Un cento de estudantes de Terceiro da ESO do IES de Poio traballarán arredor da Axenda 2030 a partir da novidosa exposición sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible creada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o Concello é socio. A exposición amosase no centro educativo desde onte, 24 de xaneiro ao 7 de febreiro, no marco do Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Os municipios teñen un papel chave no cumprimento dos ODS, fixados pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades dentro dunha década, pero para acadalas o primeiro paso é dalas a coñecer, e mellor se se fai dun xeito entretido, empregando o humor e a retranca que nos caracteriza para facelas máis comprensibles.

Na exposición “Os ODS. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá”, cada unha das 17 metas está representada por unha viñeta dunha autora ou autor, tanto de Galicia coma de países africanos da Lusofonía como son Mozambique, Cabo Verde e Guinea-Bissau. A través das obras destes 15 debuxantes, preténdese fomentar a reflexión, a nivel local e global, sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a equidade de xénero ou a protección do planeta. Ao tempo, búscase concienciar sobre as medidas que cadaquén pode tomar e esixir ao respecto.

Banda deseñada

O Fondo Galego volve apostar así por accións que vinculan a sensibilización co mundo da arte e da cultura, co fin de implicar a este sector e visibilizalo. Ademais, fíxose un esforzo especial por incorporar autoras, tendo en conta que a banda deseñada é un xénero especialmente hostil para as mulleres, non só pola perpetuación dos roles de xénero senón tamén por manter ás ilustradoras nun segundo plano.

Na exposición póden atoparse as sinaturas de Neivaldo Nhatugueja, Iago Araujo, Pablo Rosendo, Roberto Mendes, María Nóvoa, Alberto Fortes, María Vilar, Jano, Alicia Jaraba, Clara Patiño, Paula Esteban, Noemí López, Laprislazuli, Tokio e o colaborador de FARO DE VIGO Luis Davila. A mostra resulta tamén innovadora polo seu formato, xa que as ilustracións van montadas sobre grandes caixas de cartón, e incorpora asemade unha unidade didáctica, pensada inicialmente para Secundaria.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 99 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.