Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Devoción a Santa Lucía en Moneixas e Negrelos

A santa avogosa para as enfermidades dos ollos tamén se venera noutras sete parroquias dezás

Un grupo de devotas ante a imaxe venerada en Negrelos.

De entre a decea de celebracións que Santa Lucía de Siracusa ten na comarca de Deza poida que as de Moneixas (Lalín) e Negrelos (Rodeiro) sexan as que contan con maior concorrencia de devotos, tanto nas misas que se celebran o propio día 13 de decembro coma nas novenas das vésperas.

En Moneixas, unha pequena parroquia que anda pouco por riba dos douscentos habitantes, a igrexa-santuario fica pequena para acoller aos centos de devotos que veñen ofrecidos, os máis deles dende a vila de Lalín e das parroquias lindeiras. Na xornada de onte houbo tres misas rezadas e unha solemne con procesión ás doce do mediodía deica o cruceiro, que foi oficiada polo sacerdote Francisco Lodeiro. Os ofrecidos pasaron os panos e estampas á imaxe da Santa para logo refregar os ollos e deixaron centos de candeas prendidas na capela lateral e algunhas esmolas; e tamén nos días anteriores á celebración foron moitos os que asistiron á novena. O que non houbo foi música para zanquear unha muiñeira ou un pasodobre, nin postos para comer unha ración de pulpo con viños do país, coma nalgún tempo.

A igrexa parroquial é un fermoso templo que conserva moitos elementos da primitiva fábrica románica e unhas singulares pinturas murais do século XVI. A mediados do século XVIII ampliouse con dúas capelas que autorizara construír o arcebispo dezao Gil Taboada: unha adicada a Santa Lucía, na que se honra deica os nosos días, e outra á Virxe das Angustias. Tamén na década dos sesenta do pasado século o templo foi ampliado para convertelo en santuario adicado á Virxe do Carme polo cura Andrés Cagide, ben coñecido por ser o fundador do grupo de gaitas Os Dezas vai para cen anos. O santuario que preside na fachada unha escultura da Virxe obra do artista lalinense Vidal Payo, estivo nun tempo, vencellado ao do Corpiño. En tempos recentes, sendo párroco Luís López Barredo, a igrexa foi obxecto dunha atinada restauración, que, xunto coa casa reitoral -séculos atrás convento de monxas clarisas e antes, couto cerrado de Aciveiro- e un erguido cruceiro procesional que agarda un arranxo logo de que chimpara un vendaval, forman un interesante conxunto.

A choiva dou unha tregua nesta xornada da festividade da Santa Lucía e a procesión tamén puido saír en Negrelos logo da misa solemne á que asistiron os veciños desta parroquia e doutras dos contornos, con notable presencia de devotos da vila de Rodeiro. Na parroquia que rexe o vicearcipreste Alvito García Fente, repetiuse o ritual de Moneixas: pasar o pano á imaxe e restregalo polos ollos, deixar esmola, pagar misas ou prender unha candea. Houbo abóndante pólvora, pero non a romaría que noutro tempo se celebraba no entorno da igrexa onde agora fan a festa do patrón, San Cibrao.

En Negrelos, a igrexa de boas dimensións non chega aos douscentos anos de antigüidade. Antes estaba onda a chamada Casa do Arco, no fondo da aldea, onde queda como recordo un sartego antropoide que agora fai de bebedoiro para o gando e levouse para nova igrexa unha ben labrada pía bautismal. A actual ten pegada pola parte traseira a casa reitoral de feitura máis recente.

Tamén houbo misa a primeira hora da mañá na capela da Santa Lucía a pé do regato do mesmo nome entre Bendoiro e Prado, parroquias que poxan pola súa posesión, e que terá outra celebración máis concorrida o vindeiro 25 de Nadal da que nos habemos ocupar aquí. Temos referencias da celebración de Mánduas, mentres que en Xestoso e Parada, tamén no municipio de Silleda, déixanas para o verán. Nas Cruces fanlle festa á Santa xunto co San Campio en Merza, no mes de agosto, e nas parroquias de Asperelo, San Salvador e Fafián, en terras de Rodeiro, hai imaxes nas igrexas, pero non celebracións adicadas a esta santa que se ten por avogosa para enfermidades dos ollos -á mártir fóronlle arrincados en tempos de Roma-, sendo a patroa dos cegos.

Compartir el artículo

stats