Por un sublime misterio este planeta xira no espazo con moita auga, e terras moi diferentes nas que vivimos varias razas e clases de xente. Está repartido en continentes, países e pobos para a nosa convivencia.

Entre países e pobos ás veces hai mal entendemento, e a cousa chega ata a guerra. Tamén é vergoña ver como uns se enriquecen doutros. Fabricamos armas e gañamos diñeiro para que se pelexen. Hai países ricos e pobres. O capital está mal repartido.

A xente migra na busca dunha mellor vida. Cando alguén ten que abandonar a seu pobo para matar a fame é cousa moi triste. Por outra parte aínda é moito peor ter que escapar do teu país por culpa das guerras.

É unha magoa que cada quen non poida ser feliz no seu pobo, pois é un dereito universal.

Algúns temos o privilexio de vivir nun pobo como noso do Rosal. Un recuncho co que a natureza nos agasallou. Onde chega o pai Miño e lle da unha aperta ás súas leiras antes de entrar no mar. O mesmo mar que polo oeste lle brinda ondas ó longo de tres quilómetros.

O Rosal, un val recostado en forma de vieira na caída do monte Campo do Couto, que lle da abrigo do noroeste. Polo norte están os muíños do Folón e do Picón, que baixan en escaleira para servirse da mesma auga. No leste aparece outro monte, o Niño do Corvo cunha altitude suficiente para desfrutar dunhas vistas que poden competir co famoso Santa Trega.

Unha terra fértil e morna polo seu microclima, ideal para o cultivo da horta, da vide, que produce un dos mellores viños do mundo; abundan os famosos mirabeles, limoeiros e laranxeiras...

Así é o noso pobo. Todos os que vivimos aquí temos a obriga de coidar esta terra da que podemos gozar. Moitas veces non apreciamos o que temos diante e engánanos a cobiza doutras cousas que están lonxe. Estamos no universo, pero temos que coñecer ben a nosa entorna para podela apreciar e coidar na cercanía. Sementemos a nosa terra. Non merece estar erma.