O IES de Valga, coa participación dos seus alumnos e doutros chegados do CPI Progreso de Catoira, do CPI Pontecesures e do IES Macías O Namorado de Padrón, deu comezo hoxe á Semana de Orientación e Emprego.

É unha iniciativa que organiza por segundo ano o centro valgués e que ten como obxectivos divulgar a oferta educativa do centro e e orientar, dende os puntos de vista académico e profesional, aos estudantes de 4º da ESO, 2º de Bacharelato e dos ciclos formativos de FP, ao estaren en cursos finais de etapa.

“Tratamos de plantexar ao alumnado as diversas alternativas coas que contan, tanto se queren continuar cos seus estudos como se prefiren incorporarse ao mercado laboral”, explica a orientadora do instituto, Pilar Lestido.

Os rapaces, explican no Concello, foron recibidos na biblioteca, onde se lles presentou a oferta educativa do IES de Valga, prestando especial atención aos ciclos formativos de Construcións Metálicas e de Soldadura e Caldeirería.

Durante esta Semana de Orientación e Emprego sucederanse os relatorios nos que “se falará de distintas maneiras de emprender, do autoemprego ou de fórmulas empresariais como a cooperativa”.

Tamén se tocarán asuntos vencellados aos sindicatos e ás súas funcións e ás formas de comunicación coa administración, segundo avanza Pilar Lestido, que estivo acompañada da directora, Dolores Rego.

A primeira das conferencias correu a cargo de Santiago Resua Nine, da empresa Ironor Metalurgia S.L., quen relatou a súa experiencia como emprendedor ante os estudantes.

Mañá será o turno dos sindicalistas Carmiña Naveira e Eduardo Sebio, que participarán nun coloquio sobre condicións laborais e, a continuación, terá lugar un obradoiro sobre ferramentas de comunicación coa administración guiado polos técnicos da Universidade de Santiago Ana Domínguez e Delfín Pérez.

O mércores persoal técnico da rede Eusumo impartirá a conferencia “As cooperativas, fórmula de economía social” e pechará os relatorios o deportista, actor e humorista David Amor, que contará a súa propia experiencia na charla “Namórate do que fas”.