Son profesor de secundaria no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e teño 59 anos.

O día 15 de marzo puxéronme a primeira dose da vacina Astra Zéneca. Supostamente tiñan que poñerme a segunda dose nun prazo de 12 semanas. Durante todo o mes de xuño vin como ían chamando a todos os meus compañeiros e compañeiras para poñer a segunda dose. Nun principio non lle din maior importancia ao feito de que a min non me chamaran, pero cando vin que xa prescribiran as 12 semanas comecei a preocuparme.

Chamei ao número de incidencias (881 00 20 21) e dinlle os meus datos. Despois de facer as súas comprobacións dixéronme que pasaban a incidencia e que me chamarían. Pero pasou unha semana máis e seguimos nas mesmas. Volvín a chamar onte mesmo (día 1 de xullo). Moito me temo que o resultado vai ser o mesmo.

Mentres, comprobo como o SERGAS segue citando a outros colectivos e agora anuncian que comezarán a vacinación dos menores de 30, cousa que me parece moi ben, pois canto antes esteamos todos vacinados (a lo menos os que queremos facelo), antes poderemos comezar a esquecer este pesadelo.

O curioso do caso é que os casos que coñezo que están na miña situación teñen exactamente 59 anos, e cumprimos os 60 no ano en curso, o que me fai sospeitar que debemos quedar nun limbo sanitario ubicado entre os de menos e os de máis de 60. Iso podería explicar o posible erro do SERGAS, pero para nada xustifica o feito de que, despois de feitas as correspondentes reclamacións, os responsables non parezan darse por enteirados.

Que fan coas notificacións que lles mandan desde o teléfono de incidencias. Van directamente ao lixo? Iso parece.