Sr. Caballero, son un membro fundador da asociación cultural sen ánimo de lucro PineirÓns, vinculada á illa de Ons e que, a carón dos nosos obxectivos cara a esta illa, estamos incluídos dentro do censo de asociación promotoras do Camiño de Santiago, concretamente, no que a Ruta Marítima se refire.

Levamos, como agrupación, 23 anos reivindicando a ampliación da Ruta Xacobea Marítima dende A Guarda, seguindo a derrota que levaron, segunda conta a lenda, os discípulos do Apóstolo, na súa barca de pedra, para o traslado do seu corpo e pasando polas Illas Atlánticas maiores, de aí que o nome que propoñemos a este Camiño Xacobeo é “Ruta Xacobea Marítima das Illas Cassitérides”.

Ata o de agora, dende a Xunta, Consellería de Cultura e Dirección Xeral de Turismo fixeron caso omiso desta idea, e só inclúen a Ruta Marítimo-Fluvial de Arousa-Ulla e, para iso, polo menos ata este ano, con escasa repercusión comparado con outras rutas. Queremos animalo, debido a que é un bo revulsivo para a Xunta, a que está considerado un bo xestor e que ten moitas luces (dito con todos os meus respectos), a poñerse ao fronte desta petición de ampliación oficial da Ruta Xacobea Marítima.

A idea é sinxela. A Ruta podería partir de A Guarda, aínda que é un porto complicado para a navegación, polo que podería ser o lugar de inicio Vigo ou Baiona. Logo a singradura tería que percorrer, e parar a selar a Compostela de xeito obrigatorio, nas illas atlántica maiores: Cíes, Ons e Sálvora, para logo adentrarse pola ría de Arousa e selar no concello de O Grove (recordar que foi illa, descubriuse no seu municipio a única moeda coa talla da traslatio e ten, na illa da Toxa, unha capela forrada de cunchas peregrinas), logo seguir a navegación cara á illa de Arousa, selar no seu concello, para deseguido chegar á illa de Cortegada. O selo nas illas do Parque faríase nos C. Visitantes.

Na enseada de Vilagarcía, segundo a preparación dos patróns e a envergadura dos barcos peregrinos, poderán animarse a remontar o río Ulla ou preparar uns fondeadoiros onde quedarían os barcos, sendo as tripulacións peregrinas trasladadas ata Padrón polos numerosos barcos de pasaxeiros especializados que hai en O Grove para ese remonte. E xa dende alí, seguir o Camiño Portugués ata Santiago. Esta si sería a Ruta Marítima Xacobea Auténtica seguindo a tradición da translación do corpo do Apóstolo Santiago.

Coido, Sr. Caballero, que sería todo un desafío e contribuiría a relanzar as Illas Cíes pertencentes ao seu municipio. Non sería moito atranco probar a reunirse cos alcaldes de Bueu, Ribeira, O Grove, Illa de Arousa, Vilagarcía para presentarlles a idea e logo levala á Consellería de Cultura e á Dirección Xeral de Turismo para afianzala.

Podería ser un proxecto que repercutiría no turismo náutico de toda a comunidade, movería os barcos do seu soño letárxico nos clubs náuticos, podería facerse en diferentes etapas que deran pé a percorrer as rías e os seus pobos, atraería a nautas de todo o mundo,... Anímese a coller o temón deste proxecto cos municipios citados.