Xosé Lois Leirós Gude tomou onte posesión da súa acta como novo concelleiro do BNG de Vilagarcía, sustituindo así o escano que deixou baleiro Xabier Ríos. Este veterán militante nacionalista, xubilado e portavoz da Plataforma de Emigrantes Retornados do Salnés e tamén da Coordinadora galega convértese no membro máis lonxevo da corporación municipal, pois estréase como edil aos 74 anos.

Leirós naceu no 1944 en Vilagarcía, onde segue vivindo. Antes de xubilarse, estivo trinta anos emigrado no estranxeiro; primeiro en Inglaterra e despois en Suiza, onde pasou máis tempo, traballando en distintas ocupacións laborais. "Polos anos oitenta o BNG nomeou a Suiza como unha comarca máis e funcionabamos como tal, estabamos organizados formalmente como si estivesemos na Galiza, con carné, cuota e todo. É o único lugar do mundo no que pasou iso e gardo moi bos recordos", manifesta o novo concelleiro.

- Foi de número catro na lista coa que o BNG se presentou ás eleccións municipais do 2015. ¿Xa fora en candidaturas anteriores?

- Si, pero nunca quixen estar nos postos de saída. Tampouco agora a miña intención era estar aí [en alusión ao Concello].

- Pero logo da renuncia de Xabier Ríos, tocoulle.

- Si, si. Eu aceptei ir de número catro e asumo o labor de concelleiro con todo o gusto do mundo; sempre é unha honra para calqueira poder representar ao teu partido como edil.

- É a primeira vez que entra a formar parte da corporación municipal. ¿Que cre que pode aportar ao grupo?

- Eu son un activista social e cultural; preocúpame e gústame pelexar desde atrás, desde as trincheiras, por todos os temas socioculturais que teñen que ver coa xente, cos costumes, coa música,... Sempre me interesou máis esta faceta que a política. É certo que queda pouco tempo de mandato, porque chego na recta final, polo tanto non vou ter tempo material para desenrolar nada que eu teña na cabeza. Terei que seguir a liña que ata agora seguiron os meus dous compañeiros, Lucía e Xabier. Seguirei a súa liña ata o final; xa non é o momento de probar cousas novas porque non sería viable.

- Desde outros grupos da oposición chegouse a definir ao BNG como unha parte máis do goberno, pois o PSOE, que goberna en minoría, conseguiu sacar adiante todos os asuntos de calado neste mandato cos votos nacionalistas.

- Son un seguidor de sempre dos plenos, primeiro porque fun responsable local do BNG cando menos dúas lexislaturas e sempre me gustou escoitar e apoiar aos meus compañeiros nas sesións. E podo desmentir iso rotundamente. Non é certo que sexamos a muleta do PSOE ou do goberno. Para nada. Simplemente que, tal e como decidimos no seu día no Consello Local, somos e seguiremos sendo críticos construtivos, non destrutivos, porque iso non leva a nada. Queremos o mellor para os vilagarciáns e o que fixemos foi apoiar os orzamentos e outras cousas que benefician á cidadanía, como a baixada do IBI. Iso non é facer seguidismo do PSOE. Está claro que o programa do goberno municipal non é o noso, pero cando se está a gobernar un país hai que chegar a acordos.