O Colectivo Exeria é unha asociación creada en Lugo co obxectivo de promover e difundir a cultura galega. Proximamente publicará o libro “Lois Peña Novo, 55 anos despois. Lugo: Lembranzas, inéditos e rehabilitación” para o que escribín un limiar pola miña condición de presidente da Fundación que leva o nome do homenaxeado.

Foi Peña Novo unha figura clave na construción do discurso galeguista do primeiro terzo do século XX, superador da visión literaria que naquelas décadas tinguía a reivindicación da identidade galega. Con Peña Novo o galeguismo entra na modernidade con achegas intelectuais decisivas nun tempo de grandes transformacións sociais, económicas e mesmo políticas. Cofundador das Irmandades da Fala, foi o primeiro concelleiro que falou en lingua galega nos plenos do concello de A Coruña e quen colocou por primeira vez a bandeira galega no mastro da Casa do Concello. O seu pensamento nacionalista queda expresado neste texto publicado en 1930, reprochándolles a moitos galego os medos : “Medo a manifestárense integramente galegos; galegos na lingua, galegos na arte, galegos na política; galegos en todas as afirmación da nosa vida individual e colectiva. Medo a seren, nunha palabra, demasiado galegos”.

Para escorrentar tales medos aniñados nun amplo sector da sociedade galega, a Fundación Peña Novo convoca todos os anos os premios que levan o seu nome coa intención de recoñecer a afouteza daquelas persoas que dignifican Galicia a través do idioma nas distintas manifestacións da actividade humana.

O xurado formado por persoas prestixiosas en cadanseu ámbito profesional, compostosto por D. Jorge Mira, catedrático de Física Aplicada da USC; Dª Celia Pereira, avogada e presidenta da Fundación Vicente Risco; Dª Ana Mosquera, avogada; D. Martin Fernández, xornalista, e Dª Carme Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo, acordaron conceder os premios correspondentes á XXVI edición a:

D. Rodrigo Romaní, embaixador da música tradicional galega no mundo con máis de 40 anos de impecable traxectoria. Desde 1978 ao 2000 como integrante do grupo Milladoiro; máis tarde como director da Etrad, Escola de Música Folk e Tradicional de Vigo, e da Banda de Música SonDeSeu, un proxecto pioneiro de renome en paises europeos.

Dª María Luísa Castro Cerceda, doutora en bioloxía. Foi profesora titular na Facultade de Bioloxía e Ciencia do Mar da Universidade de Vigo onde desenvolveu o seu maxisterio académico impartindo aulas en galego. É autora dunha ampla obra individual en galego que a sitúa como un referente fóra das nosas fronteiras. Defensora do uso da lingua galega no eido científico, co seu traballo ten contribuído á galeguización dun sector onde o uso do noso idioma é minoritario.

Asociación Nova Escola Galega, por tratarse dun colectivo sociopedagóxico que desde 1983 vén traballando coa finalidade de construír un sistema educativo en galego, público e democrático, implicando a persoas tanto do ámbito educativo como da sociedade en xeral, exercendo un labor de renovación pedagóxica en todos os niveis do ensino en Galicia. Fai fincapé o xurado no compromiso de Nova Escola Galega na defensa e utilización da lingua galega na formación de moitas xeracións de estudantes.

Canta razón tiña Peña Novoa cando afirmou: “Nada valen homes cultos en Galicia sen unha cultura galega. Porque as nacionalidades sen cultura propia sempre serán engulidas polas nacionalidades máis cultas”. A cultura non é máis ca o desenvolvemento das forzas que residen nun pobo cara unha estrutura harmónica na que a lingua é o eixo vertebrador.

Quedan convocados ao acto de entrega dos premios o próximo día 2 de xullo no Castelo de Soutomaior.