarta. A zona infantil que temos dentro do local foi unha colaboración con outras rapazas, xa que buscabamos un espazo no cal, mentres que os pais e nais tomaban un café tranquilamente, os fillos puidesen estar entretidos. E este local reúne as condicións óptimas para iso. No interior tamén hai unha pequena terraza que está moi ben agora para o verán.

-Chama a atención o nome de Cuppedia. De onde provén?

-Este nome é un logo dunhas cafeterías do Reino Unido. A palabra cuppedia provén do latín e significa confitura, caramelo. Eu non quería que o local levase o meu nome, polo que contratamos ás rapazas de Hydra Marketing para que nos axudasen con iso e co deseño interno do logo. Tamén diseñaron o interior do propio local e, a verdade, esta é unha das cousas que máis destaca a xente que vén.

-Empregan cafe ecolóxico e produtos artesanos. Cal é a súa procedencia?

-A miña prioridade é que, a parte de que sexan produtos ecolóxicos, tamén sexan produtos de cercanía, con provedores que estean a poucos quilómetros de Silleda. O café é Candelas, que provén de Lugo, o leite é de Kalekói, preto de Lalín, a mantequilla tamén é do mesmo lugar, e a fariña, de Silleda. Entón busco produtos locais ou galegos xa que ao final, o ecoloxismo está ben pero se o tes que traer dende lonxe, non che acaba saíndo rendible económicamente. E, por suposto, que sexan produtos de calidade.

-É vostede a única encargada deste local ou conta coa axuda de máis xente?

-Normalmente son eu a única encargada, aínda que tamén conto coa axuda da miña nai, que vén nos momentos de máis traballo para axudarme cos pinchos. Ademais, temos unha camareira polas mañás.

-Cales son os produtos máis demandados pola xente?

-Co café poñemos unha galleta de mantequilla e despois pasamos unha bandexa co que hai ese día, que pode ser biscoito de chocolate, de iogur, tarta de nata, de queixo... E despois o que máis se encarga para levar é unha tarta de nutella, a de queixo e o flan de chocolate. Despois para acompañar o café, polo xeral, gusta todo, aínda que o biscoito de iogur, que é un clásico de sempre, é o que máis se demanda.

-Está satisfeita coa acollida que lle está dando a xente con esta nova iniciativa?

-Si, eu estou moi contenta coa aceptación que estou tendo entre a xente. Tiña dúbidas, xa que eu nunca traballara neste sector e entón nunca sabes, pero a verdade é que moi ben. A xente, polo xeral, destaca a decoración do sitio porque antes era un local diferente, bastante escuro, que tiña un vinilo na cristaleira e a xente agora agradece ter vistas cara a rúa.Ademais, o café gusta moito e xa temos clientes que veñen todos os días a propósito por tomalo. En relación á repostería, a xente queda impresionada cando ven as bandexas coas tartas e biscoitos, todo ben cortado e caseiro. Case todo o mundo colle un anaco, así que iso é un bo sinal, eu creo.

-Tamén se poden facer pedidos para levar para a casa?

-Si, tanto doce como salado. Tamén facemos tortillas e empanadas, e están tendo unha boa aceptación, sobre todo agora que comeza a época das festas. Pero tampouco podo atender un elevado número de pedidos, pois, ao estar comezando, non teño a capacidade nin os medios que pode ter unha pastelería.

-Ten pensado engadir algunha novidade, vendo os bos resutados que están acadando?

-De momento seguir así e coller ritmo, xa que tamén temos algún aniversario e ao ser poucos tampouco podemos abarcar máis do que podemos facer ben. Durante o verán centrarémonos nos aniversarios, nos encargos das festas e no día a día na cafetería,e eu creo que será suficiente. Temos a idea de organizar algún espectáculo de maxia ou xogos con animadores para os nenos pero aínda non temos fixado ningunha data. Sobre todo, serán actividades dirixidas aos máis pequenos.