A figura do estradense Carlos Henrique Fernández Coto aparece ligada desde fai anos á defensa dun urbanismo galego coherente a nivel social e cultural. Desde a súa posición como arquitecto de prestixio e presidente da Asociación para la defensa do Patrimonio Cultural Galego puxo en marcha numerosas iniciativas orientadas a coidar, tanto a nivel institucional como popular, algúns dos máis prezados e ao mesmo tempo descoidados tesouros de Galicia. Analizamos con el esta súa causa e tamén o urbanismo da vila que o viu nacer.

-Cando se meteu vostede en toda esta loita polo urbanismo racional a defensa da paisaxe galega?

-Diría que foi fai trinta anos máis ou menos. Cando empecei a facer o meu traballo como arquitecto comecei a darme conta de que as cousas non se estaban a facer ben en Galicia. Nese punto as redes sociais foron as que me permitiron chegar a máis público coa miña mensaxe. Explicar as cousas nun foro, como as veces fago, estás ante unhas cen persoas pero as redes permitiron concienciar a máis xente. De feito, si que se logran moitas cousas. Varias das últimas leis sobre urbanismo e paisaxe da Xunta foron gracias a esa conciencia e a esa mobilización nas redes.

-Semella sen embargo una causa facilmente defendible. Resulta difícil poder levarlle a contraria na maior parte das cousas que plantexa.

-Efectivamente. Creo que con tal de viaxar dáste conta que noutros países as vilas manteñen a súa identidade mantendo o seu patrimonio vivo. Non hai ese costume que hai en Galicia de tirar para facer unha cousa nova. Creamos construcións sen a personalidade da anterior.

-A pesar de que reside en Rianxo vostede naceu na Estrada. Poña un exemplo local.

-A Estrada foi perdendo a súa identidade ao longo dos últimos corenta anos. O que era a Estrada nos anos setenta e o que hai agora é practicamente irrecoñecible. Penso que parte desa falta de arraigo que supón tirar e facer cousas novas sen xeito e a causa de moitos estradenses non volvan a Estrada a vivir. As cousas novas son alleas. Perdes a imaxe que tes da Estrada. París, Roma, Allariz, Muros... Todas teñen una identidade que manteñen. Na Estrada en corenta anos non houbo unha planificación.

-A alameda sería un exemplo?

-A alameda era case o último cartucho que nos quedaba aos estradenses de elemento identificativo. So hai que ver a xente da Estrada que está fora que recorda a alameda como un elemento propio, un dos últimos. Todos temos una historia na alameda. Hai outras cousas boas na Estrada. Por exemplo, mantívose o teatro. En moitas vilas os vellos teatros tiráronse pero aquí mantívose. Outro é a escola onde eu estudei, que hoxe é a casa do libro. No lado contrario estaría o caso da antiga biblioteca, que venderon a un promotor inmobiliario para facer vivendas. Iso so pasa na Estrada. Coñezo Galicia e recibo información de moitos lugares e en ningún venderon una biblioteca, cun estilo definido como esta, para vivendas. A alameda é unha referencia para os estradenses, con moitos inputs na memoria colectiva.

-Como valora a nova alameda?

-Agora xa non é unha alameda. Deixou de ser una alameda para converterse nun parque. As alamedas galegas naceron no seu día como lugar para facer as feiras de gando, con características como a permeabilidade do chan porque aquí chove moito. Neste caso perdeuse. Se é permeable permite que a auga chegue ás raíces das árbores. Ademais, é moito máis fácil de limpar. Un pavimento de formigón vai estar sempre sucio. As alamedas tamén tiñan un microclima especial, cuns dez graos menos debaixo dentro dela con respecto a fora. Con cemento non vas a ter iso e menos se quitas árbores. Deixou de formar parte do concepto de alameda histórica. Na miña opinión fixeron unha intervención un pouco frívola e aos ditados da moda. A moda di que hai que poñer cemento branco no chan e así se fixo. O problema das modas é que pasan. A alameda de Santiago por exemplo leva aí dende o século XVI e non pasa de moda. Unha praza de cor branca e cemento probablemente non pasará a historia.

-Considera entón que é una perda da identidade cultural?

-Por suposto. Vexo ben a ampliación da alameda. Foi unha boa decisión porque de non facelo acabarían construíndo aí máis edificios. O pouco espazo público verde que ten o casco urbano A Estrada está aí e na praza da Feira. Sería sen embargo moito máis doado facer un parque estilo europeo. Aplanar, facer unha montaña, un lago, estanques... Crean unha zona agradábel na que a xente poda reunirse e falar. Herba, árbores, bancos e auga. Iso son parques para desfrutar. A casa do doutor Campos tampouco facía falta tirala. Podía ser restaurada cunha utilidade pública. Cando hai un edificio sen problemas gordos non hai porque tiralo. Pódese integrar no proxecto.