Un fillo ilustre de Moneixas, moi vinculado tamén aos Dezas, foi Xesús Froiz Gómez, xornalista galeguista fusilado en 1936. Como representante que era do grupo de música, levounos por toda Galicia para animar os mitins de Alfonso D. Rodríguez Castelao. Froiz recibirá hoxe a homenaxe dos seus paisanos, que recibirán un díptico coa súa traxectoria.

Os actos comezarán ao mediodía coa plantación dun carballo no campo da festa. Francisco Vilariño presentará as intervencións de Uxío Breogán Diéguez, historiador e profesor na Universidade da Coruña, e Fernando Froiz, fillo do homenaxeado. Logo descubrirase unha placa no local social. Amenizarán, como non, Os Dezas.