Unha extensa nómina de artistas protagonizará mañá, día 5, a “Gala da Memoria” da Deputación, un evento musical e audiovisual que servirá para reivindicar e homenaxear ás vitimas da ditadura, ao cumprírense 85 anos dos asasinatos da Caeira.

Un cartel de luxo con Uxía, Sheila Patricia, Pedro Pastor, Wöyza, García MC, Su Garrido Pombo e Eladio Santos é a proposta da gala, aberta a todo o público. “Poranse enriba do escenario unha miscelánea de artistas de moi diferentes xéneros”, avanza a organización, “que coas súas voces, en solitario e a través de duetos e colaboracións, homenaxearán ás vítimas da ditadura co gallo do 85 aniversario dos asasinatos de A Caeira.

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, vén de habilitar no día de hoxe a inscrición para asistir á gala. A institución provincial indica que todas as persoas que queiran asistir poderán facelo ata completar o aforo (772 prazas) totalmente de balde, mais será preciso reservar praza previamente no formulario dispoñible en depo.gal.

 

A inscrición, totalmente de balde, está aberta dende hoxe en depo.gal

 

Engaden que “o espectáculo pretende ser unha nova oportunidade para visibilizar que a música é unha ferramenta poderosa e unha boa aliada da memoria histórica para reivindicar, xerar emocións, e conectar co público a través tamén do humor, rebeldía, irreverencia e compromiso”.

A gala tamén reservará espazo para creación audiovisual de Juanma Lodo, un dos talentos da vídeocreación galega.

O Pazo recibirá tamén o soul e hip hop de Wöyza

“Haberá unha grande participación de xente moi nova”, precisan. María Lado e Lucía Aldao (Aldaolado) “un dúo moi coñecido en toda Galiza, caracterizado por estar formado por dúas poetas que utilizan moito o humor nos seus espectáculos”, serán as conductoras do acto, “abordando a memoria na provincia a través de pequenos monólogos”.

 

Aldaolado darán paso a varias das artistas que participaron no documental Acorda: Eladio Santos, Sheila Patricia e Su Garrido Pombo, así como Lois Pérez, guionista e condutor do documental, ademais de Uxía, que é a responsable da dirección artística do acto.

Uxía, Sheila Patricia, Pedro Pastor, Wöyza, García MC, Su Garrido Pombo e Eladio Santos é a proposta da gala. En solitario e a través de duetos e colaboracións, homenaxearán ás vítimas da ditadura co gallo do 85 aniversario dos asasinatos de A Caeira

A Deputación precisa que no caso de Eladio Santos, “ademais da peza do documental presentará algún tema novo dentro da temática da memoria, ao igual que Sheila Patricia, unha revelación para moito público pola súa capacidade de emocionar e trasladar sentimentos, algo que conseguiu en Acorda coa canción Manolo mío”.

Aldaolado darán paso a varias das artistas que participaron no documental Acorda: Eladio Santos, Sheila Patricia e Su Garrido Pombo, así como Lois Pérez, guionista e condutor do documental, ademais de Uxía, responsable da dirección artística do acto

Polo que respecta a Su Garrido Pombo, a organización da “Gala da Memoria” destaca que se trata “dunha das cantautoras máis sobresaíntes do panorama galego que produce e traballa con loops, algo que permite unha sonoridade moi diferente que se une a un discurso moi comprometido. Ela, xunto con Uxía, fixo a banda sonora de Acorda, que será protagonista no Pazo da Cultura”.

A gala aposta por talentos emerxentes como Pedro Pastor, fillo de Luis Pastor e sobriño de Pedro Guerra

Con respecto a outros participantes, engaden que a gala servirá tamén para dar a coñecer outras músicas e novos talentos emerxentes. “Pedro Pastor, fillo de Luis Pastor e sobriño de Pedro Guerra, que leva no ADN o compromiso da súa familia”, explican, “vai traer a Pontevedra –estará por primeira vez en Galiza nunha gala- unha peza de moito impacto co seu videoclip titulada “Los Olvidados”, ademais de outras do seu último traballo “Vueltas”.

 

Ademais, destacan que o Pazo acollerá o soul e hip hop “e música persoalísima de Wöyza, unha muller cunha grande traxectoria que agora mesmo está a traballar nun proxecto novo chamado The Galician Messengers, no que rescata cancións da tradición galega e medieval, cun repertorio integramente en galego do que traerá unha pequena mostra en formato dúo cun DJ”.

 

García MC, outro dos talentos do hip hop galego con moita proxección en Latinoamérica, será o que completará o elenco “facendo gala do seu compromiso co idioma, a identidade e a memoria”.