José Luis Rodríguez Jácome e o seu tío Francisco Jácome atoparon o pasado domingo no concello leonés de Garaño o Globo da Xesta de 2018, o "segundo lanzamento da era moderna", tal e como o coñecen xa nesta parroquia lalinense despois de que esta tradición fose recuperada pola Asociación de Veciños San Pedro Félix. "O globo elevouse con menor dificultade que o ano pasado e ascendeu con rumbo noreste. O GPS foinos dando datos da traxectoria, sobrevoando Catasós e despois Rodelas. O vento impulsouno pouco a pouco cara o leste ata que o sinal perdeuse nas proximidades da serra do Faro entre Rodeiro e Antas de Ulla as catro da tarde", lembraba onte Rodríguez Jácome recén chegado da súa aventura lonxe da nosa comunidade.

O feito de que a recepción da información do GPS se interrumpira nese punto fixo que o dezao e o seu familiar vasco emprenderan viaxe cara ese lugar. "Cando marchamos cara ese punto, o GPS mandou para a nosa sorpresa, sobre as cinco da tarde, un sinal posicionando ao globo entre Sarria e Triacastela. Pensamos que o globo caera alí pois só recibimos unha transmisión. Fomos cara alá e cando estabamos saíndo de Sarria o GPS mandou outro sinal as sete da tarde situando ao globo entre León e Oviedo. Asombrados decidimos viaxar ata alí sen moitas esperanzas de atopar o aparello. Demos aviso ao aeroporto de Santiago pois o globo fora máis lonxe do que tiñamos estimado cun simulador. Pasadas as dez da noite, despois dunha longa viaxe na furgoneta do meu tío chegamos a aldea de Garaño, na provincia de León, preto do límite co Principado de Asturias", conta un emocionado José Luis Rodríguez Jácome, ao que todos en A Xesta coñecen como "Mundi".

Menos romántico

Consultados os datos do segundo lanzamento do Globo da Xesta, resulta que o aerostato realizou un percorrido de 192 quilómetros ata chegar a Laraño. En distintos puntos da súa viaxe, o globo chegou a alcanzar a velocidade de 46 quilómetros por hora. "Houbésemos preferido que o globo fose atopado por algún veciño -o ano pasad atopouno un habitante da aldea de Cobos en Cangas de Narcea (Asturias)- e que nos chamase, pero esta vez a cousa fíxose dun xeito algo máis técnico, e se cadra así perdemos algo de romanticismo", apuntou Rodríguez Jácome. De feito, os impulsores da idea valoran combinar a tecnoloxía coa parte máis lúdica e festiva, "que é o obxectivo principal que se persegue", lembran. Tamén teñen previsto amosar nos próximos día a través das redes sociais as imaxes rexistradas pola cámara de vídeo que levou o aerostato, aínda que non de todo o voo por un problema de capacidade da tarxeta de memoria do artiluxio.

De volta na Xesta, tío e sobriño devolveron os globos -eran catro no inicio do voo, pero dous estouparon despois- ao punto de partida onde, onte, eran visitados polos veciños na derradeira xornada de festa parroquial. Na asociación veciñal xa se pensa en mellorar esta actividade para que o globo, sempre dentro da seguridade esixida nestes artefactos, sexa cada vez algo máis voluminoso. "E por que non, pensar que algún día o lanzamento do globo sexa un acontecemento no Deza e en Galicia", rematou José Luis Rodríguez Jácome.