Hai unha década unha devota de Madriñán doou a igrexa da parroquia unha imaxe de Santa Rita de Casia e comezou a celebración relixiosa con novena nas vésperas e misa solemne e procesión no propio día da festividade. A concorrencia foi dende entón en aumento, de xeito que na actualidade a igrexa, espazosa dabondo para os veciños da parroquia, énchese agora por completo de fieis chegados das parroquias lindeiras e tamén da vila de Lalín.

Na celebración do mércores, logo da misa solemne oficiada polo reitor do Santuario do Corpiño, José Criado, que tamén rexe esta parroquia, xa de noitiña, saíu a procesión deica o cruceiro, os devotos poxaban por levar a santa, o sol poñíase por detrás do Pico Sacro tinguindo de roxo o ceo no que estoupaban ducias de bombas de palenque. De volta á igrexa, os asistentes prenderon cirios, mercaron rosas, pétalos, estampas e outros obxectos benditos cos que librarse das enfermidades e resolver os problemas díficiles ou imposibles que se presentan na vida para os que a santa é avogosa. Rematou a liturxia coa bendición e a interpretación por segundo ano do Himno de Santa Rita, composición de Prudencio Romo, o fundador do célebre grupo Os Tamara.

Non é a da Santa Rita a festa principal de Madriñán, senón en setembro a do patrón Santo Adrao con festa relixiosa e programa, e tamén en tempos honraba ao Santísimo e á Virxe do Carme, que presiden os altares da parroquia xunto a San Ramón, San Roque e Santo Antonio, entre outros.

Tamén houbo festa na parroquia de Añobre, nas Cruces, á que o pasado ano adicamos aquí unha reportaxe, con procesión de candeas na véspera e festa relixiosa con verbena no día propio, con maior concorrencia cada ano. Son as dúas celebracións na honra a Santa Rita que prenderon na comarca dezá, substituíndo a outras tradicionais que por diversas razóns se perderon co paso dos anos.