Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Graban na tumba de Ramón Cabanillas o epitafio que el pedira hai máis de 60 anos

É unha vella reivindicación de persoeiros da cultura, os descendentes do escritor e o Concello de Cambados -Fernández Rei lamenta que haxa "Galegos Ilustres de segunda e de terceira"

Aurora Vidal e Francisco Fernández Rei, ante a tumba. // Cedida F.F.Rei

Cando o poeta Ramón Cabanillas morreu, en 1959, foi soterrado no pequeno cemiterio cambadés de Fefiñáns. E na súa tumba grabaron o epitafio que el escollera, e co que remata o seu poema "Son dourado": "Quero na lousa que me de sosego/ esta palabra que ten ás: Poeta/ e esta palabra que ten luz: Gallego". Pero cando o 12 de agosto de 1967, os seus restos mortais foron trasladados ao Panteón dos Galegos Ilustres, en Santiago, no se cumpriu coa súa vontade, e non se lle inscribiu o epitafio. Durante décadas, a petición dos seus descendentes, do Concello de Cambados e de diferentes persoeiros do mundo da cultura caeron en saco roto.

Dende hai unhas poucas semanas, sen embargo, a tumba de Cabanillas na capela da Visitación da igrexa de San Domingos de Bonaval ten os versos escollidos polo poeta, o máis importante da primeira metade do século XX galego. O catedrático de Filoloxía, membro da Real Academia Galega e estudoso de Cabanillas, Francisco Fernández Rei, e unha neta do escritor, Aurora Vidal Cabanillas, "Pitusa", estiveron esta semana no Panteón dos Galegos Ilustres para ver o epitafio e depositar sobre a tumba de Cabanillas un ramo de rosas vermellas e brancas.

Ambos os dous amósanse moi satisfeitos porque á fin as pedras que "dan sosego" ao escritor teñan o epitafio pedido por el. Pero ambos agardan que este sexa un primeiro paso, e que nun futuro se lle dea un maior realce ao seu lugar de enterramento e á propia figura de Cabanillas. Sobre isto, Aurora Vidal manifestou que lle gustaría que colocasen unha pequena placa de metacrilato sobre a figura do seu avó, explicando uns breves aspectos da súa vida e da súa obra, como as existentes para Rosalía de Castro ou Alfonso Daniel Castelao.

"O epitafio está ben, porque a situación anterior era indignante. Pero gustaríame que tivese un metacrilato. É unha pequena mellora que non resultaría nada cara", declarou a neta do poeta.

Mentres, Francisco Fernández Rei, que tamén é cambadés, dixo que ver á fin grabado o epitafio "é unha inmensa satisfacción porque levamos moitos anos reclamando que se cumplise a vontade do poeta. Isto era algo urxentísimo".

Iso si, Fernández Rei apuntou en alusión á disposición dos persoeiros soterrados no Panteón dos Galegos Ilustres que "Cabanillas, Francisco Asorey y Domingo Fontán non poden seguir sendo Galegos Ilustres de segunda ou de terceira categoría", en alusión aos mausoleos e ao tratamento que reciben as tumbas de Rosalía ou Castelao.

Sobre o feito de visitar a lápida en compañía de Aurora Vidal, o catedrático manifestou que "a emoción de acompañar a Pitusa e de ver o epitafio por primeira vez xuntos foi indescriptible".

Petición en 2009

Francisco Fernández Rei reclamou que se grabase o epitafio en numerosas ocasións, tanto no Padroado do Museo do Pobo Galego como en actos culturais e artigos en prensa. Ademáis, en 2009, o Concello de Cambados envioulle un escrito ao entón conselleiro de Cultura, Roberto Varela, reclamando unha serie de melloras na tumba, incluida a inscripción do epitafio.

O panteón é propiedade do Arcebispado de Santiago, pero o Museo do Pobo Galego encárgase de abrilo e de pechalo, así como da vixilancia e do mantemento das instalacións.

Compartir el artículo

stats