"Na véspera dérame meu pai unha somanta por lle enfarruscar a cara con feluxe ao neno do señor. Un rapaz moi limpiño que come pantrigo, bebe leite con café e non se tén que erguer cedo para levar o gando a pacer. Meu pai non quixo saber o que Manolito me fixera antes a min. "É o neno do señor e abonda".

Éste é un fragmento da obra máis coñecida de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, que é tamén a obra máis lida en lingua galega, da que se levan vendido xa más de 700.000 exemplares. Este fragmento no que o protagonista, Balbino, relata cómo o buscaban a súa nai e a súa aboa tras fuxir da casa pola malleira que lle dera o seu pai, volveu tomar onte vida no espectáculo que ofreceu Cándido Pazó no auditorio Xosé Casal, como acto principal do Día de Xosé Neira Vilas. Esta xornada instituise como tal o pasado 27 de xullo, nun acordo plenario, e debido a que no día de onte se celebraba o nacemento do escritor de Gres. O espectáculo que ofreceu Pazó estreouse xa hai cinco anos en Santiago de Compostela, a xeito de conmemoración dos 60 anos da publicación do libro. Desde entón, leva percorrido parte da xeografía galega e tamén se representou en Portugal, Suíza, Uruguay ou Brasil.

A versión teatral de Memorias... non foi a única actividade que rememorou o día no que Neira Vilas, falecido o pasado 27 de novembro, cumpriría 88 anos. Pola tarde, a fundación que leva o seu nome en Gres entregou o primeiro Premio Neira Vilas de Novela Curta, que recaeu no profesor ourensán David Daniel Vázquez Álvarez pola súa obra Diario de Brian, o chinés. Ao acto de entrega acudiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, quen gabou "o esforzo e a implicación da fundanción depositaria da obra e continuadora do legado neiraviliano" por seguir facendo da casa do escritor o centro cultural que el quería, xunto á súa dona, Anisia Miranda. Tamén estiveron presentes o alcalde de Cruces, Jesús Otero, o presidente da Fundación, Xosé Luis Reimóndez; e dous padroeiros da mesma, Juan Andrés Fernández e Fernando Redondo. O acto pechouse coa actuación do cuarteto Os encantiños do Ulla.