Este achegamento histórico á figura de Joaquín Loriga Taboada -explicou Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo- prodúcese tendo en conta que o pasado curso o alumnado escolleuno como patrón. A conmemoración celébrase en torno á data de nacemento do aviador lalinense (23 de setembro de 1895), pero, desta volta, adiantouse por cadrar en sábado, día non lectivo, segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI). A escola escolleu a Daniel González Alén, recoñecido divulgador da historia e do patrimonio de Deza e nado en Lalín, ao igual que o aviador homenaxeado, sobre o cal ten publicado tres obras.

"Na época dos grandes voos", explicou González Alén, Joaquín Loriga converteuse nunha figura "mundialmente coñecida" pola súa apaixonante traxectoria. Aviador e militar, a súa carreira comeza a destacar cando na guerra do Rif recibiu a medalla militar xunto a outros aviadores distinguidos pola súa participación neste conflito. En 1924 foi destinado ao aeródromo de Cuatro Vientos, en Madrid, e alí, en 1926, pilotou o autoxiro de Juan de la Cierva na súa proba inaugural, o antecedente dos actuais helicópteros. Ese mesmo ano e no medio dunha grande expectación, iniciou coa escuadrilla Elcano o raid de Madrid a Manila, realizando unha viaxe de 33 días e 18.900 quilómetros chea de contratempos.

Na traxectoria de Loriga, Alén destacou tamén a viaxe que fixo en 1927 a Galicia, onde aterrou o seu avión no Monte do Toxo, en Lalín, no medio dunha grande expectación. "Nese momento e nese lugar foi o nunca visto, como se hoxe aterrase aquí unha nave espacial", salientou con humor o investigador, que lembrou como en Lalín permanece unha estatua dedicada ao aviador, feita polo escultor Francisco Asorey. Ao pouco tempo desta viaxe a Galicia, o aviador, lembrouse na conferencia, morreu con tan só 33 anos no aeródromo de Cuatro Vientos ao estrelarse o avión que pilotaba.

Estas e outras anécdotas da vida do aviador foron explicadas polo investigador ao alumnado e profesorado da escola presente na conferencia celebrada no Edificio Politécnico. Alén destacou a pertinencia da elección de Loriga como patrón da escola, pola traxectoria como aviador, "por ter exercido sempre de galego" e porque "era unha persoa moi instruída". Joaquín Loriga, recalcou, "marcou unha época". Coa súa lembranza arrancou un ciclo de conferencias que continuará ao longo deste curso académico.