Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

A arqueoloxía na revista Nós

A arqueoloxía na revista Nós

Como saben, este ano estase a celebrar o centenario da publicación da revista Nós. Aínda que gran parte dos actos víronse adiados ou escurecidos pola pandemia que ocasionou o COVID-19, Galicia non pode permitirse esquecer que o día 30 de outubro de 1920 viu a luz o primeiro número. Hai xa cen anos que nacera. Vaise publicar entre 1920 e 1936, coa excepción da etapa do Directorio Militar da ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera. Volverá a editarse en 1925, na significativa data do 25 de xullo, coa colaboración xa oficial dos membros do Seminario de Estudos Galegos (o SEG), xa que a institución foi creada en 1923, e co impulso de Ánxel Casal. E así proseguirá ata a súa definitiva clausura no ano 1936.

Os personaxes esencias para o nacemento da revista, que procedían de contextos culturais e sociais diferentes, foron Vicente Risco, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Alfonso Rodríguez Castelao e Ramón Otero Pedrayo. Imprescindible para a cidade de Ourense foi o denominado "cenáculo ourensán", formado por Risco, Cuevillas e Otero Pedrayo.

Na súa andaina editorial divulga traballos con contidos moi variados, entre eles os que atinguen ás temáticas etnográfica, histórica, filosófica, lingüística, artística, literaria ou de pensamento político. Máis agora quero falarlles, aínda que sexa sen entrar polo miúdo, dos que teñen que ver coa arqueoloxía, e con especial referencia ás etapas prehistóricas. Tamén nos centraremos nos principais colaboradores que se dedicaron a estudar o noso pasado e que sen dúbida dous foron os protagonistas destacados. Por esta orde, Florentino Cuevillas e Fermín Bouza-Brey.

Pero antes de seguir adiante, debemos facer unha aclaración. Cando nos referimos a Nós, non só se trata da revista homónima. Concibimos Nós como un conglomerado cultural, un "universo Nós" formado, xunto coa revista, pola Imprenta Nós, que ademais fai tamén de editorial (Nos, Publicacións Galegas e Imprenta) e, como non, ese importantísimo centro de investigación científico chamado SEG. Case son os mesmos investigadores e creadores culturais os que participan, colaboran ou publican tanto na revista como a través do selo da imprenta, e que despois continuarán escribindo na revista periódica Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, publicación oficial do SEG entre 1927 e 1934.

Esta rede técese por medio duns activos e prolíficos vasos comunicantes que nos axudan a entender como se xera a investigación en Galicia, dun xeito paralelo e colaborativo coa Universidade, cos museos, e coas comisións provinciais de patrimonio e, sobre todo, como vai continuar, iniciada a década de 1940, co nacemento doutras institucións, especialmente o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento a partires de 1943, que no básico é herdeiro do SEG.

Máis os inicios de Nós foron heterodoxos. Avanzada a década de 1910, os intelectuais deste grupo, especialmente os do "cenáculo ourensán" están a experimentar unha metamorfose intelectual e, case, de valores. Aquela década fora convulsa, con acontecementos moi marcados e que deixaron unha fonda pegada nos europeos da época. Evidentemente non é agora o momento de glosar esta etapa tan destacada, pero si cremos oportuno cando menos citar algúns acontecementos de tipo social, político e cultural que caracterizaron aqueles anos, e que dalgunha forma influíron no pensamento da época.

Desta forma, no ano 1912 Irlanda, país naquel momento integrado no Reino Unido, adoptaba a "Home Rule", un estatuto que lle permitía unha certa autonomía ata a súa independencia en 1922. En 1914 estoura a a Primeira Guerra Mundial. É sabido que o magnicidio de Saraxevo foi a causa diplomática do conflito, máis no fondo da cuestión subxacen as políticas expansionistas dos imperios contendentes. Algunhas actitudes contra grupos étnicos aínda causan arrepíos na actualidade, como a masacre perpetrada polo imperio otomano contra os armenios en 1915.

Mesturado coas consecuencias deste conflito global, en 1917 desencadéase a Revolución Rusa, que tanto pavor infundiu nas clases medias tradicionais do momento. O trunfo dos bolxeviques culmina coa execución da familia real rusa dos Romanov en 1918 e a proclamación da III Internacional en Moscú en 1919.

Outro episodio histórico que queremos destacar é a presión que exercen dúas ideoloxías totalitarias antagónicas (nazismo e comunismo) sobre a República de Weimar en Alemania, período democrático iniciado en 1918 e que remata afogada polo ascenso do nacionalsocialismo en 1933. Nesta mesma etapa, na cidade de Weimar, xurde en 1919 a Bauhaus de Walter Gropius.

Risco foi observador privilexiado desta situación na súa estadía de estudos en Alemania, a onde marcha en abril do ano 1930 para estudar Etnografía na Universidade de Berlín. A experiencia, que compendia na súa obra Mitteleuropa (1934), acentúa a súa traxectoria cara a un pensamento máis conservador e tradicional católico.

Non queremos deixar de citar nesta mesma década de 1910 a pandemia daquel momento, a Gripe (mal chamada) Española de 1918. A enfermidade foi moi letal, acabando entre 1918 e 1920 con máis de 40 millóns de persoas no mundo, aínda que na actualidade descoñecemos a cantidade exacta de vítimas daquela pandemia, considerada como unha das máis devastadoras da historia. E referímonos a ela como "mal chamada española" porque aínda hoxe a súa verdadeira orixe é escura. Non poucos investigadores detectan os primeiros brotes na base militar de Fort Riley, en Kansas, en marzo de 1918.

Pero volvamos coa xente de Nós. Cuevillas é un excelente exemplo da rápida evolución de pensamento dos compoñente desta xeracións de intelectuais. Como xa todos vostedes saben, non foi arqueólogo nin historiador profesional, "titulado". De feito licenciouse en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela e a súa vida profesional transcorreu como funcionario de Facenda na Delegación de Ourense. Polos seus escritos de 1920 é doado deducir que naquel momento estaba interesado pola historia contemporánea. As súas primeiras achegas, de tipo político e de crítica literaria, aparecen en xornais como El Miño, Faro de Vigo, Diario de Orense, El Pueblo Gallego ou La Zarpa.

Importante foi ademais outra etapa, cunha actitude estranxeirizante, culturalista, ás veces case nihilista, que o conduciu á Teosofía, doutrina ocultista que tamén influíra noutros membros de Nós. Antes da década de 1920 tanto o propio Risco coma outros intelectuais, entre eles Primitivo Rodríguez Sanjurjo ou Florentino Cuevillas, integráranse na corrente teosófica abandeirada en España por Roso de Luna, fundando Risco e Arturo Noguerol en 1917 a revista neosófica La Centuria.

Outro aspecto a ter en conta é o contexto universitario do momento. Non será ata o ano 1922, dous máis tarde da publicación de Nós, é so un antes da fundación do SEG, que se oficializan os estudios históricos na Universidade de Santiago de Compostela, creándose no mesmo ano a Sección de Historia na única universidade galega existente naquela altura do século XX. O primeiro efecto visible foi a publicación en 1923 da primeira síntese da Prehistoria de Galicia por Hugo Obermaier, "Impresiones de un viaje prehistórico por Galicia", no Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos de Orense.

Sen dúbida a irrupción de Nós representou unha fonda renovación do pensamento científico, coa modernización das liñas de investigación e dos métodos, coa ollada posta nos traballos que se están a desenvolver noutras zonas de Europa. Os efectos desta busca marcarán e caracterizarán as publicacións de tipo histórico, etnográfico e, como non, arqueolóxico. E todo iso coa potenciación da identidade galega, dado que Galicia será o laboratorio de investigación preferente: métodos de carácter universal aplicados a temáticas de investigacións locais. Noutras palabras, "think global, act local".

A situación anterior en relación cos estudos históricos en Galicia, estaba protagonizada por investigadores con métodos clásicos e narrativas caracterizadas por unha forte compoñente romántica.

Referímonos a traballos destacados de Manuel Murguía ( Historia de Galicia, 1865), Benito Vicetto ( Historia de Galicia, 1871), Villamil y Castro ( Antigüedades Prehistóricas y Célticas de Galicia, 1873), Saralegui y Medina ( Estudios sobre la época céltica en Galicia, 1867) ou Ramón Barros Sibelo ( Antigüedades de Galicia, 1875), é o que, agás contadas excepcións, vai chegar ata a segunda década do século XX.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats