Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cambados acolle un acto para fomentar o emprego da lingua galega nos xulgados

Descubren unha placa en homenaxe a tres maxistrados que pasaron pola vila e que ditaron as súas sentenzas neste idioma -O primeiro foi Edgar Fernández, nos anos 80

A Irmandade Xurídica Galega celebrou onte ao mediodía en Cambados un acto de recoñecemento a tres maxistrados que traballaron neste partido xudicial e que ditaron en lingua galega a totalidade, ou cando menos a práctica totalidade das súas sentenzas.

O primeiro deles foi Edgar Fernández Closs, un monfortino que a mediados da década dos 80 foi xuíz de primeira instancia en Cambados. Presente no acto de onte, manifestou que "a miña vocación galeguista" levouno a empregar o galego como idioma principal "de xeito completamente natural". "Non fixen nada especial", engadiu o maxistrado, "máis que empregar a lingua que se falaba en Cambados".

Fernández Closs traballa na actualidade na Audiencia Provincial de Lugo, e ditou as primeiras sentencias en galego a mediados da década dos 80. Iso convérteo nun dos primeiros xuíces que empregaron o galego, dado que a primeira sentencia nesa lingua de que ten constancia a Irmandade Xurídica Galega é de maio de 1984, e mandouse redactar na Coruña.

No acto de onte tamén se quixo recoñecer a defensa do idioma realizada por Carmen Pose Amado e Xoán Manuel Hermo Costoya, se ben ningún dos dous puido asistir por motivos laborais, xa que están traballando en Corcubión e nas Illas Canarias, respectivamente.

O exfiscal cambadés Benito Montero, membro fundador da Irmandade Xurídica Galega explica que o acto era necesario para pór en valor "o compromiso" destes profesionais, "porque Galicia, sen a lingua galega, non existiría".

A homenaxe consistiu no descubrimento dunha placa na recepción interior do edificio dos xulgados, e acudiron á mesma membros da corporación municipal de Cambados e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Este manifestou que "loitarei polo fomento do galego na administración de xustiza", dado que aínda hoxe a porcentaxe de sentencias ditadas nesta lingua é moi baixa.

O edil de Normalización Lingüística de Cambados, Víctor Caamaño, fixo á súa vez de presentador do acto, e manifestou que tiña sentimentos contraditorios, posto que "se en Galicia colocamos unha placa porque alguén fala en galego é que aínda imos moi atrás". Caamaño considera imprescindible fomentar promover máis o galego no eido xudicial, "porque se trata dun sector moi tido en conta pola sociedade".

Benito Montero explicou posteriormente a preguntas de FARO que un dos maiores obstáculos para o emprego habitual desta lingua son os programas informáticos que se empregan na xustiza, e que están en castelán. "Esa é a gran barreira, porque traducir os textos supón un traballo engadido a uns funcionarios que xa están colapsados de traballo".

No acto tamén se lembrou a figura do funcionario cambadés Xaquín Charlín González, falecido en 2015, e que foi tamén un firme defensor do galego no traballo e membro da Irmandade.

Os funcionarios de xustiza, que se atopan en folga indefinida, acudiron tamén para visibilizar a súa situación e desplegaron unha pancarta reivindicativa.

Compartir el artículo

stats