09 de marzo de 2010
09.03.2010

Viaxes convertidas en poemas

Ramón Caride publica "Criptografías", un poemario de temática pouco común en Galicia

09.03.2010 | 07:30
Ramón Caride Ogando. // Iñaki Abella

Ramón Caride vén de publicar un novo libro de poesía. O escritor reúne en "Criptografías" (Follas Novas Edicións) unha boa morea de poemas nacidos de cadansúa viaxe por lugares moi diversos do planeta. O autor do prólogo, Leonardo da Jandra, explica ben nuns poucos parágrafos o que vai atopar o lector desta obra. "Nos poetas cultores da natureza, como Whitman, Martí ou Rosalía, a viaxe interior e a exterior son unha soa, e a madureza na expresión desa viaxe condénsase nunha universalidade que xamais se acada na ida, únicamente no regreso".

Por "criptografía" coñécese o arte de escribir mediante claves secretas ou dun xeito enigmático. Ese é tamén o título do último libro de Ramón Caride Ogando, un poemario publicado por Follas Novas Edicións dentro da súa colección Libros da Frouma.
"Criptografías" pode lerse como un percorrido sentimental por moi diversas paisaxes, ou como unha longa viaxe no tempo e no espacio. Porque os poemas desta obra transitan tanto por escenarios cotiás e próximos, como Oseira ou Maceda, na provincia de Ourense, como por lugares tan arredados como o Harlem de Nova Iorque ou a cidade mexicana de Oaxaca.
E, no aspecto temporal, combínanse no libro poemas recentes con outros asinados polo autor nos anos oitenta.
Ramón Caride conta que o punto que unifica os poemas deste libro, o seu nexo, é a viaxe. E, de seguido, a percepción da paisaxe, "que nalgúns casos pode ser unha paisaxe da memoria, noutros unha paisaxe soñada, ou a paisaxe dun destino turístico". Cada poema é unha visión subxectiva dese escenario que contempla o home, e os versos son as ferramentas coas que o poeta intenta desenguedellar o misterio, "o sentido profundo", que está dentro da casca superficial de cada paisaxe.
De aí o título de "Criptografías". "Cada poema e unha captación dunha paisaxe, a plasmación da sensibilidade de quen a mira", conta Caride.
O escritor ourensán asentado en Cambados vén de presentar este libro en Santiago, na compaña do tamén poeta Domingo Tabuyo e do director da colección Libros da Frouma Luis Alonso Girgado. Explica que unha vintena dos poemas recollidos nel son inéditos.
A obra ábrese cun prólogo de Leonardo da Jandra, un escritor mexicano fillo dun emigrante da Pobra do Caramiñal a Centroamérica, e péchase con outro texto en prosa, titulado "Poética(s) da(s) paisaxe(s)", de Darío Gancedo.
En "Criptografías", Ramón Caride Ogando toca unha temática pouco común na lírica, aínda que el advirta que non cre excesivamente nas fronteiras entre os xéneros literarios e afirme que "moitos libros de viaxes son en realidade prosa poética".
Engade Caride que o seu "Criptografías" "ten bastantes puntos de contacto" con "O camiño a unha nostalxia", un libro de Manuel María que no seu día lle gustara moito ó ourensán e no que a viaxe é tamén un dos argumentos principais.
Harlem e México
Polas páxinas do último poemario de Caride pasan dende as rúas acuguladas de "somieres na rúa" de Harlem, que o autor describe como unha cidade desfeita despois dunha Guerra Civil, na que "os turistas non son benvidos", ata as estribacións da serra de San Mamede, preto de Ourense; o "jacarandá" de Oaxaca; ou as grandes extensións olladas dende as vilas de Jumilla ou Valdecaballeros.
O autor sinala que "Criptografías" é tamén un traballo sobre a inabranguible diversidade do mundo, e sobre a vida e a beleza que latexan non só en lugares como Quián (onde hai un bosque de sobreiras, preto da Agolada) senón tamén nos ermos do Sahel, unha zona desértica do sur de Túnez, ou na volcánica illa de Lanzarote.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine