Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

José Manuel Fontenla Redondo: "O de vivir máis anos ten un prezo, que é a demencia "

"Entre os maiores de 85 anos pode haber entre un 30 e un 40% con alzhéimer"

José Manuel Fontenla, xunto a Noelia Martínez, onte no curso de Silleda. // Bernabé/Javier Lalín

O curso de formación para coidadores de familiares que padecen alzhéimer arrancou onte na Casa da Cultura de Silleda e durará ata o xoves. Esta actividade está promovida por un convenio entre o Concello e a Asociación de Familiares de Alzhéimer de Pontevedra (Afapo). Onte o presidente deste colectivo, José Manuel Fontenla Redondo, que tamén é secretario da Federación Alzhéimer Galicia (Fagal), foi o encargado de presentar este curso na localidade dezana. Noelia Martínez é a persoa que o imparte.

-En que vai consistir?

-Este curso englóbase dentro dun convenio que xa levamos cinco anos traballando no concello de Silleda, que empezou no 2014 a través dunha subvención da Fundación Barrié para que as asociacións de alzhéimer de toda Galicia puideran chegar ao rural. Vemos que nas zonas urbanas existen recursos, pero nas rurais son zonas totalmente baleiras. Entón empezamos a dividir toda Galicia en función de que unha asociación abarque unha zona rural. E de Pontevedra tocoulle a Deza. O ano pasado estivemos en Vila de Cruces e tamén en Silleda. Isto consiste primeiro en facer un primeiro curso destinado ás familias ou coidadores para explicarlles os problemas da enfermidade. Neste curso, que vai durar oito horas, poden plantexarnos calquera dúbida e podemos explicarlles cales son as fases da enfermidade e que é o que teñen que facer en cada unha delas para comprender mellor a situación do enfermo. Ten un enfoque meramente formativo e trata sobre os aspectos relacionados coa enfermidade, como que causa a demencia, que causa o envellecemento, cales son os síntomas iniciais e os máis característicos e como é a evolución.

-Cada vez padécese máis esta patoloxía?

-É que cada vez vivimos máis e como isto é unha enfermidade bastante relacionada coa idade, ao vivir máis, hai máis xente que ten demencia. Hai que darse conta que Galicia ten unha poboación moi envellecida no que neste momento xa máis do 25% ten máis de 65 anos e neste grupo de 65 a 85 anos, estamos falando ao mellor dun 5 ou 6% de afectados, pero cando suben dos 85 os afectados poden chegar a un 30 ou 40%. É dicir, que de 100 persoas maiores de 85 anos igual temos 25 ou 30 con demencia, por iso hai tantos casos e cada vez vai haber máis porque a lonxevidade é o que nos trae este problema. O éxito da sociedade de benestar é vivir máis anos, pero ten que pagar un prezo, que é a demencia.

-Existe unha maneira de previr esta enfermidade?

-De previr si, pero curar non se vai a curar nunca, de momento, mentres non saia unha vacina ou algo, pero iso parece ser que non vai ser pronto, pero si hai unhas pautas e nós aquí en Pontevedra xa estamos traballando na prevención, porque hai que facer algo, non podes quedar quieto. O que estamos facendo en Pontevedra, Marín e Poio é a prevención da enfermidade con talleres. Unha persoa maior de 65 anos, aínda que estea en perfectas condicións, pode, dalgunha maneira, desenrolar este tipo de actividade terapéutica para intentar prever este tipo de enfermidades a base de talleres cognitivos, de actividade mental, de exercicios en función da súa idade e a base de facer unha vida social e ter unha dieta equilibrada.

-Que consellos lle dan ás familias?

-Falámoslles de cales son as causas da enfermidade para que eles entendan, como ten que ser o envellecemento desa persoa, que é o alzhéimer ... porque deben coñecer a enfermidade e cales son os síntomas iniciais e como vai actuar o enfermo e a evolución. Se coñecen isto e comprenden a evolución entenderán moito mellor e dalgunha maneira, non estarán tan agoniantes e derrotados emocionalmente cando non comprenden cando un familiar actúa desa forma.

-Segue habendo descoñecemento da enfermidade?

-Si, porque é unha enfermidade mal vista, por dicilo dalgunha maneira, que fai que non nos preocupemos ata que nos explota na casa. Á xente sónalle, pero o 99% da familia non coñece os síntomas, evolución e problemas, só cando o ten diante e ve que é unha enfermidade complexa. Ao principio pensan que é cousa dos anos e non queren recoñecer que é porque xa está diagnosticada. Moitísimas familias veñen moi tarde buscar axuda, cando xa pouco se pode facer.

Compartir el artículo

stats