07 de mayo de 2007
07.05.2007
XOÁN ANTONIO PILLADO SILVOSO , PRIMEIRO ALCALDE DEMOCRÁTICO DE CAMBADOS. DEIXA A POLÍTICA ACTIVA
 

"Nós fomos os iniciadores dos grandes concertos do Albariño"

07.05.2007 | 02:00
Xoán Antonio Pillado Silvoso. / J.L. OUBIÑA

"Agora hai pabillóns por todas partes, pero daquela só os tiñan Vilagarcía e O Grove", di Xoán Antonio Pillado Silvoso, primeiro alcalde democrático de Cambados.

Xoán Antonio Pillado Silvoso cumplirá o vindeiro 8 de xuño 59 anos. É natural de Fefiñáns, profesor en Castrelo e licenciado en xeografía e historia pola UNED. Foi o primeiro alcalde elixido democraticamente en Cambados, desempeñando o cargo entre 1979 e 1987. En vésperas das eleccións, confesa que o seu ciclo político está rematado.
- ¿Como explicaría a victoria do nacionalismo en Cambados despois do franquismo?
- Houbo varios factores. Por un lado, como o PSOE non presentou candidatura puido votarnos máis a xente de esquerdas. Noutros concellos gañou a UCD, pero puido ser porque os alcaldes anteriores o fixeran máis ou menos ben. Pero en Cambados a última corporación franquista estaba en derribo. Non tiñan xente válida, nin alternativa. Por outra banda, tamén puido influir que a dereita fose dividida a aquelas eleccións. Pero sobre todo eu penso que o que pasou é que o pobo de Cambados apostou polo cambio, quería aire fresco e nós eramos xente nova, ilusionada, que participara nas asociacións. A xente víanos como un grupo dinámico e activo.
- -¿Como era aquel Cambados de 1979 e dos oitenta?
- Tiña unha carencia enorme de servicios, e a vida municipal estaba medio paralizada, non se facía nada. Cando entramos en 1979 en todo o Concello de Cambados só había no rural unha pista asfaltada, a de acceso á igrexa de Corbillón. En canto ó saneamento, non o había en ningún lugar do rural, e nin sequera chegaba a todo o casco urbano. Outra cousa era o alumeado público, porque a única parroquia que tiña algúns puntos de luz era Oubiña, onde o puxeran os veciños. No resto das parroquias debía haber unha farola en cada unha. Outro servicio moi deficiente daquela era o da traída da auga potable. Nós ampliamos uns pozos que había en Treviscoso e participamos nas bases do que é a actual rede da Mancomunidade. Redactamos o proxecto e conseguimos o financiamento.
- ¿Como era a Festa do Albariño de entón?
- A Festa do Albariño en 1979 estaba bastante politizada. Dábaselle moita importancia á visita dos cargos políticos e perdera moito daquela festa gastronómica e literaria dos anos de Castroviejo e Cunqueiro. Nós, ó entrar, fixemos unha festa máis popular. Ampliamos o número de días e sobre todo démoslle o protagonismo ós colleiteiros e ó nacente consello regulador provisional, meténdoos na comisión organizadora e nas catas. Tamén lle demos á festa unha dimensión cultural moi importante. Con nós viñeron a Cambados Os Resentidos, Milladoiro, Líneas Federales... Nós fomos os iniciadores dos grandes concertos do Albariño.
- ¿Cal foi o mellor momento dos seus mandatos?
- Un dos mellores foi en 1983, cando revalidamos a maioría. Foi un momento doce, feliz, moi ilusionante. Outro foi cando conseguimos mercar o monte da Pastora, porque era un espacio que disfrutaba a xente pero que era de propiedade privada. E facía falta que fose municipal, polo que puidese pasar. Tamén foron momentos bos cando inauguramos o primeiro pabillón de deportes e a primeira casa da cultura de Cambados. Agora hai pabillóns en todas partes, pero daquela só os tiñan Vilagarcía e O Grove.
- ¿O PP sempre lle reprocha que vostede deixou Cambados endebedado, que fixo poucas obras e de mal calidade e que os veciños tiñan que poñer cartos do seu peto para asfaltados e saneamentos?
- De que o concello quedase endebedado nada. As débedas que nós deixamos eran as normais por créditos bancarios, como as teñen eles agora. E non había dédebas a proveedores, como agora. A xente cobraba dentro do ano, e non tiña que agardar ata catro anos, como pasa agora. En canto ó das obras, os presupostos daquela eran menores, e non había tantas subvencións como na actualidade. A administración autonómica estaba empezando a funcionar e non existían os fondos europeos. E si que houbo algunhas obras nas que os veciños colaboraron; foi por un sistema legal de contribucións especiais para obras que se facían por primeira vez, que o PP tamén empregou. Pero é que cando nós entramos no concello, partimos de cero en infraestructuras. En Fefiñáns e en San Tomé estaba case todo sen pavimentar, e no 87 nós deixamos todo o casco urbano asfaltado.
- ¿E que é o que menos lle gustou destas dúas décadas de goberno do PP?
- A principal carencia foi a súa forma de gobernar, prepotente e falta de diálogo. Houbo unha falta total de participación cidadá, e todo eso tapárono cunha política de inversións.

A súa visión dos disturbios da "urbana" en 1986
- A manifestación pola contribución, en 1986, ¿foi o peor momento da súa carreira?
- Foi un mal momento, pero non foi o peor.
- ¿E que lectura fai desos feitos agora, vinta anos despois?
- Hoxe en día esa manifestación no se tería producido, porque ultimamente ten habido subas de impostos máis brutais e non se fixeron manifestacións. Hoxe hai unha mentalidade fiscal que antes non había, porque se viña dunha época en que a penas se pagaban impostos. Aquelo fora unha medida do Estado, para actualizar a contribución, e no caso de Cambados descubríronse moitas casas que non estaban cotizando ou que foran reformadas pero que pagaban por antigas. Eso todo provocou un choque en moita xente. Por outra parte, houbo unha manipulación da dereita de entón para botar a xente enriba nosa. Asustábanos dicíndolles que eramos socialistas e comunistas e que nos iamos quedar coas súas propiedades. Había xente que viña ó meu despacho asustada, pensando que esto era Rusia e que lle iamos confiscar a casa. De todos modos, esas manifestacións non pasaron só en Cambados, o que pasa é que aquí chamou máis a atención polo famoso asalto á casa consistorial.
- ¿Magnificouse o conflicto?
- Daquela o xulgado xa iniciara o traslado para a rúa Ourense, e eu penso que se naquel intre estivese o xulgado aínda no consistorio a xente non tería entrado no concello. De feito, nas oficinas municipais non entrou a xente, e no meu despacho só entrou unha comisión de seis ou sete persoas. En canto ós famosos documentos que saíron voando pola ventá, eran uns papeis que lles quedaran alí ós do xulgado.
- ¿Nalgún intre temeu ser agredido por alguén?
- Non, en absoluto. Eu vin a xente moi exaltada, pero non temín pola miña integridade física. Tampouco houbo ameazas nese sentido, e tamén había xente que quería pacificar os ánimos.

Historia das primeiras eleccións

En 1979, Pillado formaba parte do Partido Socialista Galego (PSG), que fundara Xosé Manuel Beiras nos anos sesenta. Esta forza, o Partido Obreiro Galego e o Partido Galeguista formaron Unidade Galega, coalición que lideraba naquelas primeiras eleccións Pillado Silvoso, e que foi a candidatura máis votada, acadando 5 concelleiros.
Aquela primera corporación democrática de Cambados completábana os independentes de Joaquín Fole, con 4 concelleiros; a UCD (Unión de Centro Democrático), con 3; os independentes de Vilariño e a AMDG (comunistas), con 2; e o Bloque Nacional Popular Galego (o berce do actual BNG), con un. Cambados era así un dos pouquísimos concellos de toda Galicia gobernados por Unidade Galega, xunto á Coruña, Redondela ou Vilar de Santos. No caso de Pillado, gobernou con apoios puntuais dos comunistas, do BNPG e dun dos independentes de Vilariño.
Na seguinte consulta electoral, a de 1983, a candidatura de Pillado Silvoso reconvertiuse en Unión Galega (era unha lista local de Cambados), e as cousas polarizáronse. UG acadou a maioría absoluta, con 11 edís, fronte ós 6 de Alianza Popular. Pero as cousas mudarían radicalmente en 1987, cando a AP, encabezada por Antonio Pillado Montero, se fixo coa maioría absoluta, relegando o BNG cambadés á oposición e inaugurando 20 anos de alcaldes de centro-dereita.
- Supoñemos que non vai nas listas do BNG por decisión propia. ¿Está canso?
- En 1987 xa tomara a decisión de non presentarme por cansanzo. Despois de oito anos volvín e agora fixen unha reflexión. Penso que o meu ciclo político en Cambados rematou, e que é o momento de deixarlle o paso a outras persoas.
- ¿Seguirá como responsable local do BNG?
- De momento si, pero a miña perspectiva tamén é ir deixando responsabilidades.
- ¿Como cambiou o nacionalismo nestos 20 anos?
- Socialmente agora está nun bo momento, máis forte e implantado que hai trinta anos. O que empezou como un movemento moi minoritario, unha cousa residual, agora é algo que ten calado en todos os sectores sociais.
- ¿A qué pensa adicar agora o seu tempo libre?
- Sobra en que ocupalo. Adicareime máis á miña profesión, e teño pendente unha ilusión, que é a investigación histórica. Xa fixen algunha cousa sobre a historia de Cambados, pero quería investigar máis a fondo porque hai episodios que aínda están moi escuros.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Neomotor

Toda la información sobre el mundo del motor

Conoce las últimas tendencias y las novedades en coches, motos y la industria automovilística.

 

En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores