Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ermida de San Antonio de Padua, Codeseda

Está situada no lugar de Monteagudo da parroquia estradense e ten unha nave única e planta rectangular

O retablo de estrutura sinxela e ascendencia rococó.

No lugar de Monteagudo, freguesía de San Xurxo de Codeseda, ao pé dunha carballeira, érguese a ermida en advocación de San Antonio de Padua. Unha inscrición no interior da capela di que foi fundada por Francisco Gómez del Villar en 1670 en honor de san Antonio, sen embargo segundo consta no libro de Fábrica da parroquia de San Xurxo de Codeseda, foi o 6 de marzo de 1689 cando os irmáns Francisco e Benito Gómez del Villar instituíron a capelanía Padroado de Legos en advocación de San Antonio de Padua, con carga e pensión de seis misas rezadas cada ano, ante o escribán real Gonzalo del Villar (o seu parente e dono do pazo de Monteagudo que está fronte á capela).

Esta pequena ermida de nave única e planta rectangular está fabricada con bos perpiaños de cantería. Fachada alintelada rematada dunha espadana cunha soa campá, sumada dun pináculo. Ao entrar na capela vense a cada lado dúas pías para a auga bendita, que proveñen das ruínas da ermida de San Roque que había no lugar de Quintás e que se aproveitaron para alongar esta capela nos anos 60. No medio do templo, á dereita atópase sobre unha pedra labrada a inscrición da fundación. Na cabeceira da ermida chama a atención un sinxelo e precioso retablo de clara ascendencia rococó pola súa decoración. A estrutura sinxela do retablo cubre todo o testeiro, co corpo dividido por columnas corintias entre rúas e un ático sobre a rúa central. A súa cronoloxía situámola no último terzo do século XVIII.

O programa iconográfico orixinal e difícil de precisar pois as figuras existentes non permiten unha relación iconográfica clara entre elas. Podemos pensar nun programa iconográfico de santos que defendan a saúde os desposuídos e pobres. En ese sentido san Antón defende as almas e protexe os pobres dando pan a os mesmos. San Roque os apestados, decaendo a súa devoción cando comezaron a distanciarse os episodios periódicos da peste. San Brais protexe os enfermos concretamente dos males de garganta. Se temos isto en conta sería una ermida dedicada a diferentes santos mediadores entre os homes e Deus para conseguir salvalos da enfermidade.

Diante da ermida érguese un cruceiro de finais do século XVII, con base de tres chanzos, pedestal cuadrangular e o fuste circular. Capitel cadrado con volutas, no que encaixa unha cruz cadrada e biselada, que no anverso ten a cristo crucificado e no anverso a Virxe das Angustias. Sobre o fuste leva tallado a san Antonio de Padua, con hábito franciscano, nunha man un libro e na outra unha palma (se ben debía representar unha flor de azucena). En efecto, san Antonio de Padua, nado en Lisboa entre os anos de 1190 e 1195, descendía de unha familia nobre, cursou estudos en Coimbra e pasou a formar parte da Orde dos Agostiños, cambiando no 1220 para a Orde dos Franciscanos. Retírase a Padua e dedícase a predicar, morrendo moi novo, sobre os 36 anos. Foi declarado Doutor da Igrexa polo Papa Pío XII no ano 1946. Iconográficamente represéntase con hábito franciscano, nas mans un libro e unha flor de azucena branca e ás veces cun meniño (o neno Xesús). A súa festividade celébrase o día 13 de xuño.

Na primeira metade do século pasado era dono da casa fidalga de Monteagudo e da ermida, don José María Ballesteros Fernández, doutor en medicina, especialidade de laringoloxía. Foi entón cando na devandita ermida comezou a honrarse a San Brais, patrón dos otorrinolaringólogos, decaendo a devoción a San Antonio, mesmo chegando a mudar o nome de ermida de San Antonio pola de San Brais. A súa festividade é o día 3 de febreiro ("por san Brais, hora e media máis" de luz, di o refrán).

San Brais, foi un home de recta conduta cristián, bispo de Sebaste en Armenia. Foi torturado con peites de ferro que lle desgarraban as carnes e decapitado no ano 316. Fixo milagres, como o da nai que lle levou o seu fillo que estaba atragoándose cunha espiña, salvándoo cun rezo e a imposición das mans.

San Brais represéntase con hábitos de bispo e báculo, e entre os seus atributos pode aparecer o peite de cardar co que foi torturado, cirios (a súa festa é ao día seguinte da Candelaria) e un meniño ao que está curando a garganta.

Unha talla de reducido tamaño de madeira de San Brais, labrada no ano 1942 polo veciño de Monteagudo don José Picallo Picallo, é a que se impón aos devotos fregueses o día da súa veneración e unha vez rematada a santa misa, con estas palabras "San Brais che libre dos males de garganta, amén".

Compartir el artículo

stats