A librería Maraxe de Cangas acollerá este venres 15 a presentación do libro "Da Carapuchiña ao señor Lamote", de Miguel Vázquez Freire. O autor estará acompañado nesta presentación pola profesora María Xosé Jiménez González e polo actor e titiriteiro Tatán de Tanxarina.

"Da Carapuchiña ao señor Lamote" é unha recompilación de artigos publicados por Vázquez Freire na Revista de Ensino Galego, coa finalidade de recuperalas e xuntalas nun só volume, ademais de fomentar a lectura dos clásicos da literatura infantil e xuvenil e as súas versións en galego.

As narracións están dirixidas aos escolares e a obra está publicada por Edicións Xerais, que presenta o libro como "unha ollada galega e orixinal da historia da literatura infantil e xuvenil. Por que o lobo debe seguir comendo á Carapuchiña? Era Alicia unha nena burguesa? Contra a absurda concepción de opoñer unha cultura elevada fronte á literatura infantil e xuvenil".

Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951) é catedrático de Filosofía e escritor. Está vinculado ao Grupo Andersen para o fomento da literatura infantil e xuvenil.

O acto que se celebrará en Cangas comezará ás 20.00 horas na librería Maraxe, da avenida de Marín 9. Nesta mesma xornada pero pola mañá, o autor achegarase ao IES de Rodeira para impartir unha charla aos escolares.