Arredor de 50 alumnas e alumnos de 14 e 15 anos do Instituto de Educación Secundaria da Illa de Arousa colaboraron co Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) na mellora dos métodos de seguimento do lixo costeiro e na identificación de zonas de acumulación na ría de Arousa no marco do proxecto europeo CleanAtlantic, do que o Intecmar é socio. O traballo destes estudantes consistiu en realizar un seguimento semanal de preto de 40 areais, a maioría na Illa de Arousa.

Neste seguimento compilaron información relativa á localización, composición e tamaño do lixo e tamén á presenza de palillos de batea, que pola súa flotabilidade serviron como trazadores de zonas de acumulación e indicadores de como funcionan as mareas. Así, a través destas accións, os estudantes recolleron máis de 4.000 palillos de bateas durante 20 semanas de mostraxe. Este labor foi posto hoxe en valor pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, no acto de entrega de diplomas para agradecer a estes mozas e mozos a súa participación no proxecto, onde estivo acompañada pola directora do Intecmar, Covadonga Salgado, e pola directora do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), Paloma Rueda.

Un traballo que a titular de Mar agradeceu a estes estudantes e dos que destacou a súa implicación e madurez ademais do seu papel de auténticos profesionais da investigación e de testemuñas do perigo e do risco do lixo mariño para o patrimonio natural. Elas e eles, engadiu, representan o futuro no coidado do noso mar.