Un ano máis, a campaña “Ningunha crianza sen sorriso” resultou todo un éxito, grazas á implicación e á solidariedade da veciñanza. A iniciativa, impulsada pola Concellería de Benestar Social e Mocidade, ten coma obxectivo recadar xoguetes de segunda man, que se atopen en bo estado, para darlles unha nova vida a modo de agasallo para as familias con menos recursos económicos do municipio.

Tal e como reza o nome da campaña, o que se busca é que “todas as crianzas de Poio poidan gozar como merecen do Nadal”, tal e como explica a titular do departamento, Rosa Fernández. O período de entrega de doazóns rematou este xoves e, ao igual que en edicións anteriores, o balanzo é moi positivo.

Fernández González calcula que os xoguetes entregados de forma altruísta por veciños e veciñas serán repartidos entre máis de 80 nenos e nenas de todas as idades. Entre os xoguetes entregados atópanse bonecas, xogos de mesa e tamén libros, así como triciclos e bicicletas. “Están todos en perfecto estado e moi limpos, que eran os requisitos que esixiamos. É de agradecer a implicación e o espírito colaborativo da nosa cidadanía, que permitirá que en moitos fogares de Poio as crianzas poidan vivir con ilusión estas datas tan sinaladas”, resaltou a concelleira de Benestar Social e Mocidade.

Unha vez finalizadas as entregas, ao longo dos próximos días procederase ao empaquetado dos agasallos, labor que desenvolve de xeito altruísta Silvia Ramírez, integrante da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Samieira, repetindo así a súa implicación ao igual que en edicións anteriores. Rosa Fernández expresou o seu agradecemento e dedicación, xa que “o seu papel é vital para o desenvolvemento desta campaña”. Nos vindeiros días o departamento de Servizos Sociais comezará o reparto dos xoguetes.

Encontro de maiores, limitado

Por outra banda, Rosa Fernández lembrou que o Encontro de Maiores, que terá lugar o vindeiro 15 de decembro na Casa Rosada, será con aforo limitado a 60 persoas, polo que as persoas interesadas en participar deberán reservar praza previamente chamando ao 986872401.

Desde as 17.00 horas, as dependencias municipais acollerán diferentes actividades, cumprindo con todas as medidas sanitarias correspondentes, entre as que se inclúe o Bingo Entretido, unha chocolatada e un concerto a cargo do compositor e cantante Miguel Martínez.