Marín é hoxe un fervedoiro coa celebración do San Migheleiro, que propón varias rutas ao longo de todo o día entre os bares participantes na iniciativa, que volve despois de dous anos de pandemia da man do Patronato.

A lista de establecementos que participarán supera os 40 locais: Real, Acuña, A Devesa, Café Lelé, Arenal, K-Nobbe, Construmar, Freixo, Manhattan, Pato Donald, Royalty, Deluxe, Emily, La Guinda, O Lar da Rosa, Xaínza, O Busto, O Rural, Mask, Tutto Benne, Aroma, Alameda, Carballinés, La Favorita, Nova Xeitosa, Thálavo, Coyote, Miño, Montse, Fariña, Juansito, Klee, Atalaya, O Pilaro, Nao, Polymnia, 3 Azahares, Underground, El Cortijo, La Estiba, As Vides e o In Mare.

O Concello contará coa animación musical pola mañá e pola tarde das charangas Noroeste e Jalácticos e coas batucadas Maracumbé e Axe Bahía. Ademais, os propios locais programarán distintas actuacións, que se repartirán pola mañá nas zonas da Praza da Constitución, Ezequiel Massoni e A Roda, e pola tarde na Alameda, Rúa Real, Concepción Arenal, Méndez Núñez, Doutor Touriño, José del Río, Praza 8 de Maro, Augusto Miranda e a Rúa do Sol.

Todos os locais poderán estar abertos até unha hora máis do horario habitual. E na Alameda, a partir das 22.00 horas, comezará o Festival Marín Vivo, que contará coas actuacións de Ginebras, Shego e Innmir.

Durante a tarde, tamén haberá espazo para o deporte, coa celebración da XXIII Milla Urbana San Miguel, que se celebra a partir das 17.00 horas e que espera convocar a cerca de 600 participantes.