03 de agosto de 2013
03.08.2013
CERDEDO

Vichocuntín, un novo reclamo en Cerdedo

Programan as primeiras visitas á aldea abandoada tralos traballos de limpeza

03.08.2013 | 09:45
Imaxe dalgúns dos obxectos recollidos nos traballos.

Na xornada do mércores, 31 de xullo, os membros do colectivo Capitán Gosende destacados en Vichocuntín principiaron as tarefas de limpeza e acondicionamento da aldea vella coa intención de facilitarlles o acceso a todas aquelas persoas que desexen admirar un excelente conxunto etnográfico conservado nun recanto natural de indubidábel beleza. Pola súa banda, Capitán Gosende proxecta unha visita guiada ás ruínas de Vichocuntín para o día 11 de agosto, domingo.

A aldea vella de Vichocuntín (Pedre-Cerdedo) abandonouse paulatinamente a partir da segunda metade do século XIX, cadrando coa apertura da estrada de Ourense. Os seus moradores optaron daquela por reinstalarse na ribeira do Lérez, ao pé da nova estrada. O trazado do vial propiciou a construción dunha ponte (ano 1852) sobre o río. Malia que o éxodo poboacional tamén se cebou co actual asentamento, a ponte de pedra, a ponte de Vichocuntín, mantense impertérrita, emprestando aínda o seu indispensábel servizo.

No eido onomástico, Vichocuntín é un antropotopónimo, é dicir, un nome de lugar derivado do nome do seu posesor medieval: (villa) Visclacuntini, "o eido de Visclacuntino", de etimoloxía xermánica.

O labor desenvolvido o pasado mércores no vello Vichocuntín consistiu en deixar expeditos os camiños que artellan o casarío, permitindo deste xeito o achegamento a cada un dos tesouros agochados naquel enclave forestal que nos ofrece de balde unha aula da natureza e un museo etnográfico.

Xaora foi necesario o emprego de ferramentas de corte para abrir un vieiro por entre o silveiral, mais, non se inflixiu dano ningún ao máis da foresta, intricado escenario vexetal que, canda os vestixios arquitectónicos, configuran o seu arroubador atractivo.

O concello de Cerdedo conta, desgrazadamente, con moi poucos lugares que reúnan estas características, se cadra porque, tras ser abandonada polo ser humano, foi a natureza en exclusiva quen botou man destes predios. É engaiolante vadiar polo vello Vichocuntín, unha atemporal illa verdecente arrodeada polo pestífero eucalipto e o apuro das novas vías de comunicación.

De calquera xeito, Capitán Gosende recoméndalles prudencia aos visitantes, xa que estamos a falar de estruturas debilitadas pola acción porfiada dos elementos naturais. O desprendemento, fortuíto ou non, dalgún dos elementos construtivos, poría en perigo a súa integridade física. Un bo xeito de coñecer a aldea vella de Vichocuntín é sumarse ao roteiro programado por Capitán Gosende para o día 11, do que ofreceremos puntual información.

Cómpre salientar a singularidade destas ruínas (casas de porte maxestoso, un hórreo, un muíño, un pombal...) e as da súa contorna, para as que Capitán Gosende pide especial respecto e protección. Pregan igualmente absterse de facer lume, botar lixo ou vulnerar de calquera xeito ora os pardiñeiros ora os espécimes de flora e fauna que os habitan, pois este lugar, prodixiosamente preservado, descoñecido para a meirande parte dos cerdedenses, foi descuberto para goce de todos.

A maiores dos traballos de desbroce levados a cabo na aldea, o colectivo viuse na necesidade de recoller o lixo vertido nas marxes dun dos camiños de acceso á aldea (entullo, colchóns, pneumáticos, un televisor...). Co recolleito fíxose unha morea nun apartadoiro da beiraestrada de cara ao Serrapio co obxecto de facilitarlles o labor de retirada aos servizos de limpeza do Concello. Agardamos que para o día 11 xa non estean alí, posto que a imaxe de Cerdedo ficaría danada.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores