Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando Redondo Neira: "Achegaremos a obra de Neira aos lectores novos mediante encontros con escritores"

"Anisia Miranda necesita ser reivindicada. Definiremos algún acto para lembrala"

Fernando Redondo Neira, na fundación de Gres. // Bernabé/Javier Lalín

Cando era neno, Fernando Redondo Neira viña cos seus pais en coche desde Camporrapado e cruzaba a ponte de pedra para visitar aos abós maternos en Gres. Xa de mozo, cando abriu a Fundación Xosé Neira Vilas na Casa do Romano (onde nacera o escritor e outros dous dos sete irmáns), axudou aos seus tíos Xosé e Anisia, retornados de Cuba, a colocar os libros da que sería a bibioteca de referencia e o lugar no que faceren os deberes os nenos das dúas parroquias á beira do Ulla. Agora, asume "con moita responsabilidade" a presidencia desta fundación.

-Na carta na que presentou a súa candidatura á presidencia menciona a intención de defendero legado de Neira Vilas, pero tamén o de Anisia Miranda e o anteiror presidente, Luis Reimóndez. ¿Que iniciativas tén previstas nesta nova etapa?

-Queremos continuar co que está funcionando ben, como a biblioteca, o museo ou o auditorio. Pero temos que pensar que ao noso cargo está o legado de quen é xa un clásico da literatura galega e que ademais debe seguir presente entre o público, gañando lectores novos. Por iso, temos pensado organizar encontros con escritores, incluidos os das xeracións máis novas, para que lles expliquen aos nenos e aos adolescentes cómo lles influiu a lectura de Neira Vilas e tamén qué significa escribir en galego no século XXI. E considero que tamén temos que canalizar a obra de Neira Vilas pola vía audiovisual.

-Agora que fala da xente máis nova e dos medios audiovisuais, ¿como ve o futuro da literatura en papel, e sobre todo o da literatura escrita en galego?

-Eu coido que sempre hai relevo de lectores, quero ser optimista e vexo que, aínda que as cousas non están boiantes, tampouco van tan mal. O que ocorre é que a xente máis nova non le en papel senón noutros soportes como o teléfono móbil, a tablet ou o ordenador. E penso que incluso le máis agora que antes, cando só había o papel. A literatura segue sendo necesaria, porque o relato forma parte das nosas vidas, e os escritores novos vanse nutrir sempre dos que estiveron antes. E esta evolución ou cambio deuse tamén nas bibliotecas: antes eran o lugar onde os nenos ían buscar información para facer os deberes, pero agora todos eses datos xa non están nunha enciclopedia, senón no teléfono móbil. E por riba, agora hai cada vez menos nenos no rural. Así que hai que buscar novas fórmulas para estes centros.

-Vostede quere potenciar o legado de Anisia Miranda, falecida en 2009. O anterior presidente, Luis Reimóndez, anunciara a súa intención de convocar este ano un premio que levase o seu nome e que en anos alternos se destinase a pezas teatrais e poesía. ¿Mantense en pé esta iniciativa?

-Teño claro que Anisia Miranda necesita ser reivindicada e precisamos algún acto para que sexa recordada. Temos que analizar a fondo qué tipo de tributo pode ser, ou ben este premio ou ben outra actividade que xire en torno ao teatro. Ainda non o temos definido.

-A Fundación forma parte dos itinerarios do programa provincial En ruta coa Depo. ¿Axuda a dar a coñecer a entidade e tamén a Gres?

-A verdade é que hai un fluxo de visitantes regular e constante, sobre todo nas fins de semana. E isto é moi importante, porque tanto a sede da Fundación como a aldea de Gres e o seu entorno é o lugar onde trascenden as historias que narra Neira Vilas. Por iso queremos que este "pequeno recuncho orixinario", como o chamaba o escritor, teña trascendencia cara afóra, e de aí que os patronos recén incorporados sexan axentes dinamizadores da Estrada, de Boqueixón ou de Vedra.

-A última pregunta é case obrigada. ¿Prefire ao Neira Vilas de ficción, ao autor dos dietarios, ao das epístolas...?

-Penso que os lectores imos cambiando co tempo, de xeito que de novos nos gosta a novela e a ficción, pero a medida que pasa o tempo atráenos máis a pegada coa realidade. De aí que teña especial querencia polos seus dietarios e as memorias, ou a súas cartas, que eran documentos de amizade e que dalgunha maneira nos achegan ao resto da súa obra. Quero resaltar, tamén, que tanto Anisia como Xosé Neira Vilas souberon entrar na literatura máis difícil de todas, a infantil. Para min é a máis complicada, porque a un neno non o enganas e vai dicir claramente se un relato lle gosta ou non.

Compartir el artículo

stats