O concello de Poio rexistra na actualidade uns datos de desemprego que se sitúan nos mínimos dos últimos anos. Así o confirmou o concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, que cifra en máis dun 17% o descenso de persoas en paro rexistrado desde xaneiro ata a actualidade.

Actualmente, Poio conta cunha taxa de desemprego do 10,7%, a porcentaxe máis baixa desde antes de 2006. A día de hoxe son un total de 844 os veciños e veciñas que non dispoñen de posto de traballo, mentres que a comezos de ano esta cantidade cifrábase en 1.201. “A tendencia durante todos estes meses foi a de ir reducindo paulatinamente estas cantidades. Aínda queda moito camiño por percorrer, pero imos pola senda correcta”, entende o edil, que lembra que “se ben a capacidade de manobra da Administración local no que a xeración de emprego se refire é limitada, en Poio poñemos a disposición da cidadanía ferramentas para potenciar a formación e impulsar o emprendemento”.

O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo deu a coñecer estes datos durante a presentación do curso de formación de caixa e reposición, un ciclo co que se pecha o¡ programa de obradoiros formativos impulsados por este departamento no que vai de ano.

As clases impártense no Centro de Formación da Reiboa, en horario de 9.00 a 14.00 horas, e finalizarán o 10 de outubro.