03 de octubre de 2014
03.10.2014

Non agardou por ninguén

O autor reivindica un Día das Letras Galegas para Ramón de Valenzuela e unha homenaxe dos concellos dezaos

02.10.2014 | 22:43
Ramón de Valenzuela, nunha das súas imaxes máis coñecidas.

O Centro Cultural Vista Alegre acolle hoxe, a partir das 20.30 horas, un acto de conmemoración do centenario do nacemento de Ramón de Valenzuela Otero. Haberá unha táboa redonda con participación de Xosé Manuel Maceira, autor do libro A literatura galega no exilio; e Xoán Carlos Garrido, da Comisión pola Memoria Siñor Afranio; co concelleiro Matías Rodríguez da Torre como moderador. Tamén intervirán, entre outros, o escritor Xosé Neira Vilas e o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e mailo fillo do autor. Co gallo do seu centenario, o investigador lalinense Manuel Igrexas repasa a vinculación de Valenzuela coa comarca.

Un 3 de outubro de hai cen anos nacía no Pazo da Viña, na parroquia de Manduas, Ramón de Valenzuela, un dos nosos mellores prosistas e un dezao universal. Non imos falar da súa peripecia vital, que enche unha boa parte do século XX galego: República, Guerra Civil, exilio... Só queremos aproveitar esta data para lembrar a súa figura como escritor e político e a súa vinculación coa nosa comarca, presente en todas as súas obras.

Se Deza ten presenza na literatura, débese en boa medida a Valenzuela, que escribiu moitas páxinas sobre as nosas vilas, os nosos costumes e os personaxes dezaos. Cómpre lembrar especialmente a figura do Naranxo, que, se foi recreado como un personaxe pictórico por Laxeiro, débelle a súa recreación literaria e o converterse nun mito universal a Valenzuela. Tamén introduciu no rexistro literario moitas das variedades orais populares do galego dezao.

Aínda que só fose por estas circunstancias, Ramón de Valenzuela era merecente dunha homenaxe de todos os concellos dezaos. Lalín, a autotitulada "capital do Deza" debería telo presente. Hai máis de dez anos, en outubro de 2003, a Asociación Cultural O Naranxo presentou unha proposta para a denominación de rúas en Lalín que incluía o recoñecemento á figura de Valenzuela xunto con outros autores da comarca. Sería esta ocasión do seu centenario un bo momento para esa homenaxe. Como tamén sería que institucións, concellos, asociacións e xentes da cultura se uniran para reivindicar un Día das Letras Galegas para Ramón de Valenzuela. Desde as asociacións, como Valenzuela, chamamos por todos, pero non imos agardar por ninguén.

Como mostra da vinculación do noso autor coa comarca do Deza, reproducimos o seu artigo Lalín, a súa primeira colaboración para a revista Galicia Emigrante, que dirixía en Buenos Aires Luís Seoane dende 1954. O artigo, unha fermosa e poética descrición da Comarca do Deza, ou, como ben di Valenzuela, das tres comarcas -Camba, Deza e Trasdeza-, apareceu no número de outubro de 1955:

"Lalín administrativamente pertence á provincia de Pontevedra. Eclesiasticamente corresponde a Lugo. A división eclesiástica é máis real, máis verdadeira, máis ao ton da paisaxe, máis en consonancia coa vida. Comeza no Castro-Dozón e nas terras de Camba, cuxos centros son, Rodeiro por unha banda e Agolada por outra. Segue por Deza, que preside a mesma Lalín, baixa logo por Trasdeza, con Bandeira e Silleda, deica chegar ao val de Cira. Carbia queda entremedias do Ulla e do Deza, e o seus lugares máis densos son Merza, Minas da Brea e Cruces de Besexos.

Lalín está no centro de Galiza, recostado no río de Deza que nace e morre nel. Recostado porque respira mainamente un descanso de séculos na cama salomónica das súas lembranzas.

O Pico Sacro, coa súa prestancia lanzal, faille de punto de mira para Compostela, gardado polo Castro Mouzo nas terras de Camanzo e polo Castro Vite, coa capela de Santa Mariña no cume, como asegurando que o mundo non remata alí; que aínda, para chegar onde se pon o sol, falta por pasar o val da Ulla.

O monte de San Sebastián da Rocha no sur, semella como unha serra axeonllada para lle tender acatamento aos picos de Candán e Chamor, acatamento bendicido polo vello mosteiro de Acibeiro. Ese mosteiro que xa era vello cando en 1162 se une a Claraval e que hoxe, ademais de outras avogacías, ostenta a dos meniños choróns.

A Pena de Francia remata este marco de azul pola banda do sol. A Pena de Francia quixo ser de todos, como unha nena bonita, e non foi de ninguén: O río Deza fuxiu dela a galope de corzo sorprendido; o río Arenteiro tomoulle medo e escapou dando tombos deica atopar o Avia. A Pena de Francia ficou atribulada e tódolos anos polo Nadal, ben vestidiña de branco, reza unha oración que soamente lle entenden o Faro e o Carrio.

Pola banda do Norte o río da Ulla anda soberbio no seu andar calado e firme. Cando nas invernías toma fumes, non se deixa atravesar non sendo polas pontes. Pero aí, nas terras de Carbia, xa Lalín lle chantou a súa resposta no Castro das Catro Corvas. Un Castro que ten dentro trabes de ouro e de alcatrán fervendo e un exército de meigas.

Catro Corvas ten moito que gardar ademais dos tesouros tres veces milenarios. Alí está confinado o val de Merza, coas leiras entrecruzadas de vermello, azul e verde, coas casas que, dende a altura, parecen diminutas maquetas de nacemento, ten lembranza aínda das princesas que na Idade Media facían noite en Carboeiro na súa viaxe a Santiago. Merza é un tesouro de fantasía. Alí recibe o Deza ao río Toxa. Un río que toleou diante de tanta fermosura e brincou dende oitenta metros de altura.

O mosteiro de Carboeiro non di nada, xa o ten todo dito. Agacha a pureza das súas arquivoltas románicas do século XII entre unha mesta carballeira druídica; tan druídica que o mesmo convento temeuse de ser herexe e deixouse caer en anacos. Fixo mal. Cando máis pensou que o seu retiro do mundo estaba consumado, apareceu na beira o formigueiro das minas de Volframio ateigadas de grúas e compresores, con tres xornadas por día, con epiléptico barullo de Whisky e de Garda Civil. Carboeiro xa non dorme. Carboeiro ten medo, porque sabe que algunha pedra do seu asento ten o 83% de Tungsteno.

Así é Lalín.

Así son aquelas terras de Camba, Deza e Trasdeza con tantos anos de historia como anos ten o mundo; dende os celtas que construíron un castro en cada curuto deica aquel Xan Deza que se erixiu en rei soberano contra do usurpador visigodo e cuxos descendentes dixo alguén que son os enterrados baixo as estatuas xacentes na preciosa igrexa románica de Ansemil; dende D. Ramiro que asina como rei unha escritura no ano 788, deica os tempos en que Ulloas, Churruchaos, Taboadas e Ozores dirimían contendas sobre Borraxeiros, Bendoiro, Donramiro ou Cira, pasando e repasando a vella ponte Taboada que fora construída no ano 912.

Lalín tivo homes no pasado que o fixeron sonado, pero tamén os ten no presente. O matemático de Bermés, D. Xosé Rodríguez no século pasado, e D. Ramón Aller nos nosos días son dous astrónomos admirados polo mundo científico de tódolos continentes. Os grandes pintores Laxeiro e Colmeiro que temos agora no campo da arte.

Así é Lalín, con nada menos que nove bandas de música, integrada cada unha delas por máis de 25 membros. Con infinidade de romaxes importantes, das que algunha, como o Corpiño ou a Saleta de Siador, meten milleiros de xentes durante tres días arreo.

Así é Lalín con 10 feiras cada mes, en cuxas feiras se resume nun día a vida aldeá da comarca. Porque as feiras son algo máis que vendas e mercas de gandos e froitos, con agudezas de labregos e dinámica de feirantes; algo máis que policromía de tendas improvisadas debaixo dun carballo, que ulido de cubertos que nos convidan con polbo, sardiñas cabezudas e postas de bacallau, regadas co mellor viño do Ribeiro da Avia.

A feira é a posta en contacto da economía cerrada parroquial co mundo de fóra. E o engarce de cada parroquia nese conxunto comarcal, belido e creador.

As festas e as feiras de Lalín son expansións colectivas, que nos dan a ver un sitio en que os homes saben vivir no sorriso por enriba do ben e do mal".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook


Especial Navidad 2019

En estas fiestas, sobran los motivos para brindar con elaboraciones de Galicia, que despiden el año con un gran balance en todos los sentidos