O Fato Cultural Galego Daniel Rodríguez Castelao conformouse como tal no ano 1976 –o mesmo no que Xosé Novoa comezou coas misas en galego– e desde entón promove o idioma e a cultura entre os que quedan en Pasaia. Aínda que moitos son descendentes –xa nacidos en Euskadi– levan consigo un forte sentimento de arraigo tras pasar os veráns da súa nenez en Galicia, cando seus pais voltaban por vacacións.

É o caso de Filipe Domínguez (1963, Donosti), actual presidente da asociación, que fala con gheada e seseo e que hai xornadas nas que non di palabra en castelán. “Depende de con quen me atope pola rúa podo rematar o día sen empregar máis que o galego e o euskera”, destaca sobre a idiosincrasia do lugar.

“Hai moita xente por Trintxerpe que fala o idioma porque os seus pais ou os seus avós non sabían castelán. Por iso, aínda que viñeron ao mundo en Guipuzkoa, exprésanse nel. O que pasa é que as terceiras xeracións xa non o aprenden porque a política lingüística esta a conseguir que a xente nova teña un sentimento de identidade forte co euskera, xusto ao revés do que acontece en Galicia”, resume pausadamente.

Na actualidade a entidade que dirixe dispón dun blog, unha páxina de Facebook e incluso unha canle de Telegram a través da cal distribúen contido relacionado con Galicia e a súa lingua.

Cultura polos catro costados

Na Escola Municipal de Música de Pasaia impártese ‘Gaita Galega’. E segundo conta Filipe, débese a dous homes que premían o fol despois das misas en honor á virxe do Carme, durante a procesión (típicamente mariñeira). “Estes señores colaboraban de balde no acto, mais un ano non puideron vir e houbera que contratar a outro. Aos poucos meses xa estaba dando clases aquí”, explica sobre como se iniciou esta ensinanza.

O Fato botou a andar fai máis de catro décadas, pero continúa activo –aínda que algo menos que nos primeiros anos de vida e o coronavirus tampouco axudou–. Presentacións de libros, concertos, homenaxes aos mariñeiros mortos faenando, andainas ou o magosto son algunhas das celebracións que alimentaban o espírito dos emigrados a máis de cincocentos quilómetros de distancia.

Nun pequeno trasteiro, Filipe garda –ordenados en carpetas– carteis dos eventos que se levan feito estes anos, xornais, libros, música en galego ou fotografías de figuras como o poeta Manuel María, co que gardaron unha relación estreita desde a entidade. Tanto foi así que son numerosos os rexistros de imaxes que atesouran del, así como un poema que o lucense escribiu en 1990 para Ramón Cabanillas –que se asentou en Barakaldo– cunha dedicatoria: “A todos os patriotas e amigos do Fato Daniel Castelao de Trintxerpe, coa emocionada e agradecida amizade de Manuel María”.

O ano que a Real Academia Galega propuxo ao autor de ‘Terra Cha’ como candidato para ser homenaxeado co Día das Letras, desde a entidade cultural enviaron unha misiva apoiando a idea.

“Ao seu labor no eido artístico, Manuel María xunguíao un forte espirito militante de loita a prol do noso idioma, que o levaba a participar en canto feito, cultural e/ou político se artellara, mesmo na Galicia interior coma no universo da nosa diáspora emigrante (á que sempre lle profesou un agarimo especial)”, expuxo o por aquel entón presidente la organización,Manoel Irixoa.

Tamén hai, entre as instantáneas, algunhas do poeta Uxío Novoneyra, que viaxou a Euskadi en varias ocasións.

En definitiva, en Pasaia resisten un sinfín de letras, música e arquivos que fixeron sentir, aos pais de todos os Migueliños, sempre en Galiza. En Pasaia resiste o idioma de Castelao.